rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
1

ABIGAIL LAZKOZ. Distopía Literal

Ficha

Datas: 
7 decembro 2011 - 23 marzo 2012
Lugar: 
Vestíbulo Príncipal
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
AC/E, Acción Cultural Española /MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Jorge Díez

‘1812_2012. Unha ollada contemporánea’

Acción Cultural Española (AC/E) é unha institución cultural de carácter público que fai promoción e difunde as diversas realidades culturais de España www.accioncultural.es. AC/E aborda a conmemoración do Bicentenario da Constitución de Cádiz dende unha perspectiva actual, co proxecto ‘1812_2012. Unha ollada contemporánea’, comisariado por Jorge Díez, que engloba un conxunto de iniciativas en distintos ámbitos como a arte, a ilustración, a música, o audiovisual e Internet, que se desenvolven en diversos puntos de España. Douscentos anos despois da ‘Pepa’, AC/E quere xerar un espazo de reflexión dende distintas prácticas artísticas actuais, máis alá do simple exercicio conmemorativo ou historicista.

O proxecto empezou o 3 de decembro no Auditorio 400 do Museo Reina Sofía, cun concerto inaugural no que se estreou, grazas á colaboración do MNCARS, Luz sobre lenzo, unha peza de música contemporánea, flamenco e electroacústica composta para a ocasión por Mauricio Sotelo por encarga de AC/E.

Ademais, AC/E encargou a 18 artistas que desenvolveran intervencións en torno á Constitución de Cádiz que se levarán a cabo en 17 cidades, unha por Comunidade Autónoma. Segundo proposta do comisario, cada artista tomou como referencia inicial do seu proxecto un artigo concreto da Constitución de 1812, xunto cos conceptos de dereitos, liberdades, cidadanía e participación no contexto das revolucións árabes e do 15-M. Os proxectos comezaron a partir do 5 de decembro e, segundo as súas características, terán o seu propio desenvolvemento temporal.

Os artistas e as localidades nas que se levarán a cabo as intervencións son: Democracia (MEIAC de Badaxoz), Dionisio Cañas (CENDEAC de Murcia), Diana Larrea (EACC de Castelló), Iñaki Larrimbe (Es Baluard de Palma de Mallorca), Abigail Lazkoz (MARCO de Vigo), Juan López (ARTIUM de Vitoria-Gasteiz), Rogelio López Cuenca (CAAM de Las Palmas), Maider López (MUSAC de León), Cristina Lucas (IAACC Pablo Serrano de Zaragoza), Alicia Martín (Biblioteca Central de Santander), Noaz (Centro Huarte de Navarra), Carme Nogueira (Museo Sefardí de Toledo), Marina Núñez (Centro Niemeyer de Avilés), Gustavo Romano (CAAC de Sevilla), Fernando Sánchez Castillo (Museo Würth de La Rioja), Pablo Valbuena (Congreso dos Deputados), Isidoro Valcárcel Medina (MACBA de Barcelona) e Azucena Vieites (publicación).

Síntese do proxecto

ABIGAIL LAZKOZ. Distopía literal

Constitución de Cádiz, 1812

Art. 13. O obxecto do Goberno é a felicidade da Nación, posto que o fin de toda sociedade política non é outro que o benestar dos individuos que a compoñen.

No proxecto Distopía literal, Abigail Lazkoz presenta unha reflexión gráfica-conceptual en torno á evolución do concepto da felicidade dende 1812, ano da promulgación da Constitución de Cádiz, ata os nosos días. Para iso, no vestíbulo do MARCO recréase un espazo de pegada libre e de carácter espontáneo e de rúa que combina carteis de papel, sinais de madeira, adhesivos, pancartas e demais soportes creados pola artista nos que se recompilan citas literarias, diarios, e textos institucionais, un por cada ano do aniversario da ‘Pepa’.

A obra consiste en 200 textos de máis de 50 países e de diversa orixe (militares, artísticos, biográficos, científicos...), que ofrecen un percorrido a través da evolución da idea de felicidade, empezando polas reivindicacións da era postrevolucionaria francesa e continuando polo nihilismo romántico, os movementos antiescravistas e postcoloniais, os dereitos da muller, a revolución industrial, os movementos obreiros, a identidade sexual, a cientifización da sociedade, a psicanálise, ou as grandes guerras. Un mosaico cronolóxico que intenta dar conta da complexidade dun concepto como é decretar o dereito á felicidade: lexislar, dar estrutura a un sentimento que atinxe ao subxectivo pero tamén ao colectivo, ao individuo como ser social.

A Lazkoz o Artigo 13 da Constitución de Cádiz pareceulle interesante como “exemplo perfecto do espírito dos tempos baixo os que se redactou a Constitución. Un tratamento tan comprometido e digamos proactivo da felicidade, tema subxectivo e escorregadizo onde os haxa, pode parecer baixo a perspectiva actual cando menos naif, pero enténdese mellor se o contextualizamos historicamente no pensamento utópico e idealista da Europa ilustrada”.

“Nesta obra —continúa a artista— utilizo precisamente o termo distopía, chamada tamén anti-utopía. A distopía é unha utopía perversa onde a realidade transcorre en termos opostos aos dunha sociedade ideal. O termo foi acuñado como antónimo de ‘utopía’ e úsase principalmente para facer referencia a unha sociedade ficticia frecuentemente emprazada no futuro próximo, onde as consecuencias da manipulación e o adoutrinamento masivo —xeralmente a cargo dun Estado autoritario ou totalitario— levan ao control absoluto, ao condicionamento ou exterminio dos seus membros baixo unha fachada de benevolencia”.

No que atinxe ao tratamento dos textos, a artista inspirouse nos Exercicios de estilo de Raymond Queneau e, no que respecta ao tratamento visual, na recreación que de Oceania, o estado totalitario ficticio da novela 1984 de George Orwell, se fai no filme do mesmo nome.

“A través de 200 textos de moi variada procedencia xeográfica e temática, a miña obra ofrece unha visión editorializada da evolución do concepto da felicidade nestes 200 anos. Dende Frankenstein a Wiki-leaks, pasando polas sufraguettes ou unha cita dun poema de Leopoldo María Panero, intento achegar algunhas ideas sobre as bases que apuntalan este concepto que obsesiona ao individuo contemporáneo”.

Artistas

Abigail Lazkoz (Bilbao, 1972) vive e traballa entre Nova York e Bilbao. Algúns dos seus últimos traballos foron: Relatos Extraordinarios, exposición con Laylah Ali, Sala Parpalló, Valencia, 2011; Los 24 escalones, Fundació Joan Miró de Barcelona e Museo Nacional de Brasilia, 2009-2010; My life, from Heaven to Hell, Mucsarnok Museum, Budapest; Máquinas Extraordinarias, Sala Rekalde, Bilbao, 2009; L’art en Europe, Domain Pommery, Reims, 2008; Chacun à son goût, Guggenheim Bilbao, 2007; Greater NY, PS1-MOMA, Nova York, 2005.

Comisariado

Jorge Díez

Jorge Díez (Madrid 1954) é comisario e xestor cultural. Licenciado en Filosofía e Letras (Sección Filosofía) pola Universidad Complutense de Madrid. Director do programa internacional de arte pública Madrid Abierto e do MBA en Empresas e Instituciones Culturales de Santillana Formación/Universidad de Salamanca. Foi director xeral de Promoción Cultural da Junta de Comunidades de Castilla-La Mancha (2004-05), xefe do Servicio de Cultura e director da Sala Amadís do Instituto de la Juventud (Injuve) (1997-2004), e asesor executivo nos gabinetes dos ministros de Cultura Carmen Alborch (1993-96) e Jordi Solé Tura (1992-93).

Organizador dos Encuentros Internacionales Avantcomic, proxecto conxunto con Francesc Capdevila -Max- e Jesús Moreno, La Casa Encendida, Madrid (2007-2009), foi comisario da exposición de cómic ¡Viaje con nosotros!, itinerante por Latinoamérica (2009-2010). En 2007 foi comisario xunto con José Ignacio Roca (Colombia) do proxecto de intervencións artísticas Cart[ajena], organizado por SEACEX no marco do IV Congreso de la Lengua Española en Cartaxena de Indias. No terreo da arte pública organizou o encontro Activando el espacio público, Centro Cultural de España en Buenos Aires (2009); foi relator no 1º Seminario Internacional sobre Arte Público do GEAP-Latinoamérica, Bos Aires (2009); no Simposio de Artes Visuais La naturaleza pública del arte da Universidad Federal de Espíritu Santo de Vitoria, Brasil (2008); nas Jornadas-Encuentro de Arquitectura, Arte y Ciudad Simbiocity, Tabacalera, San Sebastián (2008); no 10º Foro España-Xapón, Nagasaki (2007); no 16º Simposio de Artes Plásticas de Porto Alegre, Brasil, Experiencias actuales en arte público (2007); no curso Contextos e proxectos de arte pública. Modelos efímeros de intervención, MARCO, Museo de Arte Contemporáne de Vigo (2007); nas xornadas de debate Cuestionando el arte público: proyectos, procesos y programas, Idensitat, Centre d’Art Santa Mónica, Barcelona (2006), e na 4ª Conferencia Internacional sobre Arte Público en Taipei, Taiwán, Espacios públicos y arte público (2004). También foi membro do xurado da Bienal de Venecia/Bogotá, Colombia e de Idensitat Calaf/Manresa’05, Barcelona. Jorge Díez é autor de textos en revistas especializadas e catálogos de exposicións, e editor da publicación Madrid Abierto 2004-2008.