rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Vicente Blanco. El más joven y radiante piloto, 2001. Vídeo, 2’ 52’’. Colección CGAC
David Catá. Cinzas 09, 2015. Fotografía 63 x 48 cm. Cortesía do artista
Andrea Costas. Incorporados, 2001. Fotografía, 51 x 61 cm. Cortesía da artista/© VEGAP
Carolina Cruz Guimarey. Un eco que resiste, 2012. Transferencias sobre panos. Cortesía da artista
Félix Fernández. Materialización para a eternidade I, 2013. Fotografía 100 x 86 cm. Cortesía do artista
Celeste Garrido. Tortura feminina (da serie Pesadelos), 2010. Cortesía da artista
Ana Gesto. Nin unha menos (da serie Fotoaccións), 2015. Fotografía, 44.5 x 31 cm. Cortesía de Jesús María Alonso
Roberto González Fernández. Trío e lagarto (da serie Azuis interiores), 1976. Colección CGAC
Laura Piñeiro. Bioloxía é destino, 2007. Bastidor invertido con tea, puntillas e fío, 21 x 22 x 8 cm. Cortesía da artista
María Ruido. Cronoloxía, 1998. Vídeo, 9'. Colección MACBA, Fundación MACBA
Sara Sapetti. A traumática (da serie as Verónicas), 2009. Fotografía, 100 x 70 cm. Cortesía da artista
Neves Seara. Que lindo pelo…, 2004. Fotografía, 60 x 80 cm. Cortesía da artista

ALÉN DOS XÉNEROS. Prácticas artísticas feministas en Galicia

Ficha

Datas: 
27 xaneiro 2017 - 11 xuño 2017
Lugar: 
Salas de exposición do 1º andar
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 y de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, e Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela
Comisariado: 
Anxela Caramés


Durante a xornada inaugural, o venres 27 de xaneiro ás 20.30 Félix Fernández presentará o DJ set (DE)GENERADXS da man do seu alter ego musical JËAN FIXX + “Chica de la coru” en directo por EDU.

Presentación

Entre o 27 de xaneiro e o 11 de xuño, os espazos do primeiro andar do MARCO acollen o proxecto ALÉN DOS XÉNEROS, realizado en coprodución co Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela, e comisariado por Anxela Caramés. Unha mostra colectiva que reúne unha selección de obras de 50 artistas, como panorama das prácticas artísticas feministas en Galicia dende os anos noventa ata a actualidade.

A exposición permite contextualizar o traballo artístico que aborda as cuestións de xénero, poñendo en relación o ámbito galego co estatal e internacional. Ofrece unha revisión das prácticas feministas realizadas tanto por mulleres coma por homes e, á súa vez, tende pontes entre as producións artísticas e os movementos sociais e políticos reivindicativos, como os grupos activistas feministas e LGTBQI. A mostra indaga e afonda na pluralidade de aspectos da arte feminista e dá visibilidade a xeracións máis novas, vinculándoas coa obra de artistas cunha traxectoria máis consolidada.

Artistas

Julio Manuel Álvarez Bautista (Vigo, 1992) 
Xoán Anleo (Marín, 1960)
Lara Bacelo (Mos, 1981)
Katrina Biurrun (Barcelona, 1966)
Vicente Blanco (Cee, 1974)
Claudia Brenlla (Brasil, 1964)
Mónica Cabo (Oviedo, 1978)
Mar Caldas (Vigo, 1964)
David Catá (Viveiro, 1988)
Salvador Cidrás (Vigo, 1968)
Contenedor de Feminismos
Andrea Costas (Vigo, 1978)
Carolina Cruz Guimarey (A Coruña, 1981)
Luz Darriba (Montevideo, Uruguai, 1954)
Sabela Dopazo Vieites (Santiago de Compostela, 1975)
EDU [Eduardo Fernández] (A Coruña, 1987)
El Ama de Casa Pervertida (Vigo, 1922)
[Cristian Gradín & Pablo Huertas] (Soutomaior, 1980 / Pontevedra, 1984)
Félix Fernández (Viveiro, 1977)
Basilisa Fiestras (Forcarei, 1986)
Xisela Franco (Vigo, 1978)
Celeste Garrido (Marín, 1972)
Ana Gesto (Santiago de Compostela, 1978)
Ana Gil (Ourense, 1973)
Roberto González Fernández (Monforte de Lemos, 1947)
Cristian Gradín (Soutomaior, 1980)
Yolanda Herranz (Baracaldo, 1957)
Colectivo LAG [Lara Buyo & Ana Corujo] (A Coruña, 1993 / Viveiro, 1993)
Rebeca Lar (Vigo, 1993)
Carmen Llonín (Lugo, 1964)
Gema López (Lugo, 1987)
LSD
María Marticorena (A Coruña, 1977)
Chelo Matesanz (Reinosa, 1964)
Álex Mene (Vigo, 1968)
Moona (Vigo, 1975)
Carme Nogueira (Vigo, 1970)
O.R.G.I.A
Mery Pais (Santiago de Compostela, 1990)
Marta Paz (A Coruña, 1976)
Uqui Permui (Barallobre, 1964)
Laura Piñeiro (Pontedeume, 1984)
POST-OP [Majo Pulido & Elena Urko] (Ourense, 1974 / Irún, 1975)
Mar Ramón (Valencia, 1993)
Reme Remedios (Romiña, 1972)
Rita Rodríguez (A Coruña, 1981)
María Ruido (Pidre-Xinzo de Limia, 1967)
Sara Sapetti (Valladolid, 1976)
Neves Seara (Ourense, 1983)
Sonia Tourón (Pontevedra, 1979)
Peque Varela (Ferrol, 1977)

Mostra bibliográfica/documental


A Biblioteca-Centro de documentación do MARCO acolle unha mostra bibliográfica con selección de textos e publicacións sobre prácticas feministas artísticas e os diferentes temas abordados na exposición, xunto a catálogos de exposicións de artistas participantes. Complementa a documentación unha selección de catálogos individuais que estará a disposición do público baixo petición, e cuxa listaxe pode consultarse na propia mesa de documentación ou na web do Museo.

Información e visitas guiadas


O persoal de salas está a disposición do público para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:

Todos os días ás 18.00 / Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita no tel. 986 113900

Foto de portada: El Ama de Casa Pervertida [Cristian Gradín & Pablo Huertas]. Acorazonada, 2008. Videoanimación, 2’ 20’’

Síntese do proxecto


Baixo o título ALÉN DOS XÉNEROS, este proxecto expositivo formula unha revisión das prácticas artísticas feministas en Galicia, a través dunha selección de obras de medio centenar de creadoras e creadores que teñen vinculación con Galicia e que —con excepción das obras realizadas a finais dos setenta por Roberto González Fernández (Monforte de Lemos, 1948), pioneiro á hora de dar visibilidade ao colectivo homosexual no Estado Español— foron producidas dende os anos noventa ata a actualidade.

A proposta reúne pezas de diferentes artistas, nalgúns casos pouco coñecidas e/ou inéditas,  agrupadas por cuestións temáticas e conceptuais, á marxe de criterios cronolóxicos, xa que persegue trazar un discurso que de forma fluída mostre as diferentes tendencias e achegas das múltiples correntes feministas á arte contemporánea. Alén dos xéneros inclúe obras realizadas tanto por mulleres como por homes, desbotando o tópico dunha arte feminista producida só por mulleres, e incorporando autores masculinos que traballan dende unha perspectiva de xénero e/ou queer.

Alén dos xéneros indaga na pluralidade de aspectos da arte feminista e dá visibilidade a xeracións máis novas, vinculándoas coa obra de artistas cunha traxectoria máis consolidada. Permite contextualizar o traballo artístico que aborda as cuestións de xénero, poñendo en relación o ámbito galego co estatal e internacional. Á súa vez, tende pontes entre as producións artísticas e os movementos sociais e políticos reivindicativos, como os grupos activistas feministas e LGTBQI (Lesbianas, Gais, Transexuais, Bisexuais, Queer e Intersexuais).

A montaxe estrutúrase en tres grandes bloques temáticos: a relación entre o feminino e o feminista; a revisión do concepto da masculinidade; e, por último, os corpos e as sexualidades queer, termo anglosaxón usado como insulto homofóbico e que foi reapropiado dende os feminismos para defender ideas anti-normativas sobre as identidades de xénero. Estas categorías superpóñense entre si; non deben ser consideradas pechadas nin excluíntes, posto que hai artistas que transitan dunha a outra chegando mesmo a abordar os tres eixes.

O diálogo entre as obras fai posible que emerxan temas esenciais na loita feminista como o corpo das mulleres e a súa sexualidade, as relacións de parella, a maternidade, a violencia machista, os roles de xénero, a dicotomía entre o espazo doméstico e o público, a relación coas antepasadas, os rituais máxicos vinculados á espiritualidade feminina... Este primeiro eixe temático permite, así mesmo, unha reflexión sobre o rol da muller artista.

Con respecto á teoría queer, a mostra formula múltiples cuestións en torno ao desexo, os corpos e a sexualidade lésbica, gai e transxénero. Suxírese que a masculinidade e a feminidade son entendidos como unha mascarada, ou unha representación de códigos. Tamén se insiste na performatividade de xénero; é dicir, afírmase que os xéneros e as identidades sexuais son construcións socio-culturais e, polo tanto, transformables.

Ao carón das obras en exposición, Alén dos xéneros incorpora documentación complementaria ás prácticas artísticas. Así, na mostra están presentes destacadas revistas feministas galegas como Andaina e A festa da palabra silenciada, xunto a información relativa ao activismo feminista e LGTBQI. Dende mediados dos setenta os primeiros grupos feministas, como AGM (Asociación Galega da Muller), e os colectivos homosexuais mobilizáronse en Galicia en favor da igualdade de dereitos e en defensa da liberdade sexual. Posteriormente a Marcha Mundial das Mulleres constitúe un dos movementos máis representativos e aglutinadores de diferentes tendencias dende finais dos noventa. Na exposición préstase especial atención aos colectivos queer que empregan a linguaxe artística como ferramenta política: Maribolhèras precárias, Lerchas, Mulleres Transgredindo ou Nomepisesofreghao foron exemplo diso, xunto ao novo grupo Queer Avengers.

Ao longo destes meses, a exposición xerará varias actividades paralelas. En torno ao 8 de marzo, con motivo da celebración do Día Internacional da Muller Traballadora, programaranse tres sesións audiovisuais nas que se abordarán cuestións relativas ao ámbito profesional feminino, e proxectaranse películas de artistas participantes na mostra, como María Ruido, Uqui Permui, Xoán Anleo, Claudia Brenlla ou Xisela Franco. Así mesmo, levarase a cabo unha serie de propostas escénicas que combinan a performance, o teatro ou a danza dende unha perspectiva de xénero. Este programa iníciase durante a xornada inaugural, cunha sesión na que Félix Fernández presenta o seu DJ set (DE)GENERADXS da man do seu alter ego musical JËAN FIXX, á que se une a actuación en directo de EDU (Eduardo Fernández), coa presentación do seu vídeo ‘Chica de la coru’, peza incluída tamén na exposición.

Por outra banda, a Biblioteca-Centro de documentación do MARCO acolle unha mostra bibliográfica, concibida como documentación adicional, que inclúe selección de textos, publicacións e catálogos con información sobre prácticas feministas artísticas e os diferentes temas abordados na exposición.

A imaxe gráfica do proxecto, obra da deseñadora compostelá Uqui Permui, está inspirada na estética do ‘feito a man’, o Do It Yourself característico da autoxestión e da comunicación activista, e destaca a utilización da lambda (λ) como símbolo internacional do movemento LGTBQI.

En 1970, a letra grega lambda (λ) foi seleccionada para simbolizar a campaña de liberación homosexual para a Alianza de Activistas Homosexuais. Catro anos despois, o Congreso Internacional de Dereitos Homosexuais en Edimburgo elixiu o mesmo símbolo para representar os dereitos de lesbianas e gais. A organización de dereitos homosexuais, Lambda Legal, fai unha alusión a este símbolo no seu nome.

Comisariado

Anxela Caramés


Anxela Caramés
(Santiago de Compostela - A Coruña, 1977) é doutora en Belas Artes pola Universidade Politécnica de Valencia (2016) e licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela (1999). Interesada pola narración e a imaxe audiovisual, cursou estudos de dirección e montaxe na Escola de Imaxe e Son da Coruña (2001) e realizou o programa de doutoramento Artes Visuales e Intermedia na UPV (2004), onde presentou a súa tese doutoral sobre xestión cultural feminista no contexto español. Como investigadora en arte contemporánea e feminismos ten impartido conferencias en museos e universidades, e publicado artigos en revistas especializadas e catálogos de exposicións.

Dende 2005 traballa como axente cultural e crítica de arte; desenvolve proxectos expositivos, dirixe encontros de debate e reflexión crítica, e programa ciclos de vídeo ou performance nos que se interesa pola cultura visual, o impacto social e político nos procesos de creación, as cuestións de xénero e as dinámicas colaborativas, prestando especial atención aos artistas emerxentes. Destacan as xornadas de conferencias Subjetividades críticas/narrativas identitarias. Feminismos y creación contemporánea en el Estado Español (Fundación Luís Seoane, A Coruña, 2006 e 2015); Contra viento y marea, palabras y huellas de los feminismos (Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, A Coruña, 2009); Muartech: Acciones híbridas desde el género y la tecnología (Espacio Menosuno, Madrid, 2011) e Sujetos emergentes. Sexualidades y feminismos contemporáneos, xunto a Rubem Centeno e Pablo Andrade (UDC/ Normal, A Coruña, 2011). Coordinou, ao carón de Xurxo Taxes, o ciclo de cine recuperado Accións e delirios en 8mm. Galicia 1975-85 para a II Mostra de Cinema Periférico S8 (2011). Como comisaria organizou exposicións como Desnudas (Otro Espacio/Sin Espacio, Valencia, 2011); Ensamlandet, Tierra de Soledad (Alterarte, Ourense, 2012); Elas Fan Tech (Normal, A Coruña, 2013); Seoanes Posibles. After Teresa de Villar (Fundación Luís Seoane, A Coruña, 2013); Miradas de mujer sobre la Guía Postal de Lugo de Maruja Mallo (Pazo de San Marcos, Lugo, 2014) e Lost & Found. Archivos (Re)colectados (Normal, A Coruña, 2014).

www.anxelacarames.com