INFORMACIÓN SOBRE ARTISTAS E OBRAS EN EXPOSICIÓN
Carlos Álvarez Gil (Vigo, 1985)
Carlos Álvarez Gil explora o mundo da infancia e traballa a través do imaxinario infantil para falar da violencia, o poder ou a desigualdade dende un punto crítico e irónico. Papá, de mayor quiero ser policía! (2013) é unha instalación formada por xoguetes que, iluminados mediante un foco, proxectan unha silueta de temática violenta sobre a parede da sala. O interesante non está só no uso dun obxecto infantil para tratar o tema da violencia, senón tamén na propia idea de xogo, implícita no proceso de montaxe das pezas. A obra preséntase ante o espectador como un xogo aparentemente casual pero moi elaborado e planificado. Nun momento de crise de valores e grande movemento social, esta peza fai alusión ás forzas de seguridade do estado. Un estado que a través do medo e da forza intenta acalar os berros que a súa propia desconfianza e mala xestión provocaron. A presenza da infancia intenta espertar un sentimento de culpabilidade ante o legado que estamos a deixar ás futuras xeracións. Esta peza posúe dous niveis de percepción; un corresponde ao obxecto e á súa acumulación, e outro á imaxe proxectada, á sombra. “No teatro das sombras, a luz proxecta a realidade que agocha a nosa inocencia”.
Carla Andrade (Vigo, 1983)
Xeometría de ecos (2013) é un proxecto non narrativo que, mediante a paisaxe, reflexiona sobre a representación do baleiro no espazo, simbolizado pola cor branca. Paisaxes baleiradas como alegoría do engano sensorial e metáfora de fraxilidade. Estudo dos límites da materia; o ausente, o invisible, o inintelixible, o misterio... A investigación que formula esta proposta supón unha sorte de tautoloxía á afirmación de John Berger: “O verdadeiro contido dunha fotografía é invisible, porque non se deriva dunha relación coa forma, senón co tempo”. O significado radica na toma de conciencia entre estes dous polos de ausencia e presenza. Ademais, preséntase unha contradición xa que a luz, que é o que posibilita a revelación das cousas, é o branco; pero aquí créase un xogo entre o lexible, que non é a luz (o branco) senón as partes con cor; e o ilexible, o que non consegue revelar o espectador; a parte baleira, a non-forma. Así, o obxecto é despoxado da imaxe, para dar prioridade á relación de formas e combinación de cores, como método de busca dos ritmos intrínsecos da imaxe e a esencia que suscita a primeira resposta emocional.
Arrieta/Vázquez
Usue Arrieta (Arrasate, Gipúscoa, 1979) / Vicente Vázquez (Tarragona, 1976)
Arrieta/Vázquez sérvense do contexto artístico e cinematográfico para publicar a súa actividade, que definen como un proxecto a longo prazo cuxa forma visible consideran transicional e transitiva. Entenden a súa práctica como un xeito de investigar e experimentar as posibilidades do colectivo. A súa obra, sexa en secuencias fílmicas, textos, presentacións de diapositivas ou outros dispositivos espazo-temporais, intenta reformular o social. Os seus proxectos recentes, fortemente ligados ao territorio, lidan coa noción de coreografía. Estes traballos permítenlles reflexionar en torno ás relacións de produción post-industriais. En Canedo (2013), un retrato familiar ante unha árbore serve como punto de partida para desenvolver un proceso. Proceso que ten como eixe a familia de Vázquez e o tecido produtivo, pasado e presente, do seu pobo (Quintela de Canedo) na provincia de Ourense.
Pablo Barreiro (Meaño, Pontevedra, 1982)
As series Empilhamentos (2013) teñen a súa orixe nunha estadía en Lisboa, nun contexto de claras referencias ao pasado. Xa no día a día, no paseo pola cidade, a estrutura e espazos das tendas, bares, rúas… mesmo a cultura de raíz, o Fado, están cheas dunha transcendencia (ultra)pasada, melancólica… a saudade. Por iso, de xeito case inconsciente, estes obxectos doutra época acaban por aprehenderse, e non podemos obviar este contraste de tempos en obxectos pasados cargados de referencias que quizais agora non sabemos descifrar. As series Empilhamentos xorden dese desorde ao intentar comprender estas formas, seriando constantemente, compoñendo novos colaxes de formas opostas á natureza inicial de cada obxecto. A porcelana, con esa pureza e sutileza do branco e o vidrado, confírelles unha nova neutralidade e novas lecturas, mentres garda ese peso do pasado.
Misha Bies Golas (Lalín, Pontevedra, 1977)
Misha Bies Golas presenta un conxunto de traballos recentes, distribuídos en diferentes espazos da exposición, que funcionan como notas ao pé, como aclaracións ou apostillas ás obras fronte ás que están ubicadas. Uhna escultura situada diante da fachada, na entrada do museo —un bloque de granito “á venda” extraído do seu contexto natural e ubicado ao pé da institución—; un tríptico de mínimas dimensións feito a partires de tres elementos monocromos recollidos nun momento calquera do día; os lomos de dous libros traídos dun escaparate ao museo pola plasticidade das súas consignas; dous libros (branco e negro) que entraron en contacto no seu taller e que no espazo expositivo adquiren a capacidade de evocar o Malévich de Cadrado negro sobre fondo branco; un cravo que atravesa o gran ensaio sobre o romanticismo de Rafael Argullol… Todas estas pezas reflicten o interese do autor polos materiais contemporáneos e modestos, de uso común, que funcionan como poemas-obxecto, como obras abertas, con referencias á historia da pintura e ás dinámicas apropiacionistas do Dadá.
Olmo Blanco (Boiro, A Coruña, 1982)
A proposta de Olmo Blanco para a exposición Veraneantes —Sen título (2013)— forma parte da serie de traballos que con certa dose de humor chamou instalodecoración. Trátase dun proxecto específico para o MARCO, que o artista desenvolveu no propio espazo, utilizando como única ferramenta un punzón. As incisións realizadas no muro —nun chiscadelo ao pasado do edificio como cárcere— dan como resultado unha obra case invisible ou imperceptible á primeira vista, pero á vez de grandes dimensións e con certo grao de violencia.
Olmo Cuña (Vigo, 1983)
Solago [En galego, do verbo asolagar : somerxer. Anegar, cubrir de auga ou outro líquido. Afogar] é un proxecto de investigación que se achega ao mito galego de vilas asolagadas. Estes relatos manteñen un vínculo profundo con feitos que se reescriben constantemente, como o Diluvio Universal ou o mito da Atlántida, lendas que parecen definir un balanceo perpetuo entre o desenvolvemento e a ruína, narrando enigmáticas catástrofes acuáticas nas que acontece o temible colapso dun pobo; un fin de ciclo. A través dun exercicio de memoria deformante, o proxecto establece relacións entre estes relatos manipulados polo paso do tempo e o modo en que habitamos un territorio sempre cambiante e complexo. Concretamente o traballo céntrase na Illa de Toralla, na ría de Vigo, interesante tanto pola súa condición de illa, como porque os seus escasos 10 km2 conforman un auténtico palimpsesto paisaxístico integrado por un importante castro da Idade do Ferro, unha necrópole romana e, literalmente construído sobre os seus restos, o edificio “Torre de Toralla”.
Manuel Eirís (Santiago de Compostela, 1977)
Os máis que pequenos acontecementos, é dicir, os acaecidos dende ou cara ao interior, ao íntimo, e a súa análise, constitúen a materia e centro de estudo da práctica artística de Manuel Eirís. Sitúa a súa atención en contextos específicos, que metaforizan as impermanencias nas que entende que habitan os individuos, a través da análise das diferentes capas das que se compoñen. Na súa obra en xeral apréciase un interese polas operacións de desmantelamento e de apertura de espazos, mediante accións —ou ben regresivas ou ben vindas dende atrás, voltas do revés— nas que importa tanto o retirado ou desprendido dos sitios, o dislocado, como o que a través destas accións descubrimos. A instalación que presenta en Veraneantes consta de dous cadros monocromos e dun fanzine, que funciona como título de ambas as dúas pezas, co que se recrea en escenas relativas ao proceso de consecución dos cadros. Aquí o título desmantela a presenza da imaxe, non só polo seu volume senón tamén polo feito de que se constitúe como peza independente, en forma de revista, que se disloca.
David Ferrando Giraut (Negreira, A Coruña, 1978)
O traballo de David Ferrando Giraut, un vídeo de animación producido polo MARCO para esta exposición (Catoptrophilia, 2013), sitúanos ante o encontro entre dous obxectos pertencentes a momentos históricos distantes no tempo, pero de funcións simbólicas complexas e, en certo modo, intimamente relacionadas: un espello de man exipcio do Novo Reino (s. XV a. C.), conmemorativo de Hator, a deusa da beleza, e un iPhone 4S Elite, lanzado ao mercado por Apple, California, en 2011. Nunha narración que cruza diferentes civilizacións e momentos históricos, o traballo pon de relevo como a tendencia humana a crear imaxes dependeu, dende tempos ancestrais ata a actualidade, do abastecemento de minerais, creando case sempre unha cadea de escravitude na que unha clase poderosa (antigamente a aristocracia, agora os cidadáns dos chamados países do primeiro mundo) accede á creación da súa imaxe; que, á súa vez, exerce outro tipo de sometemento, de dependencia, sobre eles.
Pablo Fidalgo Lareo (Vigo, 1984)
‘Material Memoria’ conforma un ciclo de artes escénicas e cinema dentro da exposición Veraneantes, comisariado por Pablo Fidalgo Lareo. Espazo de intervención e transformación radical da sociedade, de palabras e corpos vivos para un presente no que todo se descompón. A sala branca invita a comunicación frontal e directa, a tomar ao público como parte da propia obra, a fuxir do artificio e espir o espazo. Todos os creadores invitados traballan coa palabra e coa memoria familiar, xeracional e política como eixe da súa obra. Actúan coa convición de que só refacendo a nosa historia podemos saír do caos actual, actúan para reapropiarse da linguaxe e desvelar a intrahistoria dos países do sur de Europa. Os traballos presentados dan unha visión distinta da realidade social, sitúan á familia (real ou ficticia) como epicentro dos problemas, e propón a transmisión entre xeracións como única esperanza de cambio.
Amaya González Reyes (Sanxenxo, Pontevedra, 1979)
O origami, ou a papiroflexia, require paciencia e tempo, e está relacionado co descanso da mente e a exercitación do pensamento espacial. Cada unha das pezas que compón Días soleados (2012) elabórase a partir de tres fases de traballo: a realización da figura de papel pregando as formas segundo as indicacións dos libros de papiroflexia (acto escultórico), a exposición da figura á luz solar durante un período prolongado (xesto fotográfico), e o posterior despregado e exposición do resultado (composicións lineais e planos de cor sobre papel de cargado carácter pictórico). Aristóteles dicía que o tempo é a medida do movemento entre dous instantes; Días soleados é o rexistro dalgúns deses movementos en pequenas pezas de papel, pois a ferramenta de traballo é principalmente o paso do tempo. O tempo rexistrado, fixado, onde cada obra contén dobremente unha pegada: nas súas dobras a do tempo en que se fixo, e nas súas cores a do tempo que estivo exposta á luz solar.
Rubén Grilo (Lugo, 1981)
Rubén Grilo presenta tres obras da serie Pattern Free. Ripped from Zara, 2013, que consiste en pezas de tea vaqueira resgada e exposta a un proceso láser de desgaste, que neste caso reproducen patróns de coleccións de vaqueiros da marca Zara, en tres versións diferentes: índigo I, índigo II, e azul claro I. A técnica do láser é utilizada polas firmas de “moda rápida” para que a tea vaqueira adquira ese aspecto artificialmente desgastado. O denim ou tea vaqueira, que naceu no século XVIII como un tecido duradeiro e resistente para os traballadores do oeste dos Estados Unidos, converteuse máis tarde nun símbolo de liberdade individual. Sutís diferenzas ou matices que, ao expoñer abertamente as teas e o seu proceso de envellecemento rápido e artificial, converten o traballo, o corpo, e o tempo, en mera simulación.
As pezas son ilustrativas do interese do artista polos comezos da industria como punto de inflexión na nosa relación coa tecnoloxía, que pasou dunha dualidade conciliadora entre natureza e artificio, a un novo paradigma que hoxe en día, na sociedade da post-información, desafía as fronteiras da subxectividade humana e a súa capacidade cognitiva. En último termo, esta obra conecta cun proxecto do artista a longo prazo relacionado co plaxio e a comprensión dos obxectos, nunha economía baseada na explotación do capital “inmaterial”.
Enrique Lista (Malpica de Bergantiños, A Coruña, 1977)
O proxecto Teresa de Villar para a transmisión de coñecemento culinario é resultado dun proceso longo que nun primeiro momento non xorde cunha finalidade artística definida. O tema de interese son as técnicas e costumes culinarios da miña avoa, así como o relato que fai das mesmas ou os recursos que emprega para rexistralas. Con este interese inicial, pedíuselle a Teresa que escribise as receitas dalgunhas das comidas que preparou en máis ocasións ao longo da súa vida. As sucesivas revisións do documento obtido, así como o traballo no proxecto artístico Seoanes Posibles (Fundación Luis Seoane, 2013), no que tamén se tomaban como referencia algún dos textos escritos por Teresa, fan que xurda a idea de realizar un novo proxecto artístico, centrado especificamente nos textos destas receitas. A formalización concreta deste proxecto ten tres ámbitos de actuación: a exposición en sala, o restaurante do museo, e a súa páxina web. Algunhas das receitas de Teresa de Villar incorpóranse á oferta do restaurante do MARCO e tres delas están presentes no espazo expositivo, transcritas da forma máis fiel posible á linguaxe gráfica da exposición. Estas accións están acompañadas de diverso material documental complementario, parte do cal estará presente en salas, mentres que a parte restante poderá consultarse online na páxina do museo (marcovigo.com).
Loreto Martínez Troncoso (Vigo, 1978)
Loreto Martínez Troncoso constrúe situacións a partir de textos, da palabra escrita ou falada, da linguaxe e dos silencios. As súas cartas, conferencias, discursos ou relatos diríxense a un visitante necesario —un destinatario sen o que non hai obra— que actúa como receptor da palabra e das súas transposicións. O seu traballo é esencialmente inmaterial, e adopta diferentes aparencias segundo o contexto no que acontece, pero case sempre mantén un elemento común: o cuestionamento permanente da linguaxe e das súas formas establecidas, e dos seus destinatarios. A súa proposta para Veraneantes inclúe [sen voz], escultura sonora (2013), e unha cartada artista dirixida aos visitantes da exposición, que cada un deberá solicitar, escribindo o seu enderezo nun sobre, se quere recibila no seu domicilio.
Joan Morera (Vigo, 1984)
Artista e investigador, Joan Morera traballa sobre a concepción contemporánea da paisaxe desde a súa condición dinámica e a súa codificación. Toldscapes (2011) é un traballo fotográfico a partir de lugares de represión, concretamente de “paseos” e fusilamientos durante a guerra civil española no sur de Galicia, nas bisbarras de Vigo, Pontevedra, O Condado e O Morrazo, coas que o autor comparte un vínculo persoal: son o seu hábitat. Esta serie de 12 fotografías realizouse a partir das indicacións de expertos e campesiños. Ao longo dos anos estes lugares foron transformándose, desfigurando os escenarios reais onde sucederon os feitos, e chegando en moitas ocasións á súa desaparición física total ou parcial. Non obstante, malia as fortes transformacións do territorio, os significados e valores simbólicos perviven na memoria social e colectiva. A través destas imaxes constrúese unha noción de paisaxe máis alá do territorio físico, unha busca da paisaxe intanxible: fotográfase o que xa non está, o que non se pode ver pero si contar, nun exercicio de palimpsesto poético que retrata o esquecemento.
Doa Ocampo (Areas, Lugo, 1986)
Doa Ocampo refírese a este conxunto de obras co nome de “algures en ningures/contramapas”, unha denominación que funciona máis ben como nota a pé de páxina. Os mapas e a xeografía son para ela un recurso, unha esquematización que lle axuda a responder preguntas e cuestións en torno ás incógnitas do onde, como pesquisas e probas de ensaio-erro que suscitan a súa curiosidade. En todo o seu traballo hai un xogo continuo de relacións entre o espazo e o baleiro; entre ser no espazo e/ou ser no baleiro; entre os baleiros existentes, e os cheos que posibilitan. Os espazos baleiros son posibilidade de todo, xa que ofrecen espazo para todo. A súa investigación está directamente relacionada coa percepción, e supón un paso máis no proceso de desambiguación da realidade da que todos formamos parte, na procura de límites entre o que é persoa, e o que é espazo.
A súa intervención no perímetro exterior do edificio do MARCO consiste en aproveitar os descunchados do muro —“baleiros” de pintura— para dar forma ás súas xeografías ficticias, ás súas xeografías da nada, unha nada que, en función do punto de vista, se pode converter en todo nesa realidade da parede. A escena resultante é un mapa no que o onde é un baleiro que deixa ver un algo que existe máis alá; no que todo e nada son, ao fin e ao cabo, a mesma cousa.
montenoso (www.montenoso.net )
montenoso é un colectivo que ten como obxectivo desenvolver un proxecto sobre os montes veciñais en mancomún (MVMC) de Galicia, un exemplo centenario de procomún. Definir os perfís teóricos, prácticos, políticos e legais dos MVMC é unha tarefa prometedora e urxente debido a que este ecosistema está sendo ameazado pola industria e a administración pública sendo moitas veces tachado de ineficaz.
Xeografías do mancomún (2013) procura facilitar procesos de enunciación onde a produción e a distribución dos coñecementos se presentan en relación co contexto das persoas. A instalación amosa os resultados obtidos do traballo de campo realizado en varios montes veciñais en man común de Galicia. Visibilizando os comúns como diversos, únicos, dispersos, variables e amplos, proponse un exercicio crítico, mostrando as súas realidades dende diferentes ferramentas. Xeolocalizar os conflitos, os recursos, as xestións ou eses outros coñecementos, permitirá entender como as comunidades de persoas son quen de traballar de forma colaborativa cun recurso. Con Xeografías do mancomún póñense en relación coñecementos tan dispares e próximos á vez, como son os relacionados co software e a cultura libre e os montes veciñais en man común.
Gemma Pardo (Viveiro, Lugo, 1976)
Na maioría das obras de Gemma Pardo séntese a tensión entre a natureza e a industria, o local e o global, cuestionándose as consecuencias destes cambios e a súa influencia na identidade e na cultura. Sen límites (2013) é unha videoinstalación que interpreta as relacións entre ciclos temporais, e as do ser humano co seu ámbito e a súa memoria. A instalación ten un matiz irónico, de busca e captura, recordo e recoñecemento. Amosa o conflito para interpretar o externo, que impide ver máis alá do propio suxeito e as súas experiencias, que non son máis que un instante no transcurso do tempo. Sen límites fai fincapé no tempo e na pegada da memoria percibida, cunha calidade ecolóxica e simbólica, onde o eu mesmo xa non é eu, ou non ten sentido sen a pertenza ao todo. A instalación explora as ideas de conexión e unidade co espazo, o sentido de pertenza, a presenza, a necesidade de manifestacións, desafíos e medición. É unha peza simbólica que deixa un fío aberto á lectura e á propia interpretación do espectador. Non obstante ten unha mensaxe directa, resalta o sentido de conciencia co noso ámbito, a observación do espazo/tempo, as transformacións da natureza e os seus diferentes ciclos, cunha polgada de humor e romanticismo.
Lois Patiño (Vigo, 1983)
No filme de Lois Patiño (A Imaxe Arde, 2013), a imaxe dun lume ralentizado permítenos diseccionar os seus movementos, analizar as súas formas fugaces, efémeras, de múltiples fulgores. O lume, que é imaxe sen materia, imaxe sen forma: unha sucesión de fulgores no baleiro da noite. A velocidade extremadamente lenta subliña o carácter hipnótico do lume, a súa capacidade de atrapar a mirada. “O lume só é tempo acelerado” [Koldo Artieda]. A duración tan extensa do plano, eleva a imaxe á categoría de icona: un elemento que vai máis alá da súa realidade concreta para representar un símbolo. Fronte ao lume xorde a figura humana, que entrará nunha loita corpo a corpo contra as llamas. Aquí tamén a ralentización subliña o carácter épico e heroico da loita contra os elementos naturais, o perigo que leva consigo tratar de apagar un lume que se resiste a desaparecer.Pero La Imagen Arde, tal e como indican as citas iniciais, non fixa a súa atención no que vemos en pantalla, senón no espectador que a contempla. Aquí sitúase a película, nun xogo de alteridade entre imaxe e espectador […] A película foi gravada na Costa da Morte, no verán, cando chegan os incendios.
Marta Peleteiro (Vigo, 1988)
Gezellig (2013) está composta por trescentas oitenta palabras en holandés e un audio que xorden da materialización dun proceso lingüístico. Cento oitenta días de escritura a man pola artista, cada día unha palabra a xeito de diario sistemático. Sumado a iso, cento oitenta días de escritura a man por dúas persoas próximas a ela cuxo idioma nativo é o holandés. A relación entre as palabras escritas pola artista, as escritas por dúas persoas próximas ao seu contexto, e un son completamente alleo e impersoal, xera tres niveis de presentación na peza. A relación inconsciente con sons do noso imaxinario, relacionados por exemplo coa “gheada” galega. A completa distorsión e distanciamento do propio contexto e idioma cun audio que perde o persoal da escritura a man. A repetición como parte fundamental no proceso de aprendizaxe e entendemento lingüístico.
Kiko Pérez (Vigo, 1982)
As novas esculturas de Kiko Pérez continúan unha serie de pezas talladas en madeira que empezou a realizar en 2012. Estes obxectos de formas orgánicas dan conta dunha serie de posturas ou xestos, na súa maioría accións pasivas, casuais pero cotiás, que rozan o absurdo dende a ambigüidade. A súa función é precisamente sinalar esas poses, unha chamada á desidia. Os obxectos resultantes cosifican os baleiros deixados polo corpo, ao tempo que se manifestan cunha sinistra familiaridade. A pesar da súa condición de representantes da falta de corpo, posúen un marcado carácter obxectual, e non obstante aparentan restos dunha acción que, curiosamente, nunca se produciu.
Miguel Prado (A Coruña, 1985)
Comedy Apories (2011-2013) é unha composición de risas enlatadas e silencio dixital cunha duración de dez horas. Tratando de obxectivar a experiencia de facer ruído, a desafección das risas enlatadas móstrase como un claro exemplo de ruído entendido como inferencia na comunicación. Externalizar o íntimo da risa a través dun evento tal como que a televisión “se ría por nós” pon de manifesto non só a pasividade dun “outro” que representa a miña verdadeira conxuntura (como Žiek suxire), senón a alienación como máximo estrañamento. Estrañar aquilo que tomamos por natural, tanto na arte coma nas situacións en xeral, comparte o xeito no que o ruído contempla a alienación como condición positiva. Como esta pon en xaque a nosa capacidade de obviar certos valores estéticos, ou aínda máis importante: supón un desafío á imposibilidade dun posicionamento neutral ou “natural” ante o discurso actual sobre o estado das cousas.
Federico Vladimir Strate Pezdirc (Buenos Aires, 1983)
O traballo deste artista, de raíz documental, relaciona o íntimo e privado con discursos históricos de maior amplitude, indagando nos contextos que marcaron a súa historia persoal e familiar recente. In The Future We Will All Be Deer / No futuro todos seremos cervos (2013), realizada en colaboración con Zemer Peled (Israel, 1983), é unha instalación que serve como prólogo e epílogo á longametraxe Un Galón de Escuma de Monstruo (2012). Nesta exposición preséntase un display “museístico” —con reminiscencias dun museo de historia ou dun museo de ciencias naturais— con vitrinas, documentos, fotografías e moldes de partes do corpo dunha misteriosa criatura: o Humanimal. A medio camiño entre cervo e humano, entre realidade e ficción, o Humanimal advírtenos de que debemos reaprender a ler, a identificarnos tanto co cazador coma coa presa, a desenvolver unha visión nocturna que nos permita anticipar a bala. En caso contrario, no futuro todos seremos veados.
Ismael Teira (Boiro, A Coruña, 1987)
En Marche (2013), o referente é unha fotografía do traslado da escultura L’Homme qui marche, de Auguste Rodin. Ceo español (2013) reproduce nas mesmas dimensións o espazo pintado de azul do falso burato que existe entre o rabo e as patas traseiras da silueta do touro de Osborne. En ambas as dúas propostas hai certo interese pola paisaxe, o monumento e as lecturas arredor dese ceo azul que se debuxa entre as pernas do camiñante que marcha, ou a estática figura do emblemático touro español.
Mar Vicente (O Valadouro, Lugo, 1979)
Columnas (Composición II), 2013, é unha obra realizada especificamente para o vestíbulo do MARCO, un lugar habitual no tránsito de visitantes. Nun primeiro golpe de vista, o espazo aparece cheo de columnas, pero pouco despois a súa percepción como elemento arquitectónico substitúese pola de teas pintadas, e as connotacións pictóricas eliminan, dalgún xeito, a idea de columna e a súa función estrutural. Por un lado, hai un xogo interior-exterior, xa que as columnas son ocas e as rañuras entre as teas permiten ver o espazo interior e os reflexos xerados pola cor aplicada en cada unha das superficies monocromáticas, que varía dependendo da iluminación natural do vestíbulo. Ademais, nunha continuidade de estímulo-resposta, a presenza do espectador fai que as teas, penduradas do teito, se movan lixeiramente ao pasar ao seu carón: así, o movemento (do espectador) xera movemento (das columnas). Por outro lado, a intervención “obriga” ao espectador a moverse dun xeito non habitual neste espazo.
Diego Vites (O Grove, Pontevedra, 1986)
A obra de Diego Vites explora os límites da pintura mediante a análise do seu contexto estético a través dunha mirada mediada pola Historia da Arte. Columna sen fin (2013), unha peza realizada especificamente para o espazo do panóptico do MARCO, é unha revisión e actualización da columna de Brancusi de 1938, un monumento-homenaxe aos caídos na primeira guerra mundial e que baseaba as súas formas na repetición de piares funerarios estilizados. A baixante de entullos, con toda a súa potencia estética e simbólica, é utilizada neste caso para levantar unha columna infinita, un monumento funerario á nosa época.
Concetto spaziale (2013) é unha revisión e actualización da obra de Lucio Fontana. Seguindo coa serie homage to, neste caso é a quenda dos conceptos espaciais de Fontana. O xesto, repetido insistentemente sobre un bloque de escuma de poliuretano, abre unha vía de escape: o mesmo xesto repetitivo que utiliza o preso na súa fuga. Artista e preso comparten xesto e fugas na antiga prisión que foi o MARCO, nunha peza minimalista, branda e absurda. Escultura, acción e pintura mestúranse neste caso para inserir un espazo real dentro da propia obra.