Pintura concreta, porque non hai nada máis real que unha liña, unha cor, unha superficie /.../ A pintura é un medio de realizar opticamente o pensamento: cada cadro é un pensamento-cor.
Theo Van Doesburg
Resulta moi significativo que, mesmo nestas primeiras décadas do século XXI, un dous paradigmas das vangardas históricas do século pasado, a depuración xeométrica das formas, continúe fomentando ás máis diversas prácticas artísticas contemporáneas, tanto nos medios tradicionais, pintura e escultura, como nas versións posminimais e conceptuais do obxecto artístico expandido. Neste sentido, a vixencia da obra de Francisco Mantecón é un feito indiscutible: moitos son os novos artistas galegos que, acaso sen ser totalmente conscientes desa liña de continuidade, seguen abrindo camiños e trazando liñas de investigación na pura materialidade xeométrica da obra, cruzándose en moitas direccións coas sendas por el delineadas.
É por iso que consideramos a súa obra, de plena e fecunda actualidade, como unha plataforma de investigación para a arte máis nova, alé do estritamente histórico ou da necesaria revisión do pasado máis inmediato. A estrutura primaria das súas obras compete á xeometría, pero os resultados finais, tanto como os seus procesos previos e ás análises de base racional, van moito máis aló: mostran que paixón, desasosego ou protesta se insiren nas raias de cartabón e fan do rigor xeométrico tamén discurso.
Mantecón tratará, dende os seus inicios, de expresar o máximo co mínimo, e seguirá adelgazando, cadro a cadro, os motivos e os recursos: “estou a sacar elementos do cadro, e estou quedando sen cadro”. Rigor formal e compromiso ideolóxico: a racionalidade que se impón ao mundo (nos grandes e pequenos actos da vida, na produción de obxectos, e sobre todo na produción de comportamentos sociais) constitúe o correlato ideolóxico da xeometrización das artes. Na resolución das tensións formais das obras represéntanse ás propias tensións políticas da sociedade, ou mesmo escenifícase o proxecto de resolución das tensións psíquicas do noso interior. A obra devén daquela modelo a escala, quizais maqueta da alma, artefacto que traballa sempre como máquina de significación.
Incansable explorador da retícula implícita do lenzo, verdadeiro microcosmos para cuxo cartografado non lle chegou unha vida enteira; Mantecón foi, por riba de todo, unha figura clave e disidente (máis clave mesmo pola súa condición de disidente) das correntes de renovación que sacudiron ás prácticas pictóricas nas décadas finais do pasado século. O seu legado está nestes momentos talvez máis vivo ca nunca, agora que, de novo, ventos de crise axitan o horizonte, agora que a vocación de síntese e a volta ao esencial parecen impoñerse como necesidades inquietantes.
“Paixón e cálculo” céntrase en preservar a palpitante actualidade e a proxección de futuro do proxecto pictórico de Francisco Mantecón. Este irrenunciable punto de partida, unido ás lóxicas limitacións do espazo expositivo, implica de forma indirecta a ausencia nesta exposición dalgunhas series de obras pertencentes á súa etapa de formación e mesmo aos inicios da traxectoria máis persoal. Por idénticas razóns, quedan fóra do ámbito da mostra os seus traballos no campo do deseño gráfico e editorial, ocupación que pola súa propia magnitude e relevancia está a pedir unha revisión urxente e unha investigación específica, que poña tamén en valor a súa contribución á renovación do ordenamento visual da nosa contorna.
É dende esa estrita perspectiva, de recuperación dun artista transcendental para a memoria das nosas prácticas pictóricas máis recentes, que esta exposición focaliza preferentemente a súa atención nas series de cadros creados nas marxes temporais do que poderiamos considerar ás décadas da súa rotunda madureza (1980-90), poucos anos antes de que unha prematura desaparición nos impedise coñecer ata onde chegaría Francisco Mantecón na progresiva depuración do seu universo formal e conceptual.
Ángel Cerviño e Alberto González-Alegre
Comisarios da exposición