PAPERBACK é un espazo de exhibición, consulta e lectura de edicións impresas, un lugar no que comprobar a potencialidade e vitalidade da edición gráfica como soporte artístico. Sen pretender ser exhaustiva, esta mostra reúne un conxunto suficientemente amplo e significativo de producións recentes, todas elas económicas e de longa tiraxe, que non encaixan na idea tradicional do libro de artista en tanto que peza única e exclusiva, senón máis ben no concepto de ‘usar e tirar'. As publicacións recollidas en PAPERBACK foron pensadas, entre outras cousas, para unha distribución e consumo da arte alén dos ámbitos institucionais.
A proposta ten o mesmo punto de partida que o Proxecto-Edición no seu conxunto; a importancia da edición, en todas as súas facetas, como ámbito creativo e como medio para a creación artística contemporánea. Dentro da edición impresa, esta relevancia limitouse moitas veces a soportes tradicionais como o ensaio, o manual ou o catálogo, sen ter en conta factores clave como, por exemplo, as posibilidades de reprodución ilimitada que supoñen os avances tecnolóxicos no mundo da edición.
PAPERBACK reúne diferentes propostas agrupadas baixo o mesmo concepto de edición, e organizadas en catro seccións: paperworks, papergames, paperfiles e newspapers.
Instalacións de grande formato asinadas por cinco artistas -Erick Beltrán, Pablo Pérez, Pauline Fondevila, Joan Morey e Julia Montilla- protagonizan a sección titulada Paperworks. Beltrán cubre as paredes coas instrucións dos seus carteis, Pérez presenta a súa particular colección de álbums e cromos, Fondevila realiza un enorme mural en branco e negro, Morey aposta por unha colaxe monumental e Montilla propón unha instalación que lle serve para presentar a publicación www.bioart.net . Este capítulo compleméntase cunha selección de posters, como paradigma da edición impresa de baixo custo e distribución profusa.
Tres seleccións distintas de publicacións se poden atopar noutros tantos espazos de consulta: a parte máis lúdica responde ao nome de Papergames, un lugar para materiais pensados para o consumo e desfrute que se achegan á ficción literaria, ao xogo de rol ou á banda deseñada.
Paperfiles funciona como sala de lectura e consulta que amosa a potencialidade da edición impresa como rexistro, documento ou compilación, tanto visual como de experiencia. Nesta sección hai materiais que documentan accións efémeras, pero tamén exercicios de produción colectiva e operacións de rexistro gráfico.
Pola súa banda, Newspapers conta cunha selección de publicacións que imitan e se apropian das técnicas de impresión da prensa escrita, que parten do referente de periódicos e xornais para achegarnos a outros xeitos de entender a actualidade, a noticia, o titular, ou a cuestións máis complexas como os tempos e ritmos da nosa cotidianeidade.