
ANDREA COSTAS LAGO. Desapego
Ficha
Artista e docente, Andrea Costas Lago (Vigo, 1978) desenvolve o seu labor creativo utilizando diversas linguaxes (instalación, vídeo, performance) aínda que é máis coñecida pola súa obra fotográfica. A súa persoal narrativa adoita tratar temas tan cotiáns como universais dende unha perspectiva emocional e psicolóxica.
Desapego é resultado dun proceso de investigación e traballo de dez anos; unha idea que xorde no momento en que decide converterse en nai. Trátase dunha toma de conciencia sobre a maternidade, unha visión en primeira persoa a través da arte, afastada de convencionalismos e idealizacións, no ronsel da obra doutras mulleres como a poeta Adrienne Rich ou a artista Ana Álvarez-Errecalde. O proxecto está integrado por un conxunto heteroxéneo de pezas (imaxes fotográficas, vídeos e instalacións) nas que a artista reflexiona sobre a experiencia da maternidade propia, dende un punto de vista non idealizado, deixando constancia das contradicións e desafíos que supón esta oportunidade ofrecida pola vida para cuestionarnos e crecer.