‘PUNTOS DE ENCONTRO /MEETING POINTS'
Coincidindo co inicio de 2009, o MARCO de Vigo pon en marcha o proxecto ‘PUNTOS DE ENCONTRO / MEETING POINTS', que se desenvolverá ao longo de todo o ano no Espazo Anexo, e para o que se seleccionaron cinco artistas coa intención de que establezan un diálogo entre o lugar de exhibición (a sala de proxectos) e o seu ámbito (a cidade). O proxecto inaugúrase coa exposición de Pedro Barateiro (Almada, Portugal, 1976), un dos novos artistas portugueses con máis proxección internacional, como proba a súa recente participación na Bienal de Sidney (2008) e Bienal de Berlín (2008).
A idea central do proxecto ‘PUNTOS DE ENCONTRO' é converter o Anexo no lugar de conclusión ou formalización das experiencias, fronte á consideración tradicional do museo como lugar de exposición do obxecto. A propia historia da sala, inaugurada en 2004 como espazo de proxectos para creadores galegos, anima a ampliar o significado dun lugar situado arquitectonicamente ‘fóra' do museo, nun espazo público exento que, por ‘contaminación' e ‘connotación', remata por ver anuladas as súas características e por transformarse no clásico cubo branco que illa a obra do seu ámbito inmediato. O termo emprazamento é unha forma de aludir ao tempo e ao espazo, aos conxuntos de relacións que se dan nun punto de encontro (meeting point), neste caso entre o museo e a rúa, entre o público e o paseante, entre a memoria particular e a recuperación e exhibición pública, entre a obra de arte e as estruturas cotiás coas que convive o cidadán.
A cidade contemporánea é un lugar heteroxéneo onde se establecen e se asentan unha serie de vínculos froito da rede de relacións entre as persoas e as cousas; lugares e relacións que se entrecruzan. O feito de intervir na cidade ou a partir dela implica unha reinvención, un plano máis que se xustapon aos cambios que se efectuan diariamente no ritmo urbano. A cidade, como analiza Nicolas Bourriaud no seu celebrado ensaio Estética relacional, ‘permitiu e xeneralizou a experiencia da proximidade' que desemboca na ‘elaboración colectiva do sentido'. É precisamente a análise das relacións entre museo e cidade o que serve de punto de partida ao proxecto: unha reflexión sobre os lugares que habitamos e sobre a historia de afinidades e rexeitamentos cara ao ámbito físico ou emocional. Analizar a transformación das vivendas ou o contexto social das cidades é o que se presenta a cada un dos artistas para levar a cabo a súa intervención, co fin de reconstruír significados, de transformalos ou de ‘desocultar' a orixe primeira dos nosos lugares de residencia.
Os artistas invitados presentan propostas que nacen fóra dos límites do museo, pezas que intentan ser intervencións con certo carácter ‘social', no sentido de que modifican as coordenadas lóxicas de percepción. O Anexo, pola súa singular localización, convértese no lugar apropiado para esta reflexión. Así, este proxecto non trata só da arte no contexto urbano, nin dos límites da escultura, da arte efémera ou da lóxica do monumento, senón das relacións entre museo e cidade, ou entre o artista e a obra ‘realizada especificamente para un lugar', na que o papel curatorial se centra no encargo de achegar novas experiencias sobre o público e o museo.
PEDRO BARATEIRO. ‘Amanhã não nasce ninguén'
No ano 1952, o novo Guy Debord, que se ía converter no principal teórico da internacional Situacionista, presentaba no Musée de l'homme de París a película ‘Hurlements en faveur de Sade' (Lamentos en favor de Sade), oitenta minutos de pantalla en branco con voz en off, reproducindo discursos letristas ou pos surrealistas. Ademais de pretender crear situacións, Debord transmitía esa negación absoluta do cinema: xa que o mundo fora filmado, tocáballe agora transformalo.
‘Lamentos en favor de Sade' foi a primeira da serie de películas que conforman a filmografía dun autor que utiliza a imaxe, descontextualizándoa, como xustificación do seu sedutor discurso. Precisamente, a transformación da mensaxe -unida á imaxe-, o apropiacionismo visual e textual que se dan ‘na sociedade do espectáculo' (1973) e en ‘In girum imus nocte et consumimur igni' (1978), ou a crítica ‘desapiadada' ao espectador, son algúns aspectos que nos animan a situar en Debord unha das influencias máis directas na obra de Pedro Barateiro.
O cinema de Pedro Barateiro é inseparable da súa traxectoria expositiva, na que subxace un interese por investigar sobre a construción de significados superpostos a partir da apropiación de imaxes ou textos. As súas fotografías, películas, colaxes ou debuxos son reconstrucións de discursos ou reflexións sobre a representación do espazo ou o tempo, teorizados por Debord, Gertrude Stein ou Henri Lefebvre, algúns dos autores máis citados polo artista. Parece querer suprimir o autor para que fale a linguaxe, as imaxes, e xa se dixo que a morte do autor vai ligada ao nacemento do lector/espectador.
No MARCO, Pedro Barateiro presenta ‘Amanhã não nasce ninguém', unha video-instalación que reúne algunhas das preocupacións que caracterizan o seu traballo. O conxunto inclúe unha película en 16 mm transferida a DVD, unha composición musical realizada especifícamente por Manuel Mota (Lisboa, Portugal, 1970), un cartel e unha peza escultórica -un cinema ‘construído'- para albergar a proxección. Tanto na película coma no statement que dá título á intervención, ‘Amanhã não nasce ninguém' -que adquire visibilidade no cartel que completa o proxecto- percíbese un paradoxo entre porvir e pasado, un debate ligado a esa modernidade asumida tras o capitalismo e a revolución industrial. O artista constrúe por vez primeira a peza con imaxes propias, que mostran unha das referencias visuais máis fortes do artista, un estaleiro inactivo da zona de Lisnave (Margueira) que serviu de punto de partida do proxecto.
O vínculo entre ese grande baleiro que representa o ‘cemiterio industrial' de Lisnave e o porto de Vigo -un dos piares económicos da cidade- realízase mediante a construción fílmica, cunha narrativa circular onde se mesturan imaxes en branco e negro de ambos os dous lugares. O espectador vai configurando un novo espazo social e ético a partir das imaxes, que ‘esculpen o tempo' co apoio da composición musical. Esta actúa como metáfora do contraste entre ambos os dous lugares creando, ao mesmo tempo, unha tensión narrativa entre imaxe e son.
O lugar morto e deserto -en contraste coa dinámica actividade dos estaleiros en funcionamento- actúa como representación dese tempo, evidenciado na estrutura fílmica e sonora, que alternan momentos de
calma con momentos enerxéticos. A representación do espazo físico por medio da escultura alude á posibilidade de conseguir esa experiencia vital do espazo que segundo Henri Lefebvre (A produción do espazo, 1974) falta no cinema.
Agar Ledo Arias
Comisaria da exposición