rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
BIBLIOTECA HUMANA no MARCO [3ª edición]

BIBLIOTECA HUMANA no MARCO [3ª edición]

Datas: 
20 maio 2025 - 21 maio 2025

Luz na escuridade
Historias de vida en primeira persoa

Martes 20 e mércores 21 de maio

Organiza: EPAPU Nelson Mandela, en colaboración co MARCO
Lugar: MARCO, Galería A3, planta baixa
Datas e horarios: 20 e 21 de maio, en varias quendas en horario de mañá
#MARCOinclusivo
Coa colaboración de: Fundación "la Caixa" 

BIBLIOTECA HUMANA é unha iniciativa da EPAPU Nelson Mandela (A Lama) en colaboración co MARCO, que tras a gran acollida das súas primeiras edicións en 2023 e 2024, terá lugar de novo nas instalacións do Museo durante dúas xornadas consecutivas, o martes 20 e mércores 21 de maio.

Persoas internas no Centro Penitenciario da Lama que cursan os seus estudos na EPAPU Nelson Mandela, compartirán con nós unha parte das súas historias vitais, dende perspectivas distintas á norma.

BIBLIOTECA HUMANA. Historias de vida en primeira persoa

Cada persoa ten unha historia que contar, pero non sempre atopa o espazo adecuado para compartila. Na soidade dunha cela emerxen recordos de violencia, valentía, inconsciencia, supervivencia, amargura, medo e desesperanza, pero tamén de amizade, tenrura e amor.

Neste contexto, varias persoas internas no Centro Penal da Lama, estudantes da EPAPU Nelson Mandela, deciden participar voluntariamente como “libros humanos” para narrar as súas vivencias. As súas historias, aínda que con percorridos distintos, gardan un final común: a súa privación de liberdade.

Os nosos libros son persoas que comparten as súas historias a través de conversas cara a cara cos lectores. Unha biblioteca de empatía onde temos a posibilidade de mergullarnos na experiencia doutra persoa e chegar a comprender o porqué dos seus feitos sen ter, por iso, que xustificalos. En todos os casos o obxectivo é ser lido polo maior número de persoas coa finalidade de formar individuos máis comprensivos e empáticos ou, o que é o mesmo, para ter un mundo mellor.

A participación, previa inscrición, está aberta ao público en xeral, e especialmente a: grupos de escolares a partir de 4º ESO, estudantes universitarios (preferentemente ciencias sociais, psicoloxía, educación), asociacións, colectivos e persoas interesadas a título invididual.

Prazas limitadas, cun máximo de 25 participantes por sesión

Imprescindible inscrición e reserva a través do email comunicacion@marcovigo.com

DATAS E HORARIOS (dispoñibles ata completar capacidade):

Martes 20 maio = 3 sesións ás 10.00, 11.30 e 13.00
Mércores 21 maio = 3 sesións ás 10.00, 11.30 e 13.00

O concepto de Biblioteca Humana (Human Library) foi creado no ano 2000 en Copenhague por Ronni Abergel coa intención de derrubar barreiras baseadas en prexuízos e estereotipos mediante o diálogo.

Por parte da EPAPU Nelson Mandela, a iniciativa naceu en 2023 como parte do proxecto fotográfico “Luz na escuridade”, desenvolvido no propio centro. Debido á súa gran acollida, o proxecto evolucionou e consolidouse no seu formato de Biblioteca Humana, con edicións celebradas en 2023 e 2024 no MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo. Esta colaboración co museo permitiu fortalecer a dimensión educativa do proxecto, cuxa terceira edición se leva a cabo neste mes de maio de 2025.