rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Autorretratos con tempo. Programa de obradoiros para público infantil e persoas usuarias de AFAGA

Autorretratos con tempo. Programa de obradoiros para público infantil e persoas usuarias de AFAGA

Datas: 
3 maio 2022 - 28 xuño 2022
Horario: 
martes de 17.30 a 19.00
Lugar: 
salas de exposición e Espazo Anexo/Laboratorio das Artes

Organiza: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
En colaboración con AFAGA. Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia e Fundación "La Caixa" 
Destinatarios: persoas usuarias de AFAGA e público infantil de 7 a 12 anos
Lugar: salas de exposición e Espazo Anexo/Laboratorio das Artes
Gratuíto. Previa inscrición en recepcion.marco@gmail.com

Continuando coa colaboración entre a área de Didáctica do MARCO e AFAGA, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia, durante os meses de maio e xuño está en marcha un programa de obradoiros destinado a persoas maiores afectadas de Alzheimer e a público infantil que participa habitualmente nas actividades didácticas do Museo. A partir deste contacto interxeracional, experimentamos o poder da arte como ferramenta terapéutica, como reflexión individual e grupal, e como vía de socialización.

A proposta ten como punto de partida a exposición de ALFREDO ALCAIN, que actualmente se exhibe nas salas do primeiro andar. Tomando como base a obra Autorretrato en el curso del tiempo, construímos os nosos, paso a paso, no interior dun marco tridimensional no que imos colocando as pezas que o conforman: dende a nosa fotografía intervenida, ate a música que escoitamos, pasando polas paisaxes que gozamos, os espazos que habitamos, e mesmo polas mascotas que forman ou formaron parte da nosa vida, sexa máis breve ou alongada no tempo...