
AVANCE da programación de exposicións do MARCO para o primeiro semestre de 2023
Tras a última reunión do Padroado da Fundación MARCO en 2022, e a decisión de prolongar a mostra de Francisco Leiro ata o 26 de febreiro, o Museo avanza a programación de exposicións prevista para este primeiro semestre de 2023, no que se retoman as actividades da área de Didáctica, cursos e outros proxectos tras a paréntese vacacional.
Neste período destaca a proposta de Andrea Costas Lago, que convivirá nos espazos da primeira planta coa grande mostra sobre “Laxeiro e a arte da súa época”, coa que o MARCO pechará o ano Laxeiro: unha visión novidosa que pon o acento no diálogo das súas obras coas doutros artistas coetáneos.
A retrospectiva da cineasta Jannick Bellon, e a individual do pintor Lluís Lleó –que tomará o relevo de Francisco Leiro nas salas da planta baixa– completan este primeiro semestre de programación no MARCO.
AVANCE EXPOSICIÓNS 2023
PRIMEIRO ANDAR
ANDREA COSTAS LAGO. Desapego
7 febreiro – 2 xullo 2023
Galería e perimetral B1
LAXEIRO E A ARTE DA SÚA ÉPOCA
23 febreiro – 21 xullo 2023
Salas frontais
PLANTA BAIXA
FRANCISCO LEIRO. O antropomórfico
Ata o 26 de febreiro 2023
LLUÍS LLEÓ
21 abril – setembro 2023
YANNICK BELLON. Filmografía completa
22 abril – 3 xuño 2023
Galería A3, planta baixa
FRANCISCO LEIRO. O antropomórfico. 1986-2022
Ata o 26 de febreiro de 2023
Comisariado: Miguel Fernández-Cid
Produción: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
+ INFO https://www.marcovigo.com/content/francisco-leiro-o-antropom-rfico-1986-2022
ANDREA COSTAS LAGO. Desapego
7 febreiro – 2 xullo 2023
Galería e sala perimetral B1, 1º andar
Comisariado: Miguel Fernández-Cid e Pilar Souto Soto
Produción: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Coa Colaboración de: Deputación de Pontevedra
Artista e docente, Andrea Costas Lago (Vigo 1978) desenvolve o seu labor creativo utilizando diversas linguaxes (instalación, vídeo, performance) aínda que é máis coñecida pola súa obra fotográfica. A súa persoal narrativa adoita tratar temas tan cotiáns como universais dende unha perspectiva emocional e psicolóxica.
Desapego é resultado dun proceso de investigación e traballo de dez anos; unha idea que xorde no momento en que decide converterse en nai. Trátase dunha toma de conciencia sobre a maternidade, unha visión en primeira persoa a través da arte, afastada de convencionalismos e idealizacións, no ronsel da obra doutras mulleres como a poeta Adrienne Rich ou a artista Ana Álvarez-Errecalde. O proxecto está integrado por un conxunto heteroxéneo de pezas (imaxes fotográficas, vídeos e instalacións) nas que a artista reflexiona sobre a experiencia da maternidade propia, dende un punto de vista non idealizado, deixando constancia das contradicións e desafíos que supón esta oportunidade ofrecida pola vida para cuestionarnos e crecer.
LAXEIRO E A ARTE DA SÚA ÉPOCA
23 febreiro – 21 xullo 2023
Salas frontais, 1º andar
Comisariado: Miguel Fernández-Cid
Produción: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
En abril de 2022, a Real Academia Galega de Belas Artes decidiu dedicar o Día das Artes 2022 a José Otero Abeledo, “Laxeiro” (Donramiro-Lalín, 23 febreiro 1908 - Vigo, 21 xullo 1996): un ano de celebración en torno á súa figura, que finaliza o 1 de abril de 2023.
Pensando na fortuna crítica de Laxeiro, o MARCO organiza unha exposición novidosa na que se trata de mostrar, por vez primeira, unha selección das súas obras máis destacadas situándoas no contexto da arte da súa época, xunto a pezas doutros artistas que Laxeiro miraba con atención (Ignacio Zuloaga, Jesús Corredoyra, Arturo Souto, Manuel Colmeiro, Carlos Maside, Asorey, Maruja Mallo, Luis Seoane, Torres García), ou que formulan referencias para un rico diálogo visual. Entre as “devocións”, Gutiérrez Solana, Vázquez Díaz, Benjamín Palencia, ou os máis tardíos Antonio Saura, Rafael Canogar ou Washington Barcala. Como referencias especiais, artistas como Rembrandt e Goya, presentes con obra gráfica.
Non se trata dunha proposta de peche senón de debate, coa que se incide na necesidade de estudar a Laxeiro no contexto da arte da súa época.
JANNICK BELLON. Filmografía completa
22 abril – 3 xuño 2023
Galería A3, planta baixa
Comisariado: Éric Le Roy
Produción: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, coa colaboración de Filmoteca Vasca
De familia comprometida coas ideas progresistas e o mundo da cultura, Yannick Bellon (Biarritz 1924 - París 2019) dáse a coñecer cando a súa curtametraxe Goémons (1948) obtén o Gran Premio da Bienal de Venecia. 70 anos despois, pecha a súa filmografía con D’où vient cet air lointain?
Entre ambas as dúas, unha secuencia de marabillosas historias e reflexións, sempre vencelladas a unha mirada comprometida coa súa época e coa súa condición de muller: unha arquitecta que axuda a un aprendiz de novelista a apartarse do alcohol (Quelque part quelqu’un, 1972); un filme clave no pensamento feminista sobre unha muller que reivindica o seu espazo propio (A femme de Jean, 1974); a memoria a través dos obxectos en poxa dunha actriz (Jamais plus toujours, 1976); a violación (L’amour violé, 1978); a felicidade truncada por un cancro de mama (L’amour un, 1981); a bisexualidade (La triche, 1984); as drogas e a prostitución (Les enfants du désordre, 1989); a defensa da natureza fronte á caza (L’affût, 1992); unha sorte de autorretrato que o é dunha época intensa: o ámbito surrealista, a Guerra Civil española, a II Guerra Mundial, a vida paralela do cinema… (D’où vient cet air lointain?, 2018).
LLUÍS LLEÓ
21 abril – setembro 2023
Salas de exposición da planta baixa
Comisariado: Miguel Fernández-Cid e Rosa Gutiérrez
Produción: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Lluís Lleó (Barcelona, 1961) herdou do seu avó e do seu pai a fascinación polas pinturas románicas do Vall de Boí. Este interese polas técnicas tradicionais vese reflectido na súa obra, na que aplica a técnica do fresco a través da utilización do pigmento en estado puro. Os seus traballos máis recentes caracterízanse por unha conxunción entre a escultura e a pintura, a medio camiño entre figuración e abstracción. Lleó sabe combinar á perfección pintura e relevo, conferindo ao conxunto un matiz case arquitectónico. Esta especie de organicismo pictórico espacial no que o material xermola da tea, é transmisor de dicotomías como lirismo-contundencia, presenza-transparencia e orde-caos.
Esta exposición, a primeira nun museo español tras o seu regreso de Nova York, onde residiu durante varias décadas, mostra a obra dos últimos anos –pinturas e debuxos sobre distintos soportes, grandes papeis flotando nos patios, esculturas e estruturas circulares que dialogan coas salas da planta baixa e o panóptico–, xunto a unha selección de traballos anteriores considerados referenciais.
DIDÁCTICA / ACTIVIDADES PARALELAS
XANEIRO – XUÑO 2023
#MARCOinclusivo
Salas de exposición e Espazo Anexo
Colabora: Fundación La Caixa
Programación para escolares
Visitas e obradoiros ao redor das exposicións temporais
Para escolares de educación Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato
17 xaneiro – 16 xuño 2023
Martes, mércores, xoves e venres, de 10.00 a 13.00
Gratuíto, previa cita
Obradoiros infantís
Para público infantil de 3 a 12 anos
21 xaneiro – 27 maio 2023
Sábados de 11.00 a 12.30 (de 3 a 6 anos) e de 12.30 a 14.00 (de 7 a 12 anos)
Gratuíto, previa inscrición
Talleres interxeracionais en colaboración con AFAGA
Para público infantil de 7 a 12 anos e persoas maiores afectadas de Alzheimer
17 xaneiro – 30 maio 2023
Martes de 16.00 a 17.30 (sesións preparatorias AFAGA) e de 17.30 a 19.00 (obradoiros)
Visitas e actividades para grupos con necesidades específicas
Para asociacións, colectivos e grupos con necesidades específicas
4 xaneiro – 30 xuño 2023
Datas e horarios á medida
Gratuíto, previa cita