“Situado en pleno corazón da cidade, o MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, atópase inserido na zona comercial por excelencia. Escaparates, galerías comerciais e espacios públicos rodean o que ata 1976 foi un lugar asociado coa orde, a administración da xustiza e mailo castigo. O novo museo repite a tipoloxía arquitectónica, a estructura orixinal da prisión en forma de panóptico radial, cunha entrada frontal e un punto central dende onde arrancan as galerías, separadas por patios de dimensións xenerosas.
A exposición CARDINALES inspírase nesta tipoloxía arquitectónica, no seu significado e nas súas implicacións históricas. Pretende celebra-la transformación do uso do edificio, así como a noción de museo de arte contemporánea como espacio de liberdade, de sociabilidade e de obtención de coñecemento e pracer. De lugar de reclusión a espacio de deleite, de estar destinado a illar individuos da sociedade a reunilos nunha actividade eminentemente participativa.
Conecta-la nova actividade do edificio coa vida cotiá da cidadanía e mailos visitantes é unha das intencións principais que animan a inauguración da institución. A exposición contén un carácter metafórico en relación á tradición mariñeira de Vigo, á orientación na navegación e, polo tanto, á mirada, á visión e ós seus avatares.
A noción de “cardinal” remítenos á rosa dos ventos, á cuadrícula imposta no espacio e á regulación do tempo. rnCARDINALES desprégase en tres seccións que van dándose paso as unhas ás outras no percorrido das salas do museo, dende o seu centro visual e arquitectónico cara ás galerías e, finalmente, os grandes patios acristalados.
A primeira sección está dedicada ós fenómenos de control, vixilancia e orde na sociedade. Facéndose eco da formulación orixinal de Jeremy Bentham (1748-1832), a prisión panóptica é un instrumento para reinserir na sociedade a aqueles individuos cunha conducta que os fai excluíbles. A prisión é un instrumento de control e punición organizado sobre a economía do espacio e maila eficacia da vixilancia. Esta vixilancia é ocular, e sitúa ó vixilante na posición de poder controlar dende un único punto o contido e maila evolución do conxunto. O panóptico é unha estructura estática. Nesta sección podemos atopar obras como as esculturas e instalacións dos británicos Langlands & Bell, vídeos de Annika Larsson, debuxo do panóptico de Jeremy Bentham, ou unha instalación multi-media de Harun Farocki. Outros artistas relacionados con esta sección son: Muntadas, Tony Oursler, Montserrat Soto, Rui Chafes e James Casebere.
Oposta á primeira, unha nova sección abordará o tema da escapada, a fuxida cara a un novo horizonte, o desexo de liberdade e maila viaxe a outra parte. Oposto á opacidade e á inmobilidade na que vive o recluso, atoparemos ó individuo na procura de novas metas, a paisaxe aberta e maila experiencia dun tempo en constante movemento, abrupto, trepidante. Poderemos gozar aquí de obras como as series fotográficas de Esko Männikkö, unha obra cinematográfica de Tacita Dean, documentos de Constant Nieuwenhuis sobre a súa cidade-mundo ideal New Babylon, a catedral do pracer de Nicolas Schöffer, ou Bas Jan Ader e Jorge Barbi.
Entroncadas coa estructura do panóptico e mailo seu particular resumo do tempo, unha serie de obras exemplificarán a importancia que o dispositivo visual, a máquina de ver e mailos aparellos escenográficos adquiriron na creación contemporánea. Obras de Eulalia Valldosera, Sergio Prego, Anri Sala e Pavel Althamer, entre outros. Dende a relación interior - exterior, a visión panorámica será introducida como correlato negativo do panóptico, a arquitectura circular estará considerada como un loop espacial, e a sucesión de imaxes como materialización do desexo de totalidade.
CARDINALES non é unha exposición demostrativa, senón evolutiva e representativa. Será evolutiva porque vai estructurarse en forma de vaivéns visuais e de contido, fuxindo da linealidade. Será representativa porque vai aborda-la necesidade actual de relectura da historia recente da arte, fóra de cánones oficiais e aberta a novas perspectivas formais e intelectuais. A exposición non busca instituír novos nortes na arte de hoxe, senón ser un punto de encontro dende onde mirar arredor dun mesmo, cando o mundo creceu tanto que a súa cartografía se volveu case imposible.“