Sobre o porqué destes artistas
Manu Arregui centra o seu traballo no labor de creación dixital, e máis concretamente no modelado en 3D. Os seus temas son os xogos perversos coa adolescenza, transferidos a un mundo adulto onde a morte e os cadáveres, ou ben o sexual, a través do cuestionamiento da masculinidade, se dan a man en obras de pretendida factura xuvenil, como xogos de vídeo-consola, ou imaxes de ficción utilizadas na industria cinematográfica americana dedicada ó entretenemento xuvenil.
O traballo de Carles Congost versou desde sempre sobre a perda da inocenza dentro do universo adolescente, inmiscuído no que podemos denominar como cultura de club, e en todo o mundo de groupies e fans que conleva. Pero só formalmente, xa que ó final a súa crítica se cimenta corrosivamente no propio mundo da arte, na crítica e no papel autárquico do comisario.
Os vídeos de Jon Mikel Euba presentan fortes referencias cinematográficas, pero en esencia moitos deles semellan xogar coa idea dos rapaces cuadrilleiros, terroristas, delincuentes, ou semellan cuestionarse de xeito cómico e irónico as imaxes en si mesmas, a diferencia entre o que parece que observamos e o que realmente estamos a ver.
A través da súa marca STP> Soy tu Puta, Joan Morey creou sempre imaxes impactantes á hora de deconstruír a idea da masculinidade, utilizando drag-queens, ou ben amosando a alteridade sexual de forma explícita e sen enganos. Pero ademáis, a marca é un reflexo malintencionado a través do cal o artista cuestiona as formas de sometemento e dominación do mundo da arte ao propio artista contemporáneo.
Sergio Prego amósanos a súa pasión polos heroes do cómic, pola ciencia fición e pola aparataxe cinematográfica. En moitas das súas obras el mesmo pretende ser un pequeno heroe máis, tentando fazañas de imposible factura, que pasan por desafiar as leis da gravidade, ou deter o tempo. Aínda así, os seus traballos non deixan de ter unha grande forza visual, converténdose en verdadeiros espectáculos.
Pepo Salazar é outro dos artistas que, influídos pola performance e polo vídeo-clip, amosa a irreverencia dos comportamentos xuvenís. Dende skaters ou rapaces da rúa facendo pinchacarneiros coas súas bicicletas nun espacio artístico, ata actos vandálicos como o xogo con extintores de incendio, as imaxes case parecen sacadas dun noticiario logo dun grave incidente.
Para rematar, Fernando Sánchez Castillo utiliza a idea do xogo nos seus traballos, pero dende unha visión e cun cariz político-social. Así, os seus vídeos amosan por unha banda a idea do artista como executor político para a toma de golpes de estado -co seu camión-tanqueta ao máis puro estilo republicano- ou ben, noutros traballos, a destreza dos estudiantes dos anos setenta á hora de expulsar e impedir o paso nas facultades á policía franquista a cabalo.