Tan so dúas semanas despois da inauguración da exposición O Feito Fotográfico, o MARCO de Vigo presenta esta nova mostra sobre fotografía, titulada FOTOGRAFÍA E ARTE. Variacións en España 1900-1980, coa que se completa a programación expositiva deste trimestre centrado na fotografía do século XX e na súa dimensión cultural e artística.
Nesta ocasión trátase dunha síntese da historia da fotografía en España entre 1900 e 1980. O subtítulo "Variacións en España" constitúe o eixo temático da exposición. En efecto, non se trata dunha mostra sobre fotógrafos españois, senón dunha exposición de fotografías realizadas en España (ou sobre España) en distintos momentos históricos, sexan ou non obras de autores estranxeiros, e nisto reside un dos seus grandes valores.
Os límites cronolóxicos da mostra son o comezo do século XX e os anos da transición á democracia, un peche escollido non so polo seu significado simbólico, senón tamén por ser o momento no que a historia da fotografía deixa de ter sentido como relato independente e pasa a se converter nun fragmento dunha narración máis ampla: a historia da cultura visual.
Os traballos mostrados -en boa parte inéditos, e moitos deles vintage ou fotos de época- proveñen de coleccións privadas, que adoitan ser as dos propios autores ou das súas familias, así como de coleccións públicas: Archivo General de la Administración (Alcalá de Henares), Biblioteca Nacional (Madrid), Bill Brandt Archive (Londres), Center for Creative Photography (Tucson, Arizona), Fondo Fotográfico Universidad de Navarra (Pamplona), Georges Eastman House (Rochester, Reino Unido), Instituto de Crédito Oficial (Madrid), Instituto Valenciano de Arte Moderno (Valencia), Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía (Madrid), Museu d'Art Contemporani de Barcelona, Museo de Pontevedra, Residencia de Estudiantes (Madrid).
Son 38 autores e máis de 300 obras que nos falan das relacións entre fotografía e arte, que nos ofrecen unha pluralidade de olladas desde e sobre o territorio español, que nos amosan os cruces entre distintos xéneros pictóricos/fotográficos como o retrato e a paisaxe, ou entre recursos plásticos e tecnolóxicos; que nos invitan a ser testemuñas do que aconteceu na arte da fotografía no derradeiro século.
Prefiriuse reducir a presencia de autores para conseguir mostrar conxuntos representativos do seu traballo e evitar a dispersión. A maioría deles conta cun amplo número de imaxes, na súa maior parte fotografías, pero tamén publicacións (revistas, foto-libros carteis) nas que as devanditas imaxes se publicaron no seu momento. Entre os temas tratados nas fotografías expostas podemos atopar as vistas urbanas, a paisaxe, os tipos populares, os tipos urbanos e marxinais, as esceas turísticas, os documentais etnográficos, as montaxes de propaganda política, as imaxes de prensa, os retratos e maila documentación de accións e procesos artísticos.
A montaxe das salas que segue unha ordenación en cinco apartados, a un tempo cronolóxicos e temáticos: desde as linguaxes fotográficas premodernas e as imaxes de tipos humanos e paisaxes de principios de século (Conde de la Ventosa, Campañá, Langdon Coburn, Mas, Ortiz Echagüe) pasando pola "fotografía moderna" dos anos trinta (Benítez, Bill Brandt, Cartier-Bresson, Casas, de Kaskel, Krull, Munkacsi, Paniagua, e o galego José Suárez), á importancia da fotografía como testemuño documental e vehículo de propaganda na guerra civil española (Heartfield, Ángel, Misiones Pedagógicas, Reuter, Renau, Val del Omar), e o grupo de fotógrafos da posguerra (Cualladó, Frank, Juanes, Maspons, Pérez Siquier, Smith, Virxilio Vieitez, Vielba), con atención especial ó grupo TMM (Terré, Miserachs, Masats), integrado por tres dos fotógrafos documentalistas máis importantes do noso país, e que realizaron dúas exposicións conxuntas en Barcelona en 1957 e 1959. A exposición remata con obras plásticas de artistas que utilizan a fotografía como vehículo expresivo a mediados dos anos setenta (Fontcuberta, García Rodero, Gordillo, Hidalgo, Llena, Millares, Pazos, e Valcárcel Medina).
Noutra das salas incluíuse tamén, polo seu grande valor documental e simbólico, a reproducción do fotomontaxe realizado para o Pavillón Español da Exposición Internacional de París de 1937, obra de Josep Renau e colaboradores, con dúas figuras femininas como imaxe do cambio esperanzador que naquel momento se producía.
Desde o punto de vista museístico, a importancia desta mostra reside non so na magnífica calidade das obras expostas e na variedade de documentación complementaria, senón tamén no que supuxo de esforzo de colaboración entre distintas entidades: a coproducción do Centro Atlántico de Arte Moderno de Las Palmas e o MARCO de Vigo, coa colaboración, neste caso indispensable, de La Fábrica / PhotoEspaña. Non en van o comisario, Horacio Fernández, é na actualidade director artístico de PhotoEspaña 2004, o máis importante festival de fotografía no ámbito nacional.