
ALFONSO GALVÁN
Ficha
Alfonso Galván (Madrid, 1945) é un artista en extremo persoal, creador dun mundo marcado pola síntese entre o rigor da súa entrega, o coñecemento do que quere contar, o dominio de como contalo e unha fantasía desbordante. Unha imaxe vista ou un recordo son detonantes do arranque dun proceso creativo no que o tempo se detén, porque a imaxe crece moi lenta, allea ao ritmo exterior. A pintura non pretende representar unha escena senón mostrarnos a súa paisaxe, a súa historia, a súa memoria, os seus ecos.
A súa obra inicial ten un forte contido social, para proseguir con imaxes dunha natureza onírica, na que se mesturan as referencias culturais, os símbolos, os xogos. Todo sucede e entrelázase. Galván pinta sen bosquexos previos: entra na tea ou o papel co ánimo de habitalo e deixar rexistro do que acontece, ata chegar con frecuencia a cadros case infinitos, aos que a multiplicación de paneis lles dá un aire narrativo, mesmo de percorrido circular. Convén deterse en cada cadro, percorrelo como foi pintado, na certeza de que descubriremos acenos, xogos, interrogantes, microcosmos.
A mostra, que non ten un sentido cronolóxico estrito, establece dúas atmosferas: unha dominada pola presenza de animais en escenas densas, pechadas, de forte contido ficcional, utilizando como punto de partida documentos e fotografías familiares tomadas en África nos anos 50; outro en aparencia máis lírico, con paisaxes abertas e referencias orientalistas, con inclusión de textos en chinés, en especial do Daodejing, que Alfonso Galván traduciu, ilustrou e caligrafou. Ambas as dúas seccións serven de reflexión para entender unha traxectoria na que o proceso da pintura decide o seu desenvolvemento e o seu final.
Alfonso Galván nin busca reproducir a realidade nin traballa fronte a ela, pero necesita controlar, respirar aquilo que lle preocupa, por iso aínda que pinta nun estudio pechado, sen bosquexos previos, vive na natureza, e cando sente unha forte atracción pola cultura chinesa, aprende o seu idioma e introduce os seus signos nos cadros. Unha elección que é similar á que o leva a pintar un mural con leves capas de tinta e lapis, e o empeño dura case dez anos.
Artista con frecuencia esquecido nos balances que revisan a pintura española, malia a súa sorprendente irrupción a mediados dos anos 70, cunha obra distinta á da súa xeración e a anterior, está presente en coleccións como a do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía.
Miguel Fernández-Cid, director do MARCO e comisario da exposición
INFORMACIÓN XERAL / DOCUMENTACIÓN / ACTIVIDADES
Documentación
Con motivo desta mostra, a Biblioteca-Centro de documentación del MARCO preparou un dossier documental, con ligazóns a artigos e información complementaria sobre o artista, accesibles para consulta dende a web do MARCO www.marcovigo.com nos apartados Exposicións/Actuais e Biblioteca/Novas.
Programación para escolares
Colabora: Fundación ”la Caixa"
A partir do 11 de abril
Horario: de martes a venres de de 10.00 a 11.30 e de 11.30 a 13.00
Previa cita: tel. 986 113900 Ext. 200 / 986 113900 Ext. 308 / Correo-e: comunicacion@marcovigo.com
Programación para asociacións, colectivos e grupos con necesidades específicas
Colabora: Fundación ”la Caixa”
A partir do 11 de abril
Horario: flexible en función de necesidades e dispoñibilidade
Previa cita: tel. 986 113900 Ext. 200 / 986 113900 Ext. 308 / Correo-e: comunicacion@marcovigo.com
Obradoiros infantís
Colabora: Fundación ”la Caixa”
A partir do 12 de abril
Horario: sábados de 11.00 a 12.30 (de 3 a 6 anos) e de 12.30 a 14.00 (de 7 a 12 anos)
Previa inscrición: tel. 986 113900 Ext. 200 / Correo-e: recepcion@marcovigo.com
Información e visitas guiadas
O personal de salas está dispoñible para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais: todos os días ás 18.00 / Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita.
Rutas interactivas a través da App Vigo
O sistema de rutas interactivas a través da App Vigo permite aos visitantes acceder a contido sobre a exposición (vídeos, imaxes, información específica sobre as obras), sexa no propio espazo mediante os beacons ou dispositivos bluetooth situados en salas, ou desde calquera outro lugar, seguindo a ruta unha vez descargada a aplicación, ou a través da web do Concello de Vigo.
Fotografía de portada: Alfonso Galván. Tótem, 1991 (detalle)
Fotografía miniatura: Alfonso Galván. Cebra, 1990 (detalle)
Artistas
Alfonso Galván
Alfonso Galván (Madrid, 1945) formouse na Academia de Bellas Artes de San Fernando, e realizou a súa primeira exposición individual en Madrid en 1973. Artista de difícil clasificación, o seu traballo conxuga un peculiar simbolismo persoal coa visión dunha realidade transcendida, imaxinada, a través dun lento proceso baseado na observación e na busca da esencia das cousas, que intenta facer reflexionar ao espectador sobre o mundo que nos rodea e sobre a condición humana.
Pertence á xeración de artistas nacidos nos anos corenta que comezan a ter os seus primeiros éxitos artísticos en torno 1970. Con influencia do hiperrealismo norteamericano, o realismo fantástico, o realismo fotográfico ou o pop, moitos recibiron directamente as ensinanzas de Antonio López no período no que era mestre na Academia de Bellas Artes de San Fernando, e foron denominados os Novos Realistas.
En 1987 o MEAC Museo Español de Arte Contemporáneo (Madrid) recolle unha ampla mostra da súa obra dende os anos 70, que posteriormente se presentou no Espacio Caja Burgos e na Sala Luzán de Zaragoza. As súas exposicións individuais nas últimas décadas inclúen Paraíso quebrado, Iglesia del Carmen, Arjona, Jaén (2019); Fundación Van der Linde, Montánchez, Cáceres (2019); Feira de Arte Santander, Galería Espiral, Santander (2019); Ediciones Vuela Pluma, Madrid (2017); Galería Sociedad Anónima, Madrid (2014); Galería Trueno, Colmenar Viejo, Madrid (2006); Galería Muelle 27 e Tercer Espacio, Madrid (2004).
Formou parte de exposicións colectivas en institucións, museos e galerías, como Realismo en España, Fundación Valentín de Madariaga y Oya, Sevilla (2022); Herbarios Imaginados: Entre el arte y la ciencia, Centro de Arte Complutense, Madrid (2020); Pintura, ABM Confecciones, Vallecas, Madrid (2018); Mons Dei, Las Edades del Hombre, Aguilar de Campoo, Palencia (2018); Erotismo y fetichismo, Fundación Van der Linde, Montánchez, Cáceres (2017); Animalista, La Casa Encendida, Madrid (2016); Feira Internacional de Arte Contemporánea, Galeria Ansorena, Miami (2016); 30º Aniversario, Galería Ansorena, Madrid (2016); Realismo en España: 50 años, Centro Cultural Adolfo Suárez, Tres Cantos, Madrid (2016); Secuencias de realidad, Kiosco Alfonso, A Coruña (2016); Interpretación/Representación, Galería Sociedad Anónima, Madrid (2015); Secuencias de realidad, MEIAC Museo Extremeño de Arte Contemporáneo, Badajoz (2015); Rosebud, Galería Vuelapluma, Madrid (2015); Retrato y Literatura, Biblioteca Nacional, Madrid (2015); (Re) visiones de la naturaleza, Galería Sociedad Anónima, Madrid (2015).
Entre os premios e distincións obtidos cóntanse: mención I Concurso Adaja de Caja de Ávila (1974), 1º Premio no II Concurso Adaja (1975), Bolsa Fundación Juan March (1975), Bolsa Adquisición de obra, Ministerio de Cultura (1982), Bolsa Realización de obra, Ministerio de Cultura (1983), 1º Premio I Bienal de Albacete (1986). O seu traballo está presente en en coleccións públicas e privadas, como MNCARS Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Caja General de Ahorros y Monte de Piedad de Ávila, Ayuntamiento de Albacete, Exeter College de Oxford, Comunidad Autónoma de Madrid, Biblioteca Nacional, Fundación General Mediterránea, Colección Arte y Naturaleza.
+INFO sobre a súa obra, proxectos e documentación complementaria en https://alfonsogalvan.es/
Textos sobre a súa obra https://alfonsogalvan.es/textos/
Daodejing / Libro do Tao https://alfonsogalvan.es/wp-content/uploads/2018/10/TAO-TE-KING-LIBRO-WEB.pdf
Exposición Alfonso Galván na Fundación VanderLinde (2019) https://www.youtube.com/watch?v=ybo8P9Ko5SE
Texto artista
“Nunca pinto do natural. Invento o lugar. Precisamente por ser inventadas, as descricións son moi precisas. Se teño que pintar unha persoa ou un animal, si utilizo ás veces unha fotografía ou uns apuntamentos. Podo pintar de memoria porque observei moito a natureza. Aprendín o contacto coa paisaxe: visual, olfactivo e táctil. Os paisaxistas chineses non pintan do natural: din, por exemplo, que para pintar o bambú che ten que saír do peito. Observo os procesos vitais. Tento chegar á esencia das cousas, reflectir as manifestacións da vida. Cando pinto unha árbore, nunca a copio. Pero é que plantei moitas árbores, vinas medrar. Sei por onde lle van saír as pólas á árbore que creo, ás veces nin sequera identificable cunha especie.
Tamén invento a trama, que sempre é imposible. O paradoxo reside na contradición entre a precisión da forma coa ambigüidade do representado. Nin eu mesmo sei que queren dicir os meus cadros. Son imaxes, mentiras que parecen verdades. A arte é un artificio, unha falsidade. O que pretendo é provocar emocións inesperadas no espectador.”
Alfonso Galván, 1997