rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
CASAS DE CARTÓN: fin proxecto e instalación en rúa Príncipe

CASAS DE CARTÓN: fin proxecto e instalación en rúa Príncipe

Datas: 
13 xuño 2023
Horario: 
17.00
Lugar: 
rúa Príncipe, diante da fachada principal do Museo


O proxecto CASAS DE CARTÓN, que comezou no MARCO o 18 de maio (Día Internacional dos Museos), chega ao seu fin tras varias semanas de taller, coa participación dun grande número de persoas, grupos de escolares, colectivos e asociacións.

A instalación resultante, unha grande cidade de cartón, construirase o próximo martes 13 de xuño, a partir das 17.00, na rúa Príncipe, diante da fachada principal do Museo.

Dirixido polo artista e profesor da Facultade de Belas Artes Ignacio Pérez-Jofre para Emaús e Provivienda, CASAS DE CARTÓN é un taller de creación colectiva no que, a través dunha serie de sesións nas que participaron numerosas persoas, colectivos, asociacións e grupos de escolares, construímos casas a partir de pezas de cartón, coas que montaremos unha instalación na rúa, unha grande cidade de cartón, densa e extensa, como resultado da suma das achegas de cada participante.

Un total de 67 persoas (maioritariamente adultas, pero tamén menores acompañados) involucráronse de forma activa no taller, aos que se suman 490 escolares de varios ciclos educativos de 12 centros de ensino da área de Vigo, e grupos procedentes de varios colectivos e asociacións.

Este proxecto foi elixido polo MARCO como eixe da súa programación no Día Internacional dos Museos, pola súa coherencia e relevancia respecto ao lema do ICOM nesta edición 2023: “Museos, sostibilidade e benestar”. CASAS DE CARTÓN pretende incentivar unha reflexión sobre as implicacións metafóricas derivadas da unión dun material (o cartón) e un motivo (a casa), e a capacidade de xerar un pensamento visual crítico sobre urbanismo, arquitectura, desigualdade e exclusión residencial.

Alén das súas connotacións simbólicas, e grazas a unha concepción e metodoloxía participativas, o proxecto conseguiu a interacción de públicos diversos, coa implicación entusiasta de persoas de moi variada procedencia, en liña coa idea de “encontros improbables” promovida dende a ONG Emaús.

CASAS DE CARTÓN

Taller de material reciclado
Un proxecto de Ignacio Pérez-Jofre promovido por Emaús e Provivienda
Organiza: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Datas: do 18 de mayo ao 9 de xuño de 2023
Lugar: Galería B3, 1º andar
Gratuíto. Prazas limitadas ata completar capacidade