rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina

Anxela Caramés


Anxela Caramés
(Santiago de Compostela - A Coruña, 1977) é doutora en Belas Artes pola Universidade Politécnica de Valencia (2016) e licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela (1999). Interesada pola narración e a imaxe audiovisual, cursou estudos de dirección e montaxe na Escola de Imaxe e Son da Coruña (2001) e realizou o programa de doutoramento Artes Visuales e Intermedia na UPV (2004), onde presentou a súa tese doutoral sobre xestión cultural feminista no contexto español. Como investigadora en arte contemporánea e feminismos ten impartido conferencias en museos e universidades, e publicado artigos en revistas especializadas e catálogos de exposicións.

Dende 2005 traballa como axente cultural e crítica de arte; desenvolve proxectos expositivos, dirixe encontros de debate e reflexión crítica, e programa ciclos de vídeo ou performance nos que se interesa pola cultura visual, o impacto social e político nos procesos de creación, as cuestións de xénero e as dinámicas colaborativas, prestando especial atención aos artistas emerxentes. Destacan as xornadas de conferencias Subjetividades críticas/narrativas identitarias. Feminismos y creación contemporánea en el Estado Español (Fundación Luís Seoane, A Coruña, 2006 e 2015); Contra viento y marea, palabras y huellas de los feminismos (Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, A Coruña, 2009); Muartech: Acciones híbridas desde el género y la tecnología (Espacio Menosuno, Madrid, 2011) e Sujetos emergentes. Sexualidades y feminismos contemporáneos, xunto a Rubem Centeno e Pablo Andrade (UDC/ Normal, A Coruña, 2011). Coordinou, ao carón de Xurxo Taxes, o ciclo de cine recuperado Accións e delirios en 8mm. Galicia 1975-85 para a II Mostra de Cinema Periférico S8 (2011). Como comisaria organizou exposicións como Desnudas (Otro Espacio/Sin Espacio, Valencia, 2011); Ensamlandet, Tierra de Soledad (Alterarte, Ourense, 2012); Elas Fan Tech (Normal, A Coruña, 2013); Seoanes Posibles. After Teresa de Villar (Fundación Luís Seoane, A Coruña, 2013); Miradas de mujer sobre la Guía Postal de Lugo de Maruja Mallo (Pazo de San Marcos, Lugo, 2014) e Lost & Found. Archivos (Re)colectados (Normal, A Coruña, 2014).

www.anxelacarames.com