7+1 Escolares
A exposición "7+1 PROJECT ROOMS" reúne obras de oito importantes artistas do panorama internacional que presentan sete propostas nos espazos expositivos da planta baixa, e unha na fachada do museo: de aí o título '7+1 PROJECT ROOMS'. Cada unha das obras ocupa un espazo diferente do museo e foi especificamente destinada a ese lugar, xa se trate de obras novas ou de adaptacións de obras anteriores.
Paralelamente a esta mostra, a partir de xaneiro de 2009 o departamento educativo do MARCO ofrece unha programación dirixida a escolares e familias. '7+1' é o nome xenérico deste programa de actividades, visitas e obradoiros, que nos achega ás obras dende 7 puntos de vista diferentes pero relacionados, para finalizar cunha última proposta que se desenvolverá no espazo de obradoiros, o 'Laboratorio das artes'.