O proxecto: presentación e contidos
Laboratorio de audio (Audio Hacklab Escoitar.org)
O termo hacklab ven da fusión entre as palabras hacker e laboratorio. Trátase dun espazo físico onde se reúne un grupo de xente para investigar, debater e difundir temas relacionados coa rede, as novas tecnoloxías, o audio e os dereitos civís neses ámbitos, dende un punto de vista social. Nun hacklab adoita utilizarse un sistema de organización e aprendizaxe cooperativo e úsase software libre.
Escoitar.org transforma o Espazo Anexo nun hacklab temporal aberto a calquera persoa ou grupo que teña interese no fenómeno sonoro (artistas, grupos, asociacións culturais, particulares, etc.) Os contidos teñen relación directa cun debate aberto por Escoitar.org dende a súa creación: as formas acústicas de sociabilidade, a necesidade de incorporar o son ás historias dos lugares, os debates relacionados cos novos soportes na publicación e distribución de audio, os arquivos sonoros públicos e accesibles universalmente, ou as discusións sobre a configuración do patrimonio cultural inmaterial dos lugares, entre outros aspectos.
Obxectivos
A comprensión da cidade contemporánea precisa da articulación de novas estratexias que superen as limitacións dunha aproximación cuantitativa: “hai que aprender a xulgar a unha sociedade polos seus ruídos, pola súa arte e polas súas festas máis que polas súas estatísticas” (Jacques Attali).
Neste contexto, e partindo da experiencia sonora como medio de coñecemento, Escoitar.org propón —paralelamente ao laboratorio de audio— unha reflexión sobre as formas acústicas de sociabilidade repensando o espazo urbano e as relacións sociais. O contexto urbano, cada vez máis hetereoxéneo, configúrase a través dun proceso de interculturalidade e transculturalidade propiciado polo fenómeno da inmigración —na actualidade un dos factores chave do crecemento demográfico— que se presenta como unha valiosa fonte para comprender o espazo que habitamos a través da escoita allea.
O proxecto de Escoitar.org consiste en traballar con colectivos de inmigrantes e investigar sobre a súa percepción dos sons que predominan na cidade ou que teñen un especial significado, a través de enquisas e doutros medios. Un achegamento a esa obxectividade imposible que, contrastada coa opinión da cidadanía de Vigo, axudará a definir a identidade acústica da cidade, dende a diferenza. A proposta convértese así nun exercicio de “estrañamento” que busca recuperar, na medida do posible, a escoita inocente da paisaxe sonora na que estamos inmersos, establecendo simultaneamente un diálogo entre culturas.
A transformación do Espazo Anexo
O exterior
Dende o exterior, o propósito é procurar unha coherencia entre a imaxe e os contidos e funcións do espazo como Laboratorio de Audio. Para iso se utilizan varios elementos:
A rotulación e identificación do lugar como Audiolab Hacklab Escoitar.org
O revestimento dos módulos laterais con vinilos autoadhesivos simulando dous altofalantes xigantes.
As ‘escoitarillas’ —versión sonora das ‘mirillas’— como instrumentos para a escoita situados nos laterais. Arrimando a orella a estas pequenas iconas poderanse escoitar pezas sonoras baseadas no son ambiental de Vigo.
O cristal da fachada como altofalante: mediante o uso de tecnoloxías que permiten transformar calquera superficie lisa nun elemento vibrante e xerador de son, o escaparate do Anexo convértese nun emisor de audio que poderá ser utilizado para determinadas demos e accións.
O interior
O interior é un laboratorio de audio aberto e público no que os integrantes do proxecto traballarán durante as nove semanas da exposición. Unha sala equipada con medios audiovisuais e cos instrumentos necesarios para realizar investigacións, experimentos e traballos de carácter científico ou técnico, todos relacionados coa escoita e o fenómeno sonoro en xeral.
Como tal laboratorio, está dotado de instrumentos de medida, proceso, xestión e outros elementos precisos para o traballo co audio, e dispón das condicións ambientais axeitadas e controladas para asegurar que non se altere o resultado dos experimentos ou medicións, e garantir que os experimentos se poidan repetir noutro laboratorio para obter o mesmo resultado: a normalización.
Ordenadores públicos con acceso á rede
Dous ordenadores públicos con acceso a Internet servirán para o traballo co software de audio e para acceder ao mapa sonoro de Vigo a través de Google-Map-Escoitar. Un deles terá conectada unha impresora e gravador de dvd/cd para reprodución de documentación relacionada co proxecto, que calquera persoa poderá solicitar.
Sala de proxección e plató de TV
Nesta sala proxectaranse traballos relacionados coa paisaxe sonora, o software libre, o copyleft e outros vídeos que teñen en común o de seren publicados con licencias que permiten a exhibición pública sen custos. Polas mañás proxectarase o mapa interactivo da Paisaxe Sonora de Vigo, con tecnoloxía Google-Map. A sala servirá tamén como plató de TV para gravación en vídeo das enquisas feitas aos participantes no proxecto.
Cámara de Atención Auditiva (CDAA)
Cámara ou sala de audicións cun equipo de cadrafonía. Unha sala escura coa única presenza dunha pequena luz, onde o espectador poderá gozar do fluxo sonoro como aparello funcional, como obxecto decorativo. Neste espazo poderanse escoitar paisaxes sonoras de Vigo en calidade cadrafónica, e servirá tamén de sala de ensaio para os experimentos sonoros do laboratorio.
Roupa de traballo
Seguindo a idea de simulación das condicións ideais dun laboratorio científico, a artista Montse Rego deseñou unha roupa de traballo que levarán posta todas as persoas que formen parte do equipo do proxecto ou que traballen dentro deste espazo.
Pantalla con novas sobre Fonografía
A modo de panel informativo, no cristal exterior situarase unha pantalla de plasma na que irá aparecendo información dinámica con novas e titulares sobre fonografía.
O proceso: o traballo cos colectivos de inmigrantes e persoas doutros lugares
A proposta de Escoitar.org no Espazo Anexo continuará desenvolvéndose no marco do Proxecto-Edición, coproducido polo MARCO, o CGAC e a Fundación Luis Seoane. O punto de partida é a cidade de Vigo, e posteriormente desenvolverase en Santiago de Compostela e A Coruña. O traballo cos colectivos de inmigrantes —referente común aos tres núcleos de poboación— é unha liña de actuación global que despois seguirá diversas coordenadas definidas polas especifidades de cada cidade.
A documentación
Nesta primeira fase o obxectivo é a documentación e clasificación de material audiovisual, que despois será utilizado para a publicación de resultados. Entrarase en contacto con grupos e colectivos de inmigrantes, e persoas de fóra de Vigo, cidadáns adaptados á súa nova vida, e convidaráselles a participar no proxecto acudindo durante uns minutos ao plató do Hacklab, onde se fará unha gravación de audio e outra de vídeo-fotografía mentres cada persoa dá resposta a unha serie de preguntas.
Paralelamente aos contactos cos colectivos de inmigrantes, e a fin de que a documentación sexa o máis completa e contrastada posible, obterase información ‘a pé de rúa’, especialmente con inmigrantes ilegais que están de paso pola cidade, e tamén con habitantes de Vigo que coa súa opinión axuden a configurar o carácter acústico da cidade.
As entrevistas
No caso da poboación inmigrante, o principal medio de obtención da información é unha entrevista sobre a cidade de Vigo, en dúas fases, coa intención de documentar as paisaxes sonoras de Vigo e dos lugares de orixe:
1ª parte: enquisa (con respostas en galego ou castelán)
1. Nome e país/lugar de orixe
2. Motivo polo que veu a Vigo
3. Que foi o primeiro que escoitou cando chegou?
4. Cal foi o derradeiro son que lembra (do seu país) antes da súa viaxe?
5. A que lle soa Vigo?
6. Que sons lembra do seu país/lugar de orixe?
7. Que son se levaría de Vigo para o seu país?
8. Que son se traería do seu país e lle gustaría escoitar en Vigo?
2ª parte:
1. Reproducir un son do seu país/lugar de orixe, ou no seu defecto unha canción
2. Conxugar en galego calquera tempo verbal do verbo ‘soar’ ou ‘escoitar’, por exemplo: eu soo, ti soas, el/ela soa, nós soamos, vós soades, eles/elas soan. Eu escoito, ti escoitas, el/ela escoita, nós escoitamos, vós escoitades, eles/elas escoitan.
3. Conxugar no seu idioma natural calquera tempo verbal do verbo ‘soar’ ou ‘escoitar’ (o non elixido no punto anterior)
No caso da poboación local, o instrumento é unha enquisa anónima sobre o carácter acústico de Vigo, que contén preguntas relacionadas coa memoria sonora, os sons de Vigo, a ecoloxía acústica e a definición de ruído.
O resultado: a publicación
Neste espazo, o lugar onde os participantes e a cidadanía colaborarán na construción da Paisaxe Sonora da cidade, comezarase a elaborar a publicación que servirá como testemuño do traballo feito e ao mesmo tempo como recurso de ensino. Un traballo arredor do son e das súas representacións sociais, un achegamento á escoita que os cidadáns fan do seu espazo urbano, sinalando e documentando aquelas paisaxes sonoras que cómpre protexer ou criticar para poñer en común unha nova forma de relacionarse coa sociedade acústica do século XXI.
+ info en:
www.escoitar.org
www.proxecto-edicion.net