rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
ARTISTAS EN CONSTRUCCIÓN. FabLab Feito na casa

ARTISTAS EN CONSTRUCCIÓN. FabLab Feito na casa

Datas: 
3 xullo 2026 - 29 novembro 2026
Horario: 
De martes a sábados (festivos incluídos), de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00. Domingos, de 11.00 a 14.30
Lugar: 
MARCO, Patio A3 (planta baixa)

Comisariado: Fermín G. Blanco / Mr Lupo
Produción: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Dirección montaxe: Paul Edward Guy
Coordinación: Marta Viana Tomé / MARCO Didáctica
Deseño instalación inicial: Sistema Lupo
Fermín G. Blanco, Irene Martínez Floreani, Elena Belgrano, Cecilia Martínez, Beatriz Velasco, Victor González, Noa Rodríguez
Coa colaboración de: Ludantia, Bandalux e Evolta

ARTISTAS EN CONSTRUCIÓN é un proxecto híbrido, situado na intersección entre o ámbito expositivo e educativo, concibido como proposta experimental de formación, produción e mediación.

Un dos espazos da planta baixa do MARCO (o denominado Patio A3) é o lugar central de desenvolvemento do proxecto, que terá lugar en fases, a partir do 3 de xullo de 2026, e ao longo de varios meses dende a data de inicio.

Trátase dunha instalación artístico-pedagóxica en crecemento, un tren ao que subirse en marcha, unha viaxe a través da construción e a creatividade. Unha invitación ao xogo dende a base, dende a concepción e activación de artefactos auto-producidos.

A instalación funciona como unha fábrica/obradoiro de produción de dispositivos e recursos pedagóxicos e artísticos, onde diferentes materiais, técnicas e ferramentas irán aumentando as posibilidades de construción e interacción no espazo, a modo de gran taboleiro de xogo.

Unha fábrica de dispositivos en produción e edición continua, dentro dunha lóxica de creatividade en progresión.

ARTISTAS E TROUPES

A partir dunha primeira instalación base, iranse incorporando diferentes artistas a través de micro instalacións ou propostas artístico-pedagóxicas, sempre baixo unha mesma premisa: calquera proposta debe ser creada ou activada a través de equipos: as “troupes”.

Así pois, non se trata de accións ou proxectos de artistas en solitario, senón mediadas por un equipo, un grupo ou comando que sexa colaborador habitual do artista. Pode tratarse dunha asociación, colectivo, alumnado, ou grupos específicos, que participarán activamente na creación, toma de decisións ou activación da proposta. Isto orienta dun modo claro o perfil do artista participante a un modelo próximo ao pedagóxico, onde este concepto está integrado dende a base.

Cada Troupe será soberana na proposta a desenvolver dentro do conxunto, e axudará a complementar o xa existente, superpoñendo as súas accións sobre as previas ou facéndoas convivir coas anteriores, dentro dunha lóxica de sumatorio infinito.

Paralelamente, ao longo dos meses, o equipo de Didáctica do MARCO desenvolverá propostas de activación e mediación no espazo, en colaboración con diferentes grupos destinatarios: escolares, público infantil, familias, asociacións e colectivos con necesidades específicas.

O ESPAZO DE TALLER

O corazón e fondo escénico do proxecto exponse como un taller de fabricación, con lugares de almacenamento e mesas de traballo para a construción e transformación do material: un proxecto expositivo en construción, coa fábrica incluída dentro da propia instalación.

A idea máis suxestiva consiste en reproducir “en esencia”, no Patio A3 da planta baixa, o taller de carpintaría e salas de almacenamento dos sotos do MARCO. Visibilizar o oficio, a técnica, e vinculala á súa filosofía, neste caso a través do xogo, do xoguete de construción. Un tributo ao facer e ao pensar facendo.

Xunto ao traballo coa inmaterialidad (principalmente luz e son) a sala está provista de materiais diversos enfocados a visibilizar en conxunto as técnicas construtivas: listóns de madeira, tubos de cartón de diferentes diámetros e lonxitudes, cabos, redes, gomas, teas e bloques, material industrial, material de reciclaxe e, tamén, elementos de orixe natural.

As catro categorías técnicas de Semper (arte téxtil, arte cerámica, tectónica/carpintaría, estereotomía/cachotaría) están así representadas na súa materialidade, e nas técnicas que permitan o traballo por liña, plano ou bloques. Tamén nas súas relacións ou conexións, xa sexa con sistemas de encaixe ou mediante outros métodos de unión (cremalleiras, velcro, adhesivos, grampas, tornillería) para a confección ou construción de estruturas e artefactos lúdicos.

Traballaremos dende o sensitivo, o dinámico, o cinético, o corporal, o motora, o lumínico ou o acústico.

O período expositivo ábrese nun momento 00, e a aparición en escena de diferentes artistas e colectivos irá aumentando as posibilidades de xogo dentro dunha lóxica acumulativa e complementaria, como un proceso en secuencia infinita.

Colaboración Ludantia

O conxunto de instalacións no Patio A3 inclúe unha serie de pezas creadas e deseñadas pola Asociación Ludantia, cedidas temporalmente ao MARCO no contexto da exposición ARGALLAR, que tivo lugar no Museo no outono de 2025. Unha serie de módulos de construción concibidos como unidades de xogo, dispoñibles para a súa interacción co público e visitantes.

Ludantia, arquitectura e educación é unha entidade independente, de carácter social, que agrupa a persoas e colectivos que traballan en torno ao diálogo entre arquitectura, educación, infancia e xuventude.

PARTICIPANTES / ARTISTAS E TROUPES / AVANCE CALENDARIO


Fase 00
XULLO 2026
“Balbordo na sala”

Con Fermín G. Blanco (Mr. Lupo) e Víctor González García-Echave (Palitroques), arquitectos e mediadores do proxecto Nenoarquitectura + Troupe Asociación Escóitasme

Coa colaboración de: Ana Cordero, costureira e patronista, Lupo, Palitroques 

Troupe Asociación Escóitasme

Simón Pérez García / Nicolas Otero Castro / Lorenzo Regos Andrade / Óscar Lires Crecido / Pedro Capeáns Vieito / Paolo Salvati Vesevo / Mario Pastor González / Xoana Balirac Calvo / Noa González Reimúndez / Juan Queipo González

Acondicionamento e adecuación visual e acústica do espazo para posteriores intervencións. A instalación “Balbordo na sala” conforma un conxunto de elementos voantes suspendidos do teito. Un corpo circular composto de fitas de material téxtil, que axuda a mellorar o comportamento acústico da sala, e no seu centro unha estrutura cinética a xeito de calidoscopio, con posibilidade de manipulación por parte do público e participantes nas actividades.

En torno a esta peza central, o espazo vaise formulando como taboleiro de xogo: material cedido por empresas colaboradoras, elementos desbotables procedentes do almacén do Museo, materiais de uso habitual da área de Didáctica, instrumentos e ferramentas. Unha mestura de taller de artista e laboratorio de reciclaxe pedagóxica, un fondo escénico denso de material, que mellora a absorción acústica e os efectos visuais, tratando de recrear a idea de taller.

Fase 00
XULLO 2026
“Logos en construción”

Con Alberto Ardid, artista e docente en Fundación Igualarte + Troupe Diseñatas

Troupe Diseñatas

Helena Cuber Fernández, Iván Lago González, Rubén Bargiela Sierpes, Eva García González, Alberto Rodríguez Barcia, Loira Fernández Guardiola, Gustavo López Albir, Inés García Vázquez

Deseño da imaxe gráfica e logotipos do proxecto para a súa aplicación en materiais de comunicación e difusión, dentro e fóra da sala. Diseñatas é o equipo de deseño gráfico de Fundación Igualarte, especializado en ofrecer solucións creativas en proxectos multidisciplinares que inclúen ilustración, deseño de marca, deseño industrial, sempre cun enfoque innovador e personalizado.

Fase 01
XULLO 2026
“O niño da pega”

Con Elena Gómez Dahlgren, artista e profesora no IES Plurilingüe Terra de Turonio (Gondomar) + Troupe das pegas

Troupe das pegas

Gabriel Bratos Rodríguez / Helena Domínguez Durán / Lucía García Vargas / Alejandra González Barbosa / André Iglesias Núñez / Martina López Panadero / Lois Martínez Otero / Antía Montes Bóveda / Paula Parada Arias / Héctor Manuel Rial Martínez / Asier Rodríguez Rois / Adhara Romero Alonso

“As pegas” é unha troupe de adolescentes do ámbito de Gondomar, área máis rural que urbana, limítrofe con Vigo. Son aves inquedas, con habilidades creativas, construtivas e musicais. Autoproclámanse artistas, defenden que a arte é xogo, e como artistas acumulan nos seus niños de creación o que outras especies desprezan, e co acumulado facer e refacer.

A súa intención é construír niños como fogar temporal no MARCO. Aparentemente caóticos, responden á lóxica matemática do crecemento na natureza, e están feitos con agarimo e precisión, pero tamén deixando espazo a procesos intuitivos e á improvisación.

O proceso:

1. Voar e apañar

“O niño da pega” comezou o 26 de xuño cunha primeira acción de recollida de materiais en zonas próximas ao MARCO, e o seu traslado ao Museo; unha acción rexistrada en vídeo como parte de documentación do proceso.

2. Construír e xogar

Ao longo de varias sesións de taller, traballan na construción de diferentes niños, asumindo algunhas normas, pero deixando espazo para o desfrute e a aceptación de acontecer.

3. Habitar e agochar

Os niños funcionan á vez como labirintos e cofres do tesouro. Son casas temporais, escondedoiros e lugares onde se gorecer por un tempo. Invítase a entrar neles, dun modo físico ou imaxinado, e a traer calquera obxecto para agochar, ou para engadir a construción.

4. Reflexionar e compartir

Antes de abandonar os niños para seren habitados ou destruídos, as pegas falarán e reflexionarán sobre o seu proceso creativo, debatendo sobre o común e o individual, sobre o atopado e o construído, sobre o natural e o artificial, sobre o desperdicio e a reciclaxe, sobre a súa pegada na contorna e a súa responsabilidade como construtoras. Romperán con estereotipos sobre o que somos e o que facemos, sobre o que é obxecto de arte, e sobre a idea de autoría. Prepararán xogos e compartirán o aprendido con outras bandadas, deixando que os niños sexan ampliados, transformados ou habitados de diferentes formas.

Intermedio / Visite o noso espazo

AGOSTO 2026

Durante o mes de agosto, o espazo permanecerá aberto e accesible para o público que queira visitar a sala e interactuar cos elementos e materiais que estean dispoñibles nesta fase do proxecto, seguindo as indicacións do persoal de salas.

Fase 02
SETEMBRO 2026
“Corpos”

Con Alberto Ardid, artista e docente en Fundación Igualarte, + Troupe Diseñatas / Fundación Igualarte

“Corpos” fala da infinidade de tipos de corpos, de personalidades e actitudes que temos as persoas, e de como interactuar, onde nos situamos e onde nos sitúan. Unha intervención a través da acción pictórica sobre móbiles antropomorfos de madeira é a representación e posta en valor das riquezas e complexidades individuais que conforman o conxunto dunha sociedade avanzada. Cada unha das pezas mestura partes humanas dun modo único, deconstruyendo as combinacións estándar. O feito de traballar con xoguetes como soporte é unha referencia clara á infancia xa que é nesta etapa vital cando nos estamos a formar e cando nos temos que empapar da importancia da axuda, o significado do colectivo, e aprender a aceptar a todas as persoas, sexan como sexan, para mellorar así a comunidade traballando de forma máis cooperativa.

A partir desta base, a Troupe da Fundación Igualarte, conducida por Alberto Ardid, deseñará unha instalación específica para o Patio A3, no que os corpos/móbiles de madeira van crecendo, ramificándose e ocupando unha parte do espazo a través da intervención con outros materiais.

Fase 03
SETEMBRO-NOVEMBRO 2026

Ao longo da tempada de outono, iranse engadindo novas accións e proxectos coa mesma filosofía de participación (artistas+troupes), sexa como proxectos concibidos dende a súa base, ou como achegas de artistas e grupos que utilicen o espazo, materiais e ferramentas como recurso de creación, espazo de investigación, deseño de prototipos, ou proba de proxectos en marcha, nunha proposta aberta á comunidade artística e educativa.