A exposición O ESTADO DAS COUSAS. O obxecto na arte de 1960 aos nosos días foi exhibida, na súa primeira versión, no Museo de Belas Artes de Nantes entre o 28 de xuño e o 12 de outubro de 2003, co gallo do evento cultural "Tesouros públicos, 20 anos de creación nos Fondos Rexionais de Arte Contemporánea de Francia", organizado polo Ministerio de Cultura francés. Nesa ocasión a mostra foi comisariada por Jean Marc Prévost.
Logo dun ano, os museos MARCO de Vigo e ARTIUM de Vitoria reproducen esta exposición nas súas sedes respectivas. No caso do MARCO, por vez primeira unha mostra temporal ocupa as dúas plantas do edificio, dado o número e dimensións das pezas expostas.
A exposición consta de 117 obras procedentes das coleccións de dezasete FRAC (Fonds Régionaux d'Art Contemporain), creados en 1983 polo Ministerio de Cultura de Francia e os gobernos rexionais; unha rede de 24 centros destinada a promover a difusión e apoio á creación contemporánea, en liña cunha política de descentralización cultural con magníficos resultados no tocante á adquisición de obras de arte.
A través dunha selección destes fondos, a mostra presenta un percorrido pola evolución da arte contemporánea internacional desde principios dos anos sesenta -momento no que se produce a integración do obxecto cotiá como parte do discurso da arte- ata os nosos días. Deste xeito, preséntase e analízase o status do "obxecto" na arte en todas as súas formas e estados, a través dos diversos movementos artísticos.
Na versión de MARCO e ARTIUM o proxecto orixinal enriquécese coa inclusión de Juan Muñoz e Joan Brossa, dous artistas españois recentemente finados, ben representados nas coleccións dos FRAC, aos que nesta ocasión se adican sendas salas pola importancia da súa traxectoria, e que nos ofrecen dous presentacións diametralmente opostas no tratamento do obxecto.
A partir deste método de análise, unha especie de corte transversal, os obxectos vanse transformando ante os nosos ollos en reflexos da visión contemporánea. Ás veces fálannos da experiencia do contorno inmediato, ou reivindican a súa individualidade e a dos seus creadores; ou fannos reflexionar sobre a súa función e sobre os efectos da sociedade de consumo; ou presentan cuestións como a inutilidade da obra de arte, ou as fronteiras entre arte e deseño; ou convértense en metáforas, en símbolos, en pegadas do seu pasado inmediato, das súas orixes. En suma, funcionan como vía para a mellor comprensión da arte actual.
A exposición non podería empezar doutro xeito que con Duchamp e a súa Boîte en Valise (1966), unha obra que reproduce 83 pezas en miniatura do artista inventor do ready-made, que elevou un urinario á categoría de "obra de arte" incluídoo nunha exposición baixo o título de Fontaine (1917). Un elemento de uso cotiá que por decisión do artista, sacado de contexto e colocado sobre unha peana, pasou a ser considerado obxecto artístico. O resultado foi moito máis aló da provocación, e sentou as bases -aínda hoxe vixentes- dun novo concepto do artista e da súa obra, segundo a cal a idea está por riba da manufactura.
Corenta anos de obxectos acumulados, comprimidos, inventados, recuperados, fabricados, descompostos e pasados por tódalas fases que os artistas imaxinen. Os obxectos do cotián desviados da súa función por Fluxus ou dotados de memoria por Boltanski; os refugados tralo seu uso pola sociedade de consumo e reinventados pola "Nova escultura inglesa"; os desprazados da súa función por Bertrand Lavier ou John Armleder; os inventariados por Claude Closky; os despregados por Christian Marclay; os acumulados por Daniel Firman; os magnificados por Patrick Tosani; os procedentes de encontros efémeros orquestrados por Gabriel Orozco; e tódolos demais obxectos máquina, obxectos vitrina, obxectos cínicos, obxectos vendados... Vasto panorama do que se fixo en arte dende que a arte é contemporánea a través de mostras desenfiadas no tempo, pois nestas exposicións axiña se pasa da cousa ó obxecto, do obxecto ó produto; oscílase sen cesar do un ó outro, entre ironía e cinismo, crítica e demostración, contestación e fascinación estética.
Os artistas do movemento Fluxus (Robert Filliou, Ben), retomaron a herencia dadaísta e duchampiana, descontextualizando os obxectos cotiás para producir imaxes e xogos de linguaxe "poéticos e políticos". Posteriormente, os artistas Pop (Richard Hamilton, Andy Warhol) e os Novos Realistas (César, Raymond Hains) interesáronse polos obxectos de consumo de masas e os incorporaron como elementos integrantes da súa obra, co fin de establecer unha relación directa entre a realidade e as transformacións do mundo contemporáneo.
A partir dos anos setenta, seguindo a estela da arte conceptual, Christian Boltanski concibe unha serie de obxectos íntimos, cheos de memoria, e nos oitenta a "nova escultura inglesa" (Tony Cragg, Bill Woodrow) retoma as formas de arte minimalista e conceptual, para interesarse polas marxes das sociedade de consumo. As descontextualizacións de Richard Artschwager, ou máis tarde de Bertrand Lavier, John Armleder ou Sylvie Fleury, son un xeito de percorrer, de forma crítica, a historia da escultura e da pintura actual.
Na década dos noventa, Claude Closky, traballando coa linguaxe e mailo obxecto, aprópiase e pon en escea "cousas" anodinas, mentres os POF (Prototipos de Obxectos en Funcionamento) de Fabrice Hybert cuestionan os sistemas de produción e de difusión da arte. O obxecto pode tamén entrar nun eido máis narrativo -como no caso de Xavier Veilhan- ou se transformar en produto, como pon en evidencia Jean-Luc Moulène. Pola súa banda, Gabriel Orozco cuestiónase as nocións de "artesanía" e "produto industrial", ao tempo que L'Atelier Van Lieshout, entre outros, reflexiona en torno ao status mesmo de obra de arte, sobre a súa función e as súas formas de presentación, co fin de reformular a economía do obxecto e dos seus desexos.
A incorporación do obxecto á obra de arte, o obxecto artístico e a súa funcionalidade, a arte e a sociedade de consumo; estas e moitas outras cuestións abórdanse en O estado das cousas, unha mostra da particular viaxe dos obxectos a través da historia da arte contemporánea e dos seus creadores.