Co propósito de fomentar a investigación e difusión do noso pasado recente, e mantendo a súa liña pluridisciplinar con olladas cara ás artes plásticas, o deseño e maila arquitectura, o MARCO de Vigo acolle nas salas do primeiro andar unha mostra de producción propia titulada A CREACIÓN DO NECESARIO, que procura unha aproximación á historia do deseño do século XX en Galicia.
Xa o pasado ano, en xullo de 2003, outra exposición producida polo MARCO baixo o título "Indisciplinados" falábanos sobre as fronteiras entre arte e deseño, tomando como punto de partida unha nova xeración de autores españois. Neste caso a aproximación é ben distinta, e o camiño á inversa: no canto de partir das últimas creacións, o obxectivo é indagar no pasado para ofrecer claves de lectura contemporáneas sobre a historia do deseño en Galicia, as súas orixes e os seus principais protagonistas. É a primeira vez que un museo adica unha exposición temática á historia do deseño feito en Galicia ou por autores galegos.
A exposición céntrase no deseño de ámbito doméstico e no deseño gráfico, desde os protodeseños publicitarios ou de mobiliario ata o deseño gráfico actual. Eludíronse voluntariamente o deseño industrial propiamente dito, o deseño de productos multimedia ou de moda, por consideralos con suficiente entidade como para merecer, cada un deles, proxectos e investigacións específicas.
Hai que salientar a importante labor de investigación que veu acompañando esta mostra, incluida a revisión de bibliotecas e hemerotecas, arquivos persoais, visitas a coleccións privadas, verificación de fondos existentes en museos de ámbito autonómico, empresas, fundacións e particulares. Neste sentido, o obxectivo fundamental da mostra é sacar á luz o traballo oculto de numerosos autores -arquitectos, pintores, debuxantes-, as súas aproximacións ao deseño, e a súa importante contribución á cultura galega, especialmente antes dos anos oitenta, cando non existía formación regulada; cando o termo "deseñador" carecía da acepción de hoxe, e a maioría dos obxectos, deseños publicitarios, editoriais e de mobiliario eran realizados por artistas plásticos ou arquitectos.
Conforme a investigación avanzaba, os responsables do MARCO foron conscientes da necesidade de reunir nun exhaustivo catálogo todos estes descubrimentos, non só das pezas en exhibición, senón tamén de textos críticos. O resultado é unha publicación única no seu xénero, con interesantes aportacións para a consulta de expertos e público interesado, que inclúe unha antoloxía de textos críticos, desde 1916 aos nosos días, sobre a historia do deseño en Galicia que se reúnen por vez primeira nunha mesma publicación.
Nesta ocasión, a heteroxeneidade das pezas e a complexidade que supuña reunir nun mesmo espacio autores tan diversos fixeron que o museo recurrise a profesionais externos para o deseño da montaxe expositiva, para o que se contrataou ao Estudio de Arquitectura Irisarri + Piñera.
O eixo do recorrido é cronolóxico e se artella nos seguintes apartados:
1. De 1900 a 1936, período no que destacan autores como Federico Ribas, Cándido Fernández Mazas, Carlos Maside e Castelao.
- Obras: pedras litográficas, envases industriais (latas de conserva, botellas), xoguetes, carteis, pezas de deseño gráfico e publicitario, vídeo documental.
2. Da posguerra a 1975, con obras de Luis Seoane, Isaac Díaz Pardo, Alejandro de la Sota, Jesús de la Sota, José María de Labra, Caruncho, Ramón Vázquez Molezún, ou José Bar Boo, entre outros.
- Obras: pezas de mobiliario, obxectos domésticos, vasillas, téxtiles, carteis, deseño gráfico e editorial, vídeo documental.
3. De 1975 aos nosos días, con dous espacios diferenciados: un adicado ao deseño gráfico e outro ao deseño de mobles. Inclúense deseñadores como o grupo Re-visión, Imago Mundi, Manolo Janeiro ou Alberte Permuy, artistas como Francisco Mantecón, Moncho Amigo e Jesús Núñez, arquitectos como Carlos Quintáns, Jesús Irisarri, Guadalupe Piñera, Alberto Noguerol e Pilar Díez, e empresas como Justo Román S.L. ou María Martínez S.A., entre outros.
- Obras: exemplos de deseño gráfico e deseño de mobiliario.
Esta mostra non debe ser considerada como o resultado rematado e pechado dunha lectura histórica, senón como o principio dunha pescuda, como unha contribución e un punto de partida para a reflexión sobre o noso pasado máis próximo.