rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
BIBLIOTECA HUMANA no MARCO [4ª edición]

BIBLIOTECA HUMANA no MARCO [4ª edición]

Datas: 
21 abril 2026 - 23 abril 2026
Horario: 
Dúas quendas en horario de mañá

BIBLIOTECA HUMANA no MARCO [4ª edición]
Luz na escuridade
Historias de vida en primeira persoa

Martes 21, mércores 22 e xoves 23 de abril

Organiza: EPAPU Nelson Mandela, en colaboración co MARCO
Lugar: MARCO, Galería B1, 1º andar
Datas e horarios: 21, 22 e 23 de abril, en dúas quendas en horario de mañá
#MARCOinclusivo
Coa colaboración de: Fundación "la Caixa" 

BIBLIOTECA HUMANA é unha iniciativa da EPAPU Nelson Mandela (A Lama) en colaboración co MARCO, que tras a gran acollida das anteriores edicións, terá lugar de novo nas instalacións do Museo durante tres xornadas consecutivas.

Persoas internas no Centro Penitenciario da Lama que cursan os seus estudos na EPAPU Nelson Mandela, compartirán con nós unha parte das súas historias vitais, dende perspectivas distintas á norma.

Cada persoa ten unha historia que contar, pero non sempre atopa o espazo adecuado para compartila. Na soidade dunha cela emerxen recordos de violencia, valentía, inconsciencia, supervivencia, amargura, medo e desesperanza, pero tamén de amizade, tenrura e amor.

Neste contexto, varias persoas internas no Centro Penal da Lama deciden participar voluntariamente como “libros humanos” para narrar as súas vivencias. As súas historias, aínda que con percorridos distintos, gardan un final común: a súa privación de liberdade.

Os nosos libros son persoas que comparten as súas historias a través de conversas cara a cara cos lectores. Unha biblioteca de empatía onde temos a posibilidade de mergullarnos na experiencia doutra persoa e chegar a comprender o porqué dos seus feitos sen ter, por iso, que xustificalos. En todos os casos o obxectivo é ser lido polo maior número de persoas.

COMO PARTICIPAR?

A participación, previa inscrición, está aberta ao público en xeral, e especialmente a: grupos de escolares a partir de 4º ESO, estudantes universitarios (preferentemente ciencias sociais, psicoloxía, educación), asociacións, colectivos e persoas interesadas a título invididual.

Prazas limitadas, cun máximo de 25 participantes por sesión

Imprescindible inscrición e reserva a través do email comunicacion@marcovigo.com

DATAS E HORARIOS (dispoñibles ata completar capacidade):

Martes 21 abril

1ª quenda = de 10.15 a 11.45 [COMPLETA]
2ª quenda = de 12.15 a 13.45

Mércores 22 abril

1ª quenda = de 10.15 a 11.45
2ª quenda = de 12.15 a 13.45

Xoves 23 abril

1ª quenda = de 10.15 a 11.45
2ª quenda = de 12.15 a 13.45

O concepto de Biblioteca Humana (Human Library) foi creado no ano 2000 en Copenhague por Ronni Abergel coa intención de derrubar barreiras baseadas en prexuízos e estereotipos mediante o diálogo.

Por parte da EPAPU Nelson Mandela, a iniciativa naceu en 2023 como parte do proxecto fotográfico “Luz na escuridade”, desenvolvido no propio centro. Debido á súa gran acollida, o proxecto evolucionou e consolidouse no seu formato de Biblioteca Humana, con edicións celebradas en 2023, 2024 e 2025 no MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo. Esta colaboración co museo permitiu fortalecer a dimensión educativa do proxecto, cuxa cuarta edición se leva a cabo neste mes de abril de 2026.