rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Actividades e novidades da Biblioteca-Centro de Documentación 2022

Actividades e novidades da Biblioteca-Centro de Documentación 2022

23 abril 2022 - 31 decembro 2022

Con motivo do Día do Libro

A Biblioteca-Centro de documentación do MARCO difunde o seu labor e programa actividades específicas para o venres 22 e sábado 23 de abril.

O MARCO celebra o Día do Libro 2022 cunha sesión especial de obradoiro para público adulto, e unha nova edición da experiencia de Bookcrossing en colaboración con outros museos e centros de arte, que terán lugar o venres 22 de abril, así como un obradoiro para público infantil o sábado 23 de abril.

A Biblioteca-Centro de documentación amplía o seu horario de atención ao público e a súa oferta de actividades e servizos.

A liña de publicacións do MARCO continúa sumando novos títulos, como o catálogo da exposición de Quintana Martelo, Containers 2012-2021, e o libro de Manuel Vilariño, Elogio del confín, que reúne nunha edición especial os haikus escritos polo artista durante o confinamento.

#BiblioMARCO #DíadoLibro #DíadoLibro2022

BIBLIOTECA-CENTRO DE DOCUMENTACIÓN. ACTIVIDADES E NOVIDADES

A Biblioteca-Centro de Documentación do MARCO, inaugurada en 2004 e situada no 1º andar do Museo, ten como obxectivo proporcionar información bibliográfica, hemerográfica e audiovisual sobre a arte do século XXI e outros aspectos relacionados coa cultura contemporánea. De acceso libre e gratuíto para o público en xeral, dispón de rede WIFI. O seu fondo bibliográfico abrangue áreas como teoría da arte, filosofía, historia, pedagoxía, museoloxía, movementos artísticos ou coleccións. O corpo principal da Biblioteca son monografías, catálogos de artistas e catálogos colectivos, ademais dunha hemeroteca de revistas especializadas.

Hoxe en día, grazas á ampliación de espazo de depósito e labores de catalogación, o fondo bibliográfico incrementouse e conta cun total de 8.018 títulos.

Horario ampliado

De martes a xoves, de 11.00 a 14.15 e de 17.00 a 20.00. Venres de 11.00 a 14.15
Dispoñibilidade de cita previa para persoal investigador, con atención personalizada e un horario máis amplo que se puxo en marcha a partir das restricións sanitarias e que tivo continuidade.

Boletín mensual #BiblioMARCO

O Boletín mensual de novidades envíase por correo electrónico a todas as persoas interesadas en recibir esta información, incluíndo as recentes incorporacións ao fondo bibliográfico e actividades previstas.

Visitas comentadas á Biblioteca-Centro de documentación

Achegamento aos servizos e actividades da Biblioteca-Centro de Documentación, o último xoves de cada mes, mediante reserva.

Mostras bibliográficas e información documental en paralelo ás exposicións

En paralelo ás exposicións temporais, a Biblioteca-Centro de Documentación do MARCO prepara mostras bibliográficas na propia sala de lectura aberta ao público –a máis inmediata centrada no escultor Francisco Leiro– así como un dossier documental que reúne ligazóns a artigos, entrevistas e información complementaria sobre o artista.

Novas publicacións do MARCO e reanudación de intercambios e donacións

Tras algúns anos sen actividade editorial, a liña de publicacións do MARCO é unha actividade esencial que dende a Dirección do Museo se quere potenciar como ferramenta fundamental de investigación, documentación e difusión, como unha extensión da propia obra expositiva. Isto fai posible retomar a política de intercambios e envío de catálogos como doazón a outros museos e institucións, máis dun cento nos últimos meses.

Entre os últimos títulos publicados destaca o catálogo da exposición de MANUEL QUINTANA MARTELO. Containers, 2012-2021, acompañado dunha serie limitada de gravados dixitais con reprodución dalgunhas das obras presentes na exposición. Tamén, nunha edición moi coidada preséntase o libro de MANUEL VILARIÑO, Elogio del confín, que reúne en versión bilingüe (gal/cast) a colección de haikus escritos polo artista durante o confinamento. Ambas as dúas publicacións estarán dispoñibles no espazo da tenda-libraría LASAL Books, recentemente inaugurada no vestíbulo principal.

#BiblioMARCO Extramuros: Actividades de difusión e colaboración

As actividades de difusión previstas inclúen unha presentación das actividades e servizos da Biblioteca-Centro de documentación do MARCO por parte da súa responsable Iria Fernández Mouriz, na Escola Municipal de Artes e Oficios (ciclo “Os venres da EMAO”, 27 de maio ás 19.00), que reforzará a colaboración entre ambas as dúas institucións. Tamén a proxección da película “De Profundis” e o coloquio co seu director Miguelanxo Prado, que tivo lugar no MARCO como actividade complementaria do Club de Lectura e accesible para persoas con minusvalidez auditiva, replicarase o 4 de xuño na sede do MUNCYT (A Coruña) coa colaboración de ACOPROS.

Club de Lectura #BiblioMARCO

O Club #BiblioMARCO é unha actividade concibida como espazo de encontro e intercambio de experiencias para para persoas interesadas na relación entre literatura e a arte nas súas múltiples manifestacións. Máis alá da lectura en si, en cada sesión establécense relacións con obras e movementos artísticos, música e cinema, o que converte o club #BiblioMARCO nunha experiencia diferente que axuda a afondar nos contidos da creación contemporánea. Ademais, as sesións en si compleméntanse con outras actividades (encontros con artistas, escritores, proxeccións...) relacionados coas lecturas de cada tempada.

Proxecto “Documentando o MARCO”

“Documentando o MARCO” é un proxecto dirixido dende a Biblioteca-Centro de documentación e iniciado en 2008. Partindo do pasado do edificio do MARCO como cárcere e xulgados, como lugar de memoria e espazo simbólico, trátase de reconstruír a “memoria viva” deste lugar a través de testemuños e da busca de material documental. Como traballo en proceso, nos últimos meses fixéronse grandes avances tanto na localización e clasificación de material documental, coma na recompilación de historias e experiencias persoais relacionadas co seu pasado e co seu novo uso como Museo de Arte Contemporánea.

PROGRAMACIÓN ESPECIAL CON MOTIVO DO DÍA DO LIBRO


LIBROS LIBRES! Bookcrossing 2022
Para público en xeral
Venres 22 de abril, a partir das 11.00
Lugar: escaleiras da fachada principal do MARCO e outros puntos da cidade

Un ano máis —e xa van 16— o MARCO súmase á experiencia de Bookcrossing promovida dende o ARTIUM de Vitoria-Gasteiz, e na que en cada edición participan numerosos museos e centros de arte. No caso do MARCO, “liberaranse” exemplares duplicados procedentes da Biblioteca, fronte á fachada principal e tamén repartidos en distintos puntos da cidade, seguindo a filosofía e o obxectivo de divulgación que inspirou esta iniciativa dende o seu nacemento.

Creando creaturas
Obradoiro para adultos conducido por María Xosé Martínez
Venres 22 de abril, de 17.00 a 18.30
Lugar: sala mediateca (1º andar)
Gratuíto, previa inscrición a través do correo-e centro.documentacion@marcovigo.com  
Prazas limitadas a 20 participantes. Reserva 20% para membros AAM

Maria Xosé Martínez, membro do equipo de didáctica do MARCO e con ampla experiencia en actividades para público infantil e familiar, ofrece este obradoiro orientado a público adulto en torno á exposición de Francisco Leiro, que se inaugura ese mesmo día nas salas da planta baixa. As obras de Leiro e en particular as súas criaturas antropomórficas servirán de base para unha actividade na que a imaxinación é unha compoñente esencial, e para a que non se require ningunha formación previa ou habilidade específica.

Cadernos telescópicos
Obradoiro para público infantil
Sábado 23 de abril, de 11.00 a 12.30 (de 3 a 6 anos) e de 12.30 a 13.30 (de 7 a 12 anos)
Gratuíto, previa inscrición a través do correo-e recepcion.marco@gmail.com
Lugar: Espazo Anexo (praza peonil posterior)

O sábado 23 de abril, Día do Libro, a sesión de obradoiro para público infantil dedicarase a unha actividade relacionada co libro como obxecto artístico. Crearemos libros-cadernos “telescópicos” nos que, a partir dun simple recorte ou intervención sobre cada páxina, as imaxes se van sucedendo e creando novas composicións e significados.