INDISCIPLINADOS é unha viaxe que non se pode presentar dende unha posición sedentaria, botando de menos a confortabilidade do cotián e mailo asumido.
Precísase a alma dun nómade, que é quen de poñer na equipaxe só aquilo que, ademais de imprescindible, se poda cargar durante todo o traxecto.
INDISCIPLINADOS é un percorrido que trata de ofrecer algunhas orientacións para establecer posibles rutas sobre a arte actual do noso país.
OS ABANDONOS
Abandónanse para esta viaxe os grandes relatos, e con eles as ilusións grandilocuentes e cegadoras sobre arte.
Estes creadores desprazan constante e voluntariamente o territorio. Abandonan a visión romántica do “autor como heroe”, como xenio responsable da súa creación, e é necesaria a participación activa do espectador nas creacións. Xa non é posible crer que só uns poucos teñen encomendada a tarefa da creación.
A EQUIPAXE
Para esta viaxe será imprescindible dispor dun pasaporte con visado ás zonas transversais, xa que nos veremos arrastrados dun estado a outro sen percibi-las fronteiras. Meténdonos nos lugares difusos da experimentación creativa, onde conviven as tecnoloxías máis diversas coa hibridación das linguaxes.
Serán necesarios todos aqueles instrumentos que axuden no traxecto: unha intelixencia acirrada, altas doses de curiosidade e un corazón disposto. Non é suficiente contemplar; é necesario actuar.
O QUE VEREMOS
Imos visitar “provincias” que se achan sempre na fronteira, que non pertencen a ninguén e que carecen de historia. Como exploradores deste novo mundo, abrirémo-la porta ás últimas tecnoloxías e asistiremos a unha nova materialidade da obra, unha nova relación entre arte e ciencia e unha nova relación entre artista e espectador. Xa non son obxectos de contemplación estética senón axitadores de creación.
Neste entorno establécese a relación entre Arte e Deseño; atopamos arte editable á par que o deseño cuestiona o seu vínculo coa producción. Coqueteos da arte coa máquina e regresos do deseño cara á peza única. Reivindicando así a súa autoría, intentando inxectar á súa obra un compoñente “aurático”.
Os paralelismos crecen, os campos de interese mutuo tamén, as linguaxes aproxímanse creando un corpo común, para a aparición de novos significados e dun marco para a invención. As estratexias conflúen.
A RUTA
A vontade é presenta-lo total das obras sen secciona-lo seu contido en apartados convencionais nin ordenadas por parámetros historicistas. Para orientarse na exposición, ofrécese un cuadrante con cinco ángulos conceptuais sobre os que se sitúan as obras.
1. Os códigos
As obras empregan linguaxes trastornándoas e traizoándoas, xerando confusión a quen intenta descifrar un código imposible, perturbando calquera seguridade. Suscítanse as dúbidas acerca da capacidade da linguaxe e mailos códigos para a transmisión de coñecementos, pensamentos, valores ou crenzas.
¿Quizais a linguaxe sexa un mero xogo de símbolos, xestos e sintaxes, un conxunto de normas legais sistemáticas e baleiras que intentan denodadamente regular un imposible? Ou quizais as linguaxes deixaron de ser formas de representar cosas e comezaron a substituílas...
Obra seleccionada de: Naia del Castillo, Rafael G. Bianchi, Tete Álvarez, Juan Carlos Román, Suso Fandiño, Jaume Plensa.
2. Os escenarios
Produccións que reflexionan sobre hábitats alternativos, discorrendo en paralelo ó deseño interior pero afastados das súas necesidades funcionais. Universos imposibles que aparecen ante os nosos ollos como unha realidade esmagadora. Escenarios funcionando como un grande artefacto modificador de percepcións, ou das relacións co entorno.
Obra seleccionada de: Ana Mir e Emili Padrós, Mónica Alonso, Sofía Jack, Martín Ruiz de Azúa, Vasava, Diego Santomé, Xoan Anleo.
3. O simulacro
Apropiación, camuflaxe, recombinación. Confundidos no xogo de espellos ó que nos levaron os medios, navegamos nun superávit de realidade. Este territorio crúzase co mundo da publicidade, onde os obxectos deixaron de consumirse como producto pasando a exerce-lo seu poder simbólico (prestixio, calidade de vida, confort, felicidade...) A nosa adoración pola obra mestra corre paralela á nosa adoración fetichista pola mercancía.
Aparecen en deseño os “obxectos simulacro”, aqueles nos que o autor ten un peso específico, que perden o seu vínculo co uso e convértense no que non son, pisando e cruzando espacios.
Exemplos: Ángeles Agrela, Mapi Rivera, Alicia Framis, Naia del Castillo, El Perro, Joan Morey, Cul de Sac, Maider López.
4. A superficie
A reflexión aberta polo Pop acerca do banal e mailo cotián, resituou esta categoría, e estas obras reflexionan no entorno desa resituación.
Aquilo que era sinónimo de perecedoiro, fugaz e momentáneo, desdeñable para unha arte eterna, pasou a constituíla, asumindo así a discusión entre arte e mercancía que é parte esencial do discurso da modernidade e da cultura de masas. Trademarks, slogans, logos, pictogramas, tipografías, moda, videoxogos, publicidade, cine, deseño e videoclips insírense nas obras e condiciónanas. Obras que cuestionan os sistemas habituais de distribución ou exhibición.
Obra seleccionada de: Chus García-Fraile, José Antonio Hernández-Díez, Miguel Ángel Gaüeca, Ana Laura Aláez, Xoan Anleo, Suso Fandiño.
5. A inocencia
Propostas de discurso aparentemente inocente que, disfrazado, aproveita a dobre vertente inocencia-perversidade como motor creativo. Incorporando o humor e/ou a gargallada como elemento esencial da obra. Trátase de pezas benhumoradas, que non cínicas, e só usan a mentira como material constructor da obra.
Aparecen os “obxectos utópicos”, nos que a función se dá por implícita, onde o proxecto está máis alá da enxeñería, no convencemento de que a tecnoloxía os fará funcionar.
Obra seleccionada de: Núria Marqués, Héctor Serrano y Lola Llorca, Carles Congost, Bene Bergado, Martí Guixé.