Sobre o sentido e o deseño da exposición
A presente exposición, "César Portela, arquitecto", nace dunha doble necesidade que se complementa: por unha parte reivindica-la figura do arquitecto nun contexto urbanisticamente maltratado como o galego, no que nas últimas décadas se construíu atendendo a criterios espontáneos que emerxían das necesidades, da conciencia (ou inconsciencia) e do capricho de calquera, sen aterse a uns dictados urbanísticos rigorosos e respectuosos cun contorno en moitos casos xa irrecuperable; por outra banda, dar a coñecer, de forma retrospectiva, o traballo dun dos arquitectos galegos cunha das traxectorias máis sólidas: César Portela. O exemplo doutros países cun bagaxe histórico máis estable ensinounos que só desde o coñecemento, desde a concienciación, é posible construír un futuro mellor. Isto explica que se concebise con sumo coidado o deseño desta exposición, alonxándonos de esquemas excesivamente técnicos ou pretenciosos, para preferenciar unha proximación cálida, amena e didáctica á obra de César Portela, unha aproximación desde a que sexa posible aprehender a arquitectura tal e como a entendemos os que traballamos neste proxecto, isto é, a arquitectura como percepción de vida.
De tal xeito, dividimos o primeiro andar do MARCO nunha serie de áreas xeográficas independentes -Vigo, Galicia e resto do mundo- para facer máis cómoda a viaxe do espectador polo particular imaxinario de César Portela, desde a certeza de que non só compartirán con él unha serie de construccións diseminadas ó longo e ancho do mundo, senón verdadeiros fragmentos de vida intimamente conectados con determinadas culturas, vivencias, pasións ou sons. Buscamos que o público perciba a arquitectura, o traballo do arquitecto, en toda a súa proximidade e franqueza, palpando a textura dos materiais, diferenciando as súas cores, apreciando a marabillosa humildade e beleza que se agocha, por exemplo, nun modesto fragmento de estuco, ou que ese mesmo espectador se convirta en cómplice do cosmos particular do arquitecto, para o que reproduciremos un pequeno fragmento do seu denso e complexo mundo no Museo.