"Que está a acontecer co espazo interrelacional do mundo contemporáneo?, que mecanismos operan, a miúdo veladamente, para ordenalo?, que valores debemos revisar, construír, consensuar e afianzar para que sirvan de alicerces sobre os que asentar as bases dunha mellor convivencia no século XXI"
Living Together aborda un abano de conflitos sociais, políticos, económicos e emocionais que están a marcar este comezo de século incidindo na íntima articulación que existe entre esas esferas. Invocando os conflitos que enfrontan entre si á pluralidade de suxeitos que comparten o momento actual, deséxase cuestionar como se constrúen e negocian as distintas narrativas que, nas nosas sociedades, nutren e regulan a idea de convivencia. Narrativas de longo, medio e curto percorrido, como as que concirnen aos valores sociais, as liberdades individuais e o seu control, os fluxos migratorios, a diferenza sexual, a étnica, o traballo, o desemprego, a pobreza, ou os dereitos humanos, ata tecer un longo etcétera de relatos que perpetuamos e construímos a diario.
A exposición formúlase como un dispositivo de análise que pretende desvelar a rede de ideoloxías que nutre esas narrativas -e que produce eses conflitos-, e destacar o papel que xogan os sistemas de representación nos procesos de negociación ou imposición da convivencia.
LIVING TOGETHER reúne 14 artistas procedentes de diversos contextos que exhiben pezas realizadas nos últimos 6 anos e producións específicas para esta mostra. Dende diferentes perspectivas, as obras propoñen unha reflexión aberta e múltiple sobre as cuestións anteriormente enunciadas, á par que formulan estratexias, alternativas ás hexemónicas, para a convivencia. En pleno auxe do individualismo, as pezas mostran como se constitúen grupos e comunidades baseándose en estruturas creadas co fin de progresar e de apoiarse mutuamente. Así mesmo, inciden en como fronte a un contexto xeneralizado de apatía política, a esperanza reside no compromiso e as accións de tipo "faino ti mesmo/a".
Os signos austeros de Gardar Eide Einarsson expresan unha enérxica crítica á autoridade e ao control exercido sobre os individuos e os grupos. O cadro de Nicole Eisenman exploran a natureza mesma da condición humana que, utilizando un humor cru, describe a sociedade como grupos de individuos illados que subsisten máis que viven. Os neons e outros obxectos aparentemente inofensivos, customizados polo colectivo artístico Claire Fontaine, fan as veces de interface entre a arte e o activismo, deixando ao descuberto a agresión e a violencia inherentes ao hipercapitalismo.
O proxecto EU Green Card Lottery: The Lagos File do colectivo Société Réaliste investiga a industria da migración e como Europa controla as súas fronteiras e man de obra. A serie fotográfica de Paula Trope, Sem Simpatia, mostra os rapaces e nenos das favelas de Río; imaxes creadas polos propios suxeitos marxinais utilizando cámaras escuras caseiras feitas con latas e distribuídas pola artista. O vídeo de Dora García, Céllule Cité Lénine, examina o legado diatópico do fracaso que se percibe na arquitectura experimental modernista a través dos habitantes dun edificio situado nos suburbios parisienses, mentres que as fotografías de Eulàlia Valldosera trazan un mapa dos dramas ocultos e as estruturas que operan nas realidades sociais contemporáneas.
As esculturas e instalacións de Josephine Meckseper exploran as relacións entre a alta costura, o fetichismo mercantil e o activismo político, establecendo analoxías no espazo simbólico das sociedades de consumo entre ámbitos aparentemente distantes. Mai-Thu Perret crea unha meta-narrativa sobre unha comunidade de mulleres que deu as costas á sociedade. A instalación de Daniel Baker idea un labirinto desorientador de signos e mensaxes ambiguas e contraditorias, creando múltiples capas de lectura, que fan referencia á cultura e a historia. O conceptualismo poético de Marcus Coates reactiva a esperanza na cohesión social e na idea de comunidade utilizando a beleza e a espiritualidade para combater o illamento e o fracaso.
Pola súa banda, as instalacións de Delaine Le Bas, colaxes delicadamente bordadas, ocultan unha cólera amarga ante a hipocrisía continuada e os prexuízos contra as comunidades marxinadas. O vídeo de Artur Żmijewski é un experimento deseñado co fin de reflectir os conflitos inherentes á sociedade; en Them, o artista organiza unha reunión polémica entre grupos sociais radicalmente diferentes pero igualmente polarizados; o resultado é tan cómico como deprimente. Os cadros de Lynette Yiadom-Boakye céntranse sempre nun suxeito imaxinario; en Pleased to Meet You analiza como un mesmo individuo se transforma en relación a diferentes ámbitos e no contexto da interacción cunha comunidade doutros".
Xabier Arakistain & Emma Dexter
Comisarios da exposición