rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina

ALFREDO ALCAIN

Ficha

Datas: 
28 xaneiro 2022 - 28 agosto 2022
Lugar: 
Salas de exposición do primeiro andar
Horario: 
martes a sábados (festivos incluídos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Miguel Fernández-Cid

A exposición de Alfredo Alcain (Madrid, 1936) no MARCO reúne máis de oitenta obras dende 1965 ata 2021, entre pinturas, debuxos, e esculturas. Máis que unha retrospectiva, formúlase como un intento de valorar un artista cun camiño moi persoal, un percorrido incuestionable dentro da historia da arte en España, e un grande recoñecemento por parte da crítica e artistas de diferentes xeracións –mesmo as máis novas–, fronte a unha presenza institucional menor da que debera.

A partir dunha selección de obras que van sinalando distintas etapas do seu traballo, dende os anos sesenta ata a actualidade, a montaxe articúlase como un itinerario circular polas salas frontais da primeira planta, sacando partido da estrutura e amplitude dos espazos.

Tras un aceno inicial nos arcos de acceso a salas –El chuletón (1978) flanqueado por unha peza de Teresa Moro que reproduce o axexadoiro da porta da casa-estudio do artista, a modo de fío condutor entre as dúas mostras– a visita arranca con tres cadros nos que se queren sinalar algunhas constantes de Alfredo Alcain: o seu persoal sentido do humor –inxenuo, sarcástico, ácido– e a súa recorrencia a unha iconografía popular e a sistemas de composición a xeito de imaxes moi dispares integradas no cadro: unha especie de escaparate (o interior dunha mercería, ou dunha ferraxaría), cunha mostraxe de obxectos que no caso de Alcain teñen unha forte ligazón emocional.

Recibe ao público Autorretrato en el curso del tiempo, unha peza con múltiples citas autobiográficas, incluída a placa funeraria da súa morte o día do seu nacemento. A ambos os dous lados, Autorretrato del 44, que presenta en aire pop a imaxe colexial dos estudantes da posguerra e o primeiro franquismo; e Lugar para descansar, no que reproduce a lápida dunha persoa falecida o mesmo día do seu nacemento.

Así, xunto á idea do paso do tempo, e á presenza constante do humor –en certo modo próximo ao do seu amigo José Luis Cuerda–, a exposición iníciase con esa declaración de intencións e ese xogo tan contemporáneo do eu e o outro, que el formula xa nos anos sesenta. Alcain, magnífico conversador, e autor de textos practicamente inéditos sobre outros artistas, é tamén un lector voraz e está moi ao tanto da actualidade artística e cinematográfica.

Nas grandes salas frontais formúlanse dous espazos diferenciados: por unha parte, as variacións sobre os bodegóns –cezanianos, pop, morandianos, pintados, construídos, en tres dimensións– e o despregamento en pezas dos papeis de Vasar. A intención é mostrar o modo de traballar de Alcain no tempo; o seu modo de ser recorrente en temas, incorporando sempre a sintonía do momento, e o seu empeño en ser “un e colectivo”, integrando pequenas obras de artistas amigos. Na outra sala, os seus cadros dos últimos vinte anos, xunto a esculturas de pequeno formato en bronce e madeira (bodegóns e arquitecturas), poñen de relevo esa faceta case manual da obra de Alcain, que suma e engade pincelada a pincelada, obxecto a obxecto, e o seu afecto por ver crecer a obra.

Nos corredores e salas intermedias, outros exemplos da súa pintura e obra en papel –como os debuxos de teléfono, situados xunto ás vitrinas con material documental que acompaña a mostra– dialogan coa linguaxe pop dos anos sesenta, principalmente a serie de modelos icónicos de barrios castizos de Madrid (escaparates e fachadas, lugares e obxectos de uso popular en vías de extinción), establecendo relacións, transmitindo a súa intención e o amor pola pintura, visible nas numerosas citas e referencias.

Dossier documental

Paralelamente á exposición, a Biblioteca-Centro de Documentación do MARCO preparou un dossier documental, que reúne enlaces a artigos e información complementaria sobre o artista, accesible para consulta dende a web do MARCO www.marcovigo.com nos apartados Biblioteca/Novas e Exposicións/Actuais.

Programación para escolares

Colabora: Obra Social “la Caixa”

A partir do 15 de febreiro de 2022
Horario: de martes a venres de 11.00 a 13.30
Previa cita: tel. 986 113900 Ext. 100 / 986 113908 / Correo-e: comunicacion@marcovigo.com

Obradoiros infantís de fin de semana

Colabora: Obra Social “la Caixa”

A partir do 5 de febreiro de 2022
Horario: sábados de 11.00 a 12.30 (de 3 a 6 anos) e de 12.30 a 14.00 (de 7 a 12 anos)
Previa inscrición: tel. 986 113900 Ext. 100 / 986 113908 / Correo--e: recepcion.marco@gmail.com

Información e visitas guiadas

O persoal de salas está dispoñible para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:

Todos os días ás 18.00
Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita nos tel. 986 113900 / 986 113908

Rutas interactivas a través da App Vigo

O novo sistema de rutas interactivas a través da App Vigo permite aos visitantes acceder a todo tipo de contido sobre a exposición (vídeos, imaxes, información específica sobre as obras), sexa no propio espazo mediante os beacons ou dispositivos bluetooth situados en salas, ou en calquera outro lugar, seguindo a ruta dende a pantalla do móbil unha vez descargada a aplicación, ou dende o seu equipo a través da web do Concello de Vigo.

Artistas

Alfredo Alcain


Alfredo Alcain
(Madrid, 1936) realizou estudios de Pintura na Escuela de Bellas Artes de San Fernando, Madrid (1953-58); estudios de Gravado e Litografía na Escuela Nacional de Artes Gráficas, Madrid (1957-63) e estudios de Decoración Cinematográfica na Escuela Nacional de Cinematografia, Madrid (1961-64).

En 2003 obtivo o Premio Nacional de Artes Plásticas, que concede o Ministerio de Educación y Cultura, en recoñecemento dunha traxectoria “que comezou hai moito tempo, cando tiña 16 anos”, tal como afirmou o artista. O recoñecemento do xurado debeuse á “súa actividade como pintor que soubo conciliar xeometría e lirismo, dende principios dos anos oitenta ata a actualidade, e que lle confirmou como unha das voces máis sólidas e singulares da pintura abstracta internacional”.

Durante os anos 60 e 70, a súa obra foi a radiografía dunha época, reflectindo á perfección a situación social. Fillo do Pop Art, posúe unha fonda cultura e tradición española, e na súa traxectoria pasou do retrato crítico da España de pandeireta ao cubismo contemporáneo, cun conxunto de obra impresionante. Vencellado nun primeiro momento ao mundo do cinema e do teatro, a súa pintura oscilou entre o pop e o realismo crítico, buscando non tanto o reflexo da sociedade de consumo (característico do Pop Art) como o reflexo da realidade urbana madrileña.

“Ao longo de cincuenta anos que cumprín como pintor, prodúcense moitos cambios, que nunca foron cambios bruscos, pero, loxicamente, a forma de pintar vai cambiando e hai moitas fases ao longo desa traxectoria,", afirma. Ese continuo camiñar levoulle tamén á creación escultórica, ás colaxes, ás composicións con obxectos enfrontados, e ao gravado, disciplina na que traballa moito na actualidade.

Dende o inicio da súa traxectoria, a súa obra foi protagonista de incontables exposicións individuais e colectivas, e está presente en museos e coleccións como Círculo de Bellas Artes, Madrid; Museo de Arte Contemporáneo, Sevilla; Museo del Grabado, Buenos Aires; Museo Internacional Salvador Allende, Santiago de Chile; Museo Municipal de Madrid; Biblioteca Nacional, Madrid; Museo de Bellas Artes, Bilbao; Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía (MNCARS), Madrid, entre outros.

Texto curatorial

Para entender a verdadeira singularidade de Alfredo Alcain (Madrid 1936) hai que lembrar que, como pintor, arrinca do ámbito figurativo madrileño, aínda que axiña introduce como elemento diferenciador un humor fino, sutil, esixente, autocrítico, mesmo corrosivo cos principios que lle parecen máis estables. Sábese manter coma ninguén nese espazo difícil que é o límite entre a tradición e a modernidade, porque Alcain, fiel coma poucos á pintura, é deses artistas que sempre se asoman, se deteñen e analizan unha novidade ou un cambio de rumbo nos discursos expositivos, aínda que en ocasións o guíe certo –e lóxico– escepticismo. Consciente da súa condición de pintor-pintor, é irredutible: na súa vida, na súa actividade, non busca escusas nin propón pasos intermedios, e fai que todo xire arredor da pintura.

Alcain traballa como un ilusionista (que é, á fin, un artista?): pinta con pausa, ante os nosos ollos repite modo e intención, sen gardar cartas nin trucos; todo o desvela, desprégao, empezando polos seus intereses e devocións. E faino dun modo natural: abre camiños pero xustifica cada paso plástico dado.

Artista de taller, solitario nas súas buscas, fino e sagaz nos seus achados, semella ocupar con gusto un espazo lateral, que lle permite traballar ao seu ritmo, insistente e tenaz, nunha obra sobre a que de cote se pasa nas puntas dos pés, temendo non entender as súas claves. Sen dúbida, porque están ante os nosos ollos, pero require achegarse sen complexos visuais, e talvez sexa este un exercicio menos común do desexado.

Miguel Fernández-Cid, comisario da exposición