
BIBLIOTECAS HUMANAS. Historias de vida en primeira persona
Cinco persoas do alumnado da EPAPU Nelson Mandela, internas no Centro Penitenciario da Lama, comparten con nós unha parte das súas historias vitais, dende perspectivas distintas á norma. Da soidade da cela, onde flúen os recordos, á posibilidade de establecer unha conversa coas persoas participantes, coas imaxes do proxecto “Luz na escuridade” como pano de fondo.
Aberto ao público en xeral, e especialmente: escolares a partir de 4º ESO, Bacharelato e FP, estudantes universitarios, asociacións, grupos e colectivos interesados.
Datas e horarios:
Xoves 11 maio = 3 sesións ás 10.30, 11.30 e 12.30 / Xoves 18 maio = 3 sesións ás 10.30, 11.30 e 12.30
Previa reserva a través do email centro.documentacion@marcovigo.com
Que é unha Biblioteca Humana
O concepto de Biblioteca Humana (Human Library) foi creado no ano 2000 en Copenhague por Ronni Abergel coa intención de rematar cos prexuízos e estereotipos. Os nosos libros son persoas que comparten as súas historias a través de conversas cara a cara cos lectores. A nosa é unha biblioteca de empatía onde teremos a posibilidade de mergullarnos na experiencia doutra persoa e chegar a comprender o porqué dos seus feitos sen ter, por iso, que xustificalos. En todos os casos o obxectivo é ser lido polo maior número de persoas coa finalidade de formar individuos máis comprensivos e empáticos ou, o que é o mesmo, para ter un mundo mellor.