“Dentro do ciclo 'PUNTOS DE ENCONTRO/MEETING POINTS', o proxecto de Jose Dávila achega novas ideas sobre a relación entre o museo e o contorno urbano. Trátase dunha escultura sen principio nin fin que se caracteriza pola súa espacialidade, ou tridimensionalidade, e que invita ao espectador a moverse dentro da obra mesma para poder captala totalmente. O espazo xerado deslízase fóra dos límites arquitectónicos, convertendo o Espazo Anexo nunha extensión da rúa e viceversa, xerando vida en lugar de referirse a ela.
A intervención de Dávila xorde dunha reflexión sobre a falta de continuidade que atopou no urbanismo de Vigo, tras as súas estadías na cidade. Afonda no concepto de site-specific, xa que incorpora elementos propios do Espazo Anexo —as columnas, os muros e teito— como parte mesma da intervención, e se refire á idea de ruína ao simular unha planta dun edificio invisible, que é habitado polo paseante.
Podemos enmarcar esta obra na liña de estruturas modulares que Dávila realiza a partir dos presupostos minimalistas de autores como Sol LeWitt ou Donald Judd (Sen título, 2008, o container cortado para Sculpture Project for Art Positions, Art Miami Basel 08; Sen título, 2007, as caixas de cartón amoreadas como estantes nunha sucesión referida ás metálicas instalacións de Judd, etc.) pero, sobre todo, como unha homenaxe ao concepto de espazo fluído que popularizou Le Corbusier nos baixos dos seus edificios abertos, transparentes, onde confluían o espazo interior e o exterior.
O espazo fluído é un dos fitos da arte e a arquitectura do século XX. A súa orixe sitúase no cubismo, como derivación das modernas consideracións da física de Einstein onde o espazo era concibido en relación a un suxeito en movemento. A Jose Dávila inquiétanlle os logros da arquitectura, as utopías e os descubrimentos, a percepción e os xogos mentais. Recoñece no visionario Buckminster Fuller —un deses arquitectos que constrúen máis coas ideas que cos materiais— unha constante inspiración, e mesmo revisou a famosa cúpula xeodésica que deu fama a Fuller en varias pezas con combinacións de poliedros ou de sólidos platónicos.
As referencias á ‘representación’ do arquitectónico, aos binomios construción/destrución e forma/contido, sempre incorporan o factor temporal, identificado no visitante que completa a obra. Dávila está constantemente xerando situacións, pero esta intervención urbana vai máis alá de cubos e formas platónicas para reflexionar sobre a abstracción dunha ruína, sobre a abstracción do tempo e sobre a reconstrución que se xera coas sombras e a incidencia da luz.
A súa proposta preséntasenos, pois, como a conclusión temporal a algunhas das preocupacións que vén arrastrando na súa obra: a relación co lugar e o espazo; a combinación entre o movemento e as formas estáticas; a reprodución ata o infinito de formas modulares; a funcionalidade dos espazos construídos. Responde á studio-less practice, considerada polo artista como unha forma de produción que converte o estudio nunha oficina —a obra créase dende a oficina pero non nela—, afastándose da consideración tradicional de taller. A obra resultante xera un espazo novo no contorno ao se converter, por contaminación, en mobiliario urbano preparado para ser usado polo cidadán, elemento esencial de toda cidade”.
Agar Ledo Arias
Comisaria da exposición