rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Atlántica, 1980-1986

Atlántica, 1980-1986

Ficha

Datas: 
15 novembro 2002 - 30 marzo 2003
Lugar: 
Primeira Planta e Espazo Anexo
Horario: 
De martes a domingo (festivos incluidos): de 11:00h a 20:00h. Venres de 11:00h a 23:00h.
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Xosé Antón Castro

Obras na exposición

Pinturas: 75
Esculturas: 15
Instalacións: 4
Obras de documentación en Espacio Anexo: 150

 

Síntese do proxecto

En España a transición democrática e mailos seus consecuentes cambios sociopolíticos trouxeron consigo unha efervescencia creativa pouco común en tódolos eidos da cultura: artes plásticas, teatro, música, arquitectura, audiovisuais, literatura, poesía, banda deseñada, deseño, moda, etc. Foron tempos de frenética actividade política e cultural que modificaron fonda e definitivamente os hábitos sociais dos españois, acadándose unhas cotas de consumo cultural non coñecidas ata o momento.rnA cidade de Vigo non se mantivo allea a este proceso, manifestándose como unha das urbes máis activas e creativas do estado. No ano 1980, tivo lugar un evento que se enmarcou neste contexto: o nacemento de ATLÁNTICA, un colectivo de artistas e intelectuais unidos por unha vontade común de renovación, que traballaban cun enfoque creativo radicalmente innovador e integrador co resto do mundo, logrando as súas obras transcender a escala española e internacional.

As cinco exposicións de ATLÁNTICA non foron un feito illado no ambiente transformador que se respiraba daquela en Vigo. Por iso, a mostra foi concibida dende un principio como un eido de investigación multidisciplinar, que abrangue o período de 1978 a 1986, que inclúe tamén a creación viguesa noutros eidos como a música, poesía, edición gráfica, videocreación, performance, teatro, etc.

Por iso, a proposta expositiva foi estructurada en tres ámbitos distintos: unha exposición de artes plásticas no primeiro andar do museo, unha mostra de documentación, instalada no Espacio Anexo, e un catálogo exhaustivo de máis de 600 páxinas. Este triple enfoque era unha condición sine qua non do proxecto orixinal, aínda que a mostra de documentación foi gañando corpo a medida que avanzaban as investigacións de arquivos privados en domicilios particulares de Galicia e Madrid. Tanto é así que aqueles documentos que non caben nos espacios designados para as exposicións estarán a disposición das e dos investigadores na biblioteca do centro.

Realizouse unha montaxe secuenciada en torno a determinadas poéticas, moitas veces persoais ou de afecto pero, sobre todo, centradas na especificidade das linguaxes e do propio espacio, sen descoidar un sentido simbólico que quixemos reforzar no percorrido. Isto explica que a primeira sala estea dedicada ó núcleo fundador –Guillermo Monroy, Antón Patiño, Menchu Lamas e Ánxel Huete-, punto de partida dun discurso estético baseado na complexidade e na convivencia de situacións. Segue un espacio-homenaxe a aqueles artistas de Atlántica xa falecidos: Reimundo Patiño, José Lodeiro, Mon Vasco, Rafael Baixeras e Francisco Mantecón. Un espacio-camiño que dá paso a outra nova sala, vinculada, xeracional e esteticamente, ó grupo de artistas fundadores: Antón Lamazares, Manuel R. Moldes, Francisco Leiro, José Freixanes e Xesús Vázquez. Aproveitándonos da súa fragmentación, reforzámo-la individualidade do espacio para que a obra dos diferentes artistas conviva coas menores interferencias posibles, aínda que, eso si, sen deixar de lado os diálogos necesarios, como sucede nos casos de Manuel Facal ou Xaime Cabanas e no despregamento lonxitudinal dalgunhas salas: Manuel Ruibal, Antón Goyanes, Ignacio Basallo, Luís Borrajo e Silverio Rivas, confrontando situacións diverxentes. A derradeira sala, a perimétrica, que pecha o percorrido recolle, de xeito individual, as obras de Xavier Correa, Alberto Datas, Armando Guerra e Manuel Quintana.

Se ben é certo que en ATLÁNTICA participaron outros artistas invitados a algunhas das súas cinco exposicións, a selección fíxose atendendo ós que na actualidade teñen consolidado unha idea de proxecto que consagra as vellas pescudas daqueles primeros oitenta. Algúns —moi poucos— quedaron no camiño, e aínda que a súa participación no colectivo non se poida desbotar, a súa mención limítase ó extenso catálogo que documenta a historia de ATLÁNTICA.

Esta extensa publicación cumpre dúas funcións nunha: recompila-las obras da exposición e servir de soporte para amosar ó público os variados e valiosos documentos (fotografías persoais, postais, artigos de prensa, invitacións a concertos ou a exposicións, carteis, revistas...) rescatados de arquivos privados.

Necesariamente a investigación estendeuse a un eido da creación viguesa tan xenuíno e transcendente como a música, dado que moitas das cancións de Siniestro Total, Golpes Bajos, Os Resentidos ou Aerolíneas Federales (ou o grupo de poesía “Rompente”, liderado polo polifacético Antón Reixa) forman parte do imaxinario colectivo de tódolos españois e das españolas que viviron aqueles “movidos anos 80”. Por iso, paralelamente, MARCO editou un disco onde se poden escoitar en continuidade (no Espacio Anexo) os temas máis significativos daqueles anos seleccionados por Julián Hernández (Siniestro Total), Gonzalo López (Directivo de BMG) e Antón Reixa (Os Resentidos).

Artistas

    Alberto Datas
    Antón Goyanes
    Antón Lamazares
    Antón Patiño
    Ánxel Huete
    Armando Guerra
    Correa Corredoira
    Francisco Leiro
    Francisco Mantecón
    Guillermo Monroy
    Ignacio Basallo
    José Freixanes
    José Lodeiro
    Luis Borrajo
    Manuel Facal
    Manuel Moldes
    Manuel Ruibal
    Menchu Lamas
    Mon Vasco
    Quintana Martelo
    Rafael Baixeras
    Reimundo Patiño
    Silverio Rivas
    Xaime Cabanas
    Xesús Vázquez

Texto curatorial

“A vintedous anos de 1980, ano fronteirizo e arranque dunha cronoloxía precisa onde confluíron cambios fundamentais no eido das artes visuais, podemos ter unha visión madura e axustada da realidade na que xurdiu, en Galicia, o colectivo ATLÁNTICA. É o mesmo contexto internacional o que pode posibilitar unha análise válida dos artistas que construíron ese núcleo; núcleo que consolidou a modernización da arte en Galicia no seo do que se chamou posmodernidade, ó tempo que xurdían en Europa os modelos estéticos de máis interese –pensemos nos neuen wilden alemáns ou nos transvangardistas italianos, tan nacionalistas no seu momento- como resposta á crise de referencias trala linealidade das vangardas que remataron ó termo dos setenta. Sen embargo, hoxe sabemos que ATLÁNTICA foi máis que un grupo: converteuse xa daquela nun clima, unha confluencia de circunstancias na atmosfera cultural e vital daquela Galicia que abandonaba as súas secuelas ruralizadas para cruza-lo posfranquismo inmediato fora do reduccionismo enxebre e nacionalista que caracterizou o seu illamento real dos circuítos.

Sexa como sexa, o atlantismo deveu nunha filosofía e nun estilo de facer arte, moda, deseño, música, literatura…; en definitiva, un concepto estético implicado na vida que traspasou os límites e mailas intencións do grupo que se deu a coñecer un día do verán de 1980 na vila mariñeira de Baiona, símbolo por antonomasia do retorno da primeira viaxe atlántica do Colón que acababa de descubrir América. Nesa atmosfera existencial que irradiaba na Galicia do primeiro lustro da década dos oitenta, máis alá do grupo fundador o atlantismo viña se-lo cuño identificador da nova arte deste Noroeste que trataba de reforza-los seus sinais estéticos en consonancia coas preocupacións do retorno a Europa, preocupacións que implicaban a revisita das linguaxes procedentes de determinados vangardismos históricos –especialmente os de corte expresionista, pola vía das tradicións nacionais segundo os países- e unha vontade manifesta de se integrar no mundo. Antón Patiño, Menchu Lamas, Guillermo Monroy e Ánxel Huete formarían o núcleo inicial daquel grupo que contou, dende o principio, co apoio e maila complicidade de Román Pereiro, impulsor e coleccionista de arte. Os cinco decidiron dar vida a ATLÁNTICA en Vigo en 1980, un ano sintomático polo que supoñía acudir puntualmente á cita simbólica onde comezaban agroma-los novos e grandes acontecementos en Europa en forma de macroexposicións de teses.

O proxecto ATLÁNTICA, heteroxéneo se cabe -pola dificultade de conxunta-las linguaxes e mailos conceptos tan diverxentes dos numerosos artistas, pintores, escultores e arquitectos que participaron nas súas exposicións- viña afirmar ou reivindicar igualmente os signos diferenciadores dunha arte que, como a galega, tiña unha complexa historia anterior de vencello a unha conciencia ferreamente nacionalista. Sen embargo, fronte ó continuísmo falto de autocrítica de doados afagos locais e temas reiterados, evocadores da terra arcádica e costumista, a filosofía esencial do atlantismo foi unha resposta contundente que puxo de manifesto a ineludible vontade de se incrustar na Europa que estaba a impoñe-la súa conciencia estética ó mundo, ó tempo que unha urxente recuperación das mitoloxías propias.

Como ideario colectivo e estratéxico, corpus teórico e pragmático da Galicia que renacía das cinzas de infértiles décadas anteriores, ATLÁNTICA coincidía con diferentes exposicións españolas (Otras figuraciones, en 1981, Salón de los 16 ou de Tardor, ademais das realizadas nas distintas autonomías) que comezaron senta-las bases dun internacionalismo que xamais existira con credibilidade na arte galega anterior. Como tampouco non é de estrañar que os máis significativos dos seus protagonistas formasen habitualmente parte das mostras colectivas españolas da década. Cinco exposicións, entre 1980 e 1983, avalan a consideración do núcleo e algúns dos seus protagonistas, aínda na actualidade, constitúen o máis referencial no momento de facer unha avaliación seria da arte galega. Ninguén dubida que o colectivo, ou polo menos o máis interesante do mesmo, chegou a sé-lo recuperador do proxecto perdido coa Guerra Civil do 36, cando se trataba de consolida-lo primeiro ideal de vangarda, gracias ó traballo artístico dos considerados Renovadores. Os protagonistas máis significativos do atlantismo indagan na expresión estética e antropolóxica da Galicia tradicional, no seu pasado peculiar, de aí as referencias ó mundo prehistórico da pedra esculpida como relevo, petroglifo, estela ou idoliño, ó románico e ó barroco, á arte popular e ó expresionismo dos canteiros ou do vangardismo histórico, á literatura imaxinada en clave de humor, como paisaxe seductora e individualista. E hai artistas que se deixan impregnar conscientemente pola natureza marítimo-rural que delata formas, contidos e conceptos liberados dos tópicos e séntense atraídos pola idea de especificidade que se impoñía na Europa do retorno ás súas identidades artísticas nacionais.

O cambio de espírito estético na metade dos oitenta, claro a partir de 1986 e manifesto por vía oficial na Documenta de Kassel-8 de 1987, levaría implícito o esgotamento ou o desgaste das imaxes expresionistas e o liderado da pintura, das referencias antropolóxicas nacionais e mailo abandono por parte do circuíto galerista internacional e das macromostras europeas dos principios que definiron o renacer das lecturas históricas. As novas alternativas virían dos pasados máis recentes, das inconclusas neovangardas e experiencias dos sesenta en forma de revisións minimalistas e conceptuais, onde o deseño, o obxecto e maila aspiración á totalidade integradora da arte nun espacio específico substituirían ás linguaxes máis tradicionais, deixando de lado a mitoloxía de Picasso e de Matisse -como modelos protectores dos primeiros oitenta- en beneficio do novo gurú, Marcel Duchamp. Esta situación reflectiríase en Galicia coas novas estratexias do que poderiamos chamar postatlantismo, posición estética que rompe coa idea de colectivo, co fin de reafirma-lo valor da individualidade e un internacionalismo que se superpón á conciencia exclusivista da especificidade antropolóxica, fenómeno dos primeiros eighties e que hoxe avalaría a imposibilidade de ATLÁNTICA ante os novos retos. Pero xa sería outra historia da arte –a máis recente- ben diferente a esta que quixemos contar aquí, enmarcada nunha dobre data: 1980-1983, os anos das cinco exposicións de Atlántica, e 1980-1986, os que enmarcan a atmosfera estética singular que pretendemos definir, aquela que aínda cría nunha historia da arte de xéneros diferenciados nas linguaxes artísticas e falaba de pintores e de escultores, fronte á que posteriormente diluirase ó amparo da obra de arte na súa amplitude de caixón de xastre, como aluvión onde se poderán dar cita os herdeiros de Duchamp ou dun renovado “faire n´importe quoi”.

Realizouse unha montaxe secuenciada en torno a determinadas poéticas, moitas veces persoais ou de afecto pero, sobre todo, centradas na especificidade das linguaxes e do propio espacio, sen descoidar un sentido simbólico que quixemos reforzar no percorrido. Isto explica que a primeira sala estea dedicada ó núcleo fundador –Guillermo Monroy, Antón Patiño, Menchu Lamas e Ánxel Huete-, punto de partida dun discurso estético baseado na complexidade e na convivencia de situacións. Segue un espacio-homenaxe a aqueles artistas de Atlántica xa falecidos: Reimundo Patiño, José Lodeiro, Mon Vasco, Rafael Baixeras e Francisco Mantecón. Un espacio-camiño que dá paso a outra nova sala, vinculada, xeracional e esteticamente, ó grupo de artistas fundadores: Antón Lamazares, Manuel R. Moldes, Francisco Leiro, José Freixanes e Xesús Vázquez. Aproveitándonos da súa fragmentación, reforzámo-la individualidade do espacio para que a obra dos diferentes artistas conviva coas menores interferencias posibles, aínda que, eso si, sen deixar de lado os diálogos necesarios, como sucede nos casos de Manuel Facal ou Xaime Cabanas e no despregamento lonxitudinal dalgunhas salas: Manuel Ruibal, Antón Goyanes, Ignacio Basallo, Luís Borrajo e Silverio Rivas, confrontando situacións diverxentes. A derradeira sala, a perimétrica, que pecha o percorrido recolle, de xeito individual, as obras de Alberto Datas, Armando Guerra,  Manuel Quintana e Xavier Correa.
Se ben é certo que en ATLÁNTICA participaron outros artistas invitados a algunhas das súas cinco exposicións, a selección fíxose atendendo ós que na actualidade teñen consolidado unha idea de proxecto que consagra as vellas pescudas daqueles primeros oitenta.  Algúns —moi poucos— quedaron no camiño, e aínda que a súa participación no colectivo non se poida desbotar, a súa mención limítase ó extenso catálogo que documenta a historia de ATLÁNTICA.

A vintedous anos vista, con toda a experiencia dunha xeración e mais un ambiente artístico xa consolidado amplamente en Galicia, consideramos que como proxecto, o colectivo ATLÁNTICA definiu, tal vez de maneira máis axeitada que no resto do Estado español, o horizonte da estética incrustada na Europa renacente e posmoderna que xurdiu no primeiro lustro da década dos oitenta. Como ideario foi unha estratexia necesaria para saír de Galicia e medi-la capacidade dun modelo case único na España de recentes autonomías: ideario que dialogaba directamente coa futura Europa da Acta Única e que amosaba a vontade non só de se integrar no mundo, senón tamén de exportar unha estética nacida neste Noroeste e enraizada na súa historia máis profunda.”

Comisariado

Xosé Antón Castro

Profesor da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, ten múltiples libros e artigos publicados e foi comisario de diversas exposicións en España e no extranxeiro.