METRÓPOLE. Perspectiva urbana da arte galega
“Con motivo do 90º aniversario da estrea do filme Metropolis de Fritz Lang no desaparecido cine Odeón, Vigo volve a vista atrás na procura dun momento clave da súa historia, aquel en que pasado, presente e futuro se deron a man e camiñaron xuntos, fundidos nunha perfecta e elegante harmonía coñecida como art déco, o estilo que soubo combinar, coma ningún outro, o clásico co ultramoderno.
O estilo art déco (abreviatura de arts décoratifs) comeza a abrollar cando murchaba o art nouveau, coincidindo así no tempo o outono dun coa primavera do outro, alá polo 1910. Pero será nos “felices anos vinte” cando o movemento alcance o seu cénit. E, malia a súa denominación francesa, a corrente artística conquista o mundo enteiro, sendo na outra beira do Atlántico, na adiñeirada sociedade norteamericana, onde o estilo logre rañar o ceo.
De gran poder evocador, o art déco é, aínda hoxe, sinónimo de luxo e esplendor. Capaz de resistir o dramático crac do 29, a devastadora Gran Depresión posterior e unha cruenta e longa Segunda Guerra Mundial, o posmodernismo do último cuarto do século XX arrincouno da súa elegante e sofisticada languidez, vivindo diferentes revisións, algunhas tan hiperbólicas como o neo-déco dos oitenta. E así ata chegar aos nosos días, cando asistimos novamente ao renacer dun estilo que, precisamente por inspirarse nos clásicos, xamais pasará de moda.
FOTOGRAFÍA HISTÓRICA GALEGA
O país como escenario
Galicia e as súas xentes serán escenario e protagonistas, durante os anos vinte e trinta, da mellor e máis emblemática produción dalgúns dos principais fotógrafos históricos, tanto galegos como estranxeiros.
A Galicia urbana e máis a rural, coas súas respectivas actividades económicas e sociais. Documentos históricos e artísticos a partes iguais, que alcanzan a categoría de verdadeiros superviventes cando falamos de copias de época, positivos saídos directamente do primitivo laboratorio fotográfico e que contaron co visto e prace do artista.
Fotografías artísticas de reducidas dimensións, na maioría dos casos, pero cunha gran calidade, que podían ser enviadas como postais ou, simplemente, coleccionadas. Mais tamén atopamos outras de maiores dimensións, que foron concibidas xa como auténticas obras de arte, capaces de competir nos fogares máis acomodados, por exemplo, cos seus tradicionais óleos e acuarelas.
Escenas que ofrecen unha visión romántica da vida no noso país durante o período de entreguerras, non sempre exenta dunha velada crítica social”.
SANTIAGO MONTES. Rara avis
“En perigo de extinción, a coherencia xoga un papel esencial na traxectoria profesional de Montes. Sacrificio, entrega, sufrimento, soidade, incomprensión, abandono, xaxún… son só algúns dos duros retos, das ingratas consecuencias que terá que afrontar quen, dende a súa propia encrucillada, opte por esta angosta senda.
Por iso, a congruencia é hoxe unha espantada rara avis sobrevoando a nosa hedonista e infeliz sociedade. O seu anacrónico espírito de anacoreta semella precisar tamén, como aqueles monxes dos primeiros tempos do cristianismo, o silencio absoluto, a escuridade máis intensa, antes do rompemento de gloria e a música celestial.
Enerxía cohesiva
Da análise cromática das súas pinturas despréndese o equilibrio, a harmonía dunha orquestra ben afinada, onde cada instrumento traballa segundo a súa partitura, aplaudindo o público o traballo cohesivo, a execución sinfónica.
Fragmentos orbitando dentro do seu campo gravitacional, soportes que ilusoriamente delimitan un espazo infinito. Mais, os propios cadros son, á súa vez, retallos sometidos aos designios dun sabio e xusto demiúrgo —en realidade, unha deusa, protectora das artes e a literatura, a mesma que lle agasallou á cidade a súa primeira oliveira, e que goza de criselefantino retiro recluída na cela dun sobrio e impoñente templo dórico, recortado o seu perfil contra un ceo radiante aló, no alto da acrópole.
Universo en expansión
Afeito á manexabilidade do lenzo de pequeno formato e á eficacia do acrílico, as obras de Montes logran, a partir da introspección, converterse en pasos fronteirizos cara a un universo en expansión, ao tempo que revelan esa xestualidade desbocada que sucede á meditación.
Reflexión previa ao transo que multiplica unha enerxía canalizada entón a través da brocha e o pincel. Alternancia de forzas centrípetas e centrífugas na procura dun equilibrio cósmico que transcende o límite dos corpos.
Musicalidade
Melómano empedernido, as abstraccións de Montes poden ser lidas como auténticas partituras cromáticas. Unha harmonía pictórica que agocha esa melodía que só pode ser oída cando a nosa mente prescinde de toda referencia espazo-temporal.
E quizais fose o pánico a perder esa agarradoira, a presenciar a demolición de toda construción mental, a aterradora perpetuidade, o que levou a algún crítico a entrever, na marxe inferior das súas pinturas, o esluído recordo da mesa, recurso espacial e compositivo para a figuración nas súas xa clásicas naturezas mortas.
Dual e bipolar
A dualidade sobre a que se constrúe a produción máis recente de Montes xera no espectador certa atracción desacougante da que non é doado zafarse. Aquela melancólica quietude tan característica que envolvía os seus brumosos bodegóns, o maxistral dominio dunha perspectiva aérea que alcanza a ver o invisible, deu paso hoxe a unha guerra sen cuartel, unha loita titánica que enfronta o artista coas súas propias limitacións físicas e espaciais.
Unha obra que é escenario, campo de batalla desa pugna pola supervivencia, e o lugar ao que se achega o espectador, a modo de forense que recompila as probas incontestables que instruirán o xuízo artístico definitivo.
Dualidade dunha obra escura mais tremendamente transparente, complexa e sumamente evidente. En cada trazo resplandece aínda o gume dun coitelo que enxendra e aniquila. Os berros e salaios, os lamentos, os xemidos e ruxidos, estertores todos sobrevoando o fragor do combate. O rumor antes do silencio. A calma trala tormenta. O campo arrasado. Baleiro. Música. Equilibrio de forzas. A partida de xadrez consigo mesmo. Xaque ao rei. O inimigo atrapado no fondo da súa cabeza. Xaque mate. Asasinato con tintes de suicidio.
Dualidade devorada por unha visceral bipolaridade. Xemelgos metamorfoseando en siameses. Dentro. Moi dentro. Extracción e biopsia. Canibalismo. Destruír para crear. Destrución creadora. Ave fénix. A cinsa dun cigarro. A vida consumíndose lentamente, en solitario. Resurrección e triunfo. Inmortalidade. A obra que nos sobrevive. A proba de vida. Só ela falará de nós cando esteamos mortos. A vida como unha efémera oportunidade para crear transcendencia.
A importancia da cor
A cor na obra de Montes resultará capital. Extraordinario debuxante, o artista abandona progresivamente a liña para conquistar unha liberdade compositiva onde a cor é protagonista. Cores únicas e irrepetibles, soñadas pola infatigable mente do pintor e nacidas na intimidade dun estudio onde a fortuna do privilexiado visitante descobre, como nunha revelación, a verdadeira dimensión deste creador.
Porque, a través do aparente caos, da explosión incontrolada, subxace o rigoroso e calculado estudo arquitectónico, o xogo de pesos e contrapesos, o reparto de forzas e presións que cada cor individualmente exerce. Pois toda gran construción aspira a perdurar, a sobrevivir ao seu artífice, á inmortalidade”.
Rubén Martínez Alonso
Comisario da exposición