rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
BOOKCROSSING 2016

BOOKCROSSING 2016

22 abril 2016


O venres 22 de abril, por octavo ano consecutivo, 56 bibliotecas de museos e centros de arte e cultura inundarán as cidades de libros con motivo da celebración do Día Internacional do Libro. Estes centros únense nunha experiencia de Bookcrossing na que liberarán volumes relacionados con diferentes disciplinas procedentes da bolsa de duplicados das súas respectivas bibliotecas.

MARCO únese, un ano máis, a esta experiencia e liberará un total de 100 catálogos en distintos puntos da cidade de Vigo, nunha iniciativa promovida pola Biblioteca-Centro de Documentación do Museo. A solta de libros iniciarase ás 11.00 da mañá fronte á fachada principal na rúa Príncipe.

Os participantes prevén poñer en circulación  libros libres coa intención de que os que os recollan, gocen da súa lectura e volvan liberalos noutro punto distinto do mundo. Todos os libros liberados estarán acreditados coas súas correspondentes etiquetas, conterán as instrucións necesarias para facilitar ao lector a súa participación na campaña, e estarán rexistrados na páxina web www.bookcrossing-spain.com, onde os lectores poderán indicar o lugar no que atoparon e no que liberaron cada exemplar. O obxectivo desta iniciativa é sumar ás bibliotecas dos museos nun esforzo para o fomento da lectura e, máis en concreto, na difusión do coñecemento das distintas disciplinas artísticas.

Dende a súa aparición a nivel internacional en 2001, o bookcrossing non fixo senón multiplicar o número de participantes neste tipo de iniciativas. O bookcrossing defínese como un “club de libros global”, rexido por tres sinxelas regras, coñecidas como “as tres erres”: read (le), register (rexistra), release (libera) Os libros libéranse normalmente en lugares públicos e de tránsito de persoas, dende a Universidade aos medios de transporte ou polideportivos, e se cada usuario segue as instrucións é doado coñecer, a través da páxina www.bookcrossing–spain.com, o traxecto realizado por un libro dende o seu punto de orixe ao de recollida. O bookcrossing permite non só compartir e intercambiar gratuitamente libros senón tamén seguir a pista de calquera deles unha vez que foi liberado, así como saber quen o leu e en que lugar. Calquera persoa pode participar nesta experiencia, non só recollendo libros senón tamén poñendo en circulación outros da súa propiedade, rexistrándoos na páxina web de bookcrossing e liberándoos despois nun lugar público.

Todos os libros liberados conteñen tres adhesivos. A primeira etiqueta vai colocada sobre a cuberta do libro e nela danse máis detalles: “pásalle este libro a alguén ou déixao libre na súa aventura” e “non me perdín, son parte dun club de libros global”, ao tempo que remite a máis detalles no interior do libro. O segundo adhesivo, no interior, instrúe a persoa que recolleu o libro sobre o obxecto da liberación de libros e sobre a conveniencia de participar nesta experiencia internacional a través da web www.bookcrossing-spain.com, que permite coñecer onde estivo a publicación e quen a leu, así como incorporar o novo lector ao seu diario de viaxe. O terceiro, leva o logo do Museo e felicita o día do libro.

Museos e centros participantes:

Arxiu CCCB, Centre de Cultura Contemporània de Barcelona; Biblioteca-Centre de Documentació del Museu Valencià d'Etnologia; Biblioteca-Centro de Documentación del MUSAC, Museo de Arte Contemporáneo de Castilla y León; Biblioteca de la UNED; Biblioteca de los Museos Arqueológicos de Gijón; Biblioteca del IVAM; Biblioteca del Museo Arqueológico de Asturias; Biblioteca del Museo de Bellas Artes de Bilbao; Biblioteca del Museo del Ejército; Biblioteca del Museu de Belles Arts de València; Biblioteca del Museu Marítim de Barcelona; Biblioteca do Museo Galego da Marioneta; Biblioteca y Centro de Documentación. Artium, Centro-Museo Vasco de Arte Contemporáneo (Vitoria-Gasteiz); La Casona de Tudanca; Centre d’art la Panera, Lleida; Centre Documentació Cultura Popular (DGCPAAC-Gencat); CENTRO ATLÁNTICO DE ARTE MODERNO, CAAM; Centro de Arte Contemporáneo de Huarte; Centro de Arte La Regenta; Centro de Documentación de las Artes Escénicas de Andalucía; Centro de Estudios y Documentación MACBA; CGAC Centro Galego de Arte Contemporánea; CRAI Belles Arts. Universitat de Barcelona; Es Baluard Museu d'Art Modern i Contemporani de Palma; Escola Massana, Centre d’Art i Disseny; Fundació Antoni Tàpies; Fundación Eugenio Granell; Fundació Joan Miró. Biblioteca Jacques Dupin; L'Iber, Museo de los soldaditos de plomo; MACA. Museo de Arte Contemporáneo de Alicante; MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo; Museo Art Nouveau y Art Déco – Casa Lis (Salamanca); Museo Casa Natal de Jovellanos; Museo das Peregrinacións e de Santiago. Biblioteca; Museo de Belas Artes da Coruña; Museo de Bellas Artes de Asturias; Museo de la Naturaleza de Cantabria. MNAT.; Museo de Navarra; Museo de Valladolid; Museo de Zamora; Museo del Carlismo; Museo del Ferrocarril de Madrid; Museo del Gas de la Fundación Gas Natural Fenosa; Museo del Traje. CIPE; Museo Etnográfico de Cantabria; Museo Etnográfico de Castilla y León; Museo Etnológico de Navarra “Julio Caro Baroja”; Museo Etnolóxico. Ribadavia-Ourense; MUSEO MARÍTIMO DEL CANTÁBRICO; Museo Nacional de Antropología; Museo Nacional de Cerámica y Artes Suntuarias González Martí. Biblioteca; Museo de Prehistoria y Arqueología de Cantabria MUPAC.;  Museu de Prehistòria de Valéncia; Muséu del Pueblu d'Asturies; Museu Etnològic de Barcelona – Museu de Cultures del Món de Barcelona; Ubik, Tabakalerako sorkuntza liburutegia.