rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Celeste Garrido. Olvido, 2009. Foto: Francisco Fernández. UM Fotografía
Celeste Garrido. Sen título, 2004. Foto: Francisco Fernández. UM Fotografía
Celeste Garrido. Torturas femininas, 2010. Foto: Francisco Fernández. UM Fotografía
Celeste Garrido. (Re)vuelo, 2020. Foto: Francisco Fernández. UM Fotografía
Celeste Garrido. Sen título, 1999-2020. Foto: Francisco Fernández. UM Fotografía
Celeste Garrido. Sen título, 2020 / Sedución, 2020. Foto: Francisco Fernández. UM Fotografía
Celeste Garrido. Danza autómata, 2016. Foto: Francisco Fernández. UM Fotografía
Celeste Garrido. Os teus ollos din o que a tua boca cala, 2020. Foto: Francisco Fernández. UM Fotografía
Celeste Garrido. Danza mortal, 2009. Foto: Francisco Fernández. UM Fotografía
Celeste Garrido. ¿mejor que yo?, 2004. Foto: Francisco Fernández. UM Fotografía
Celeste Garrido. Vista de salas. Foto: Francisco Fernández. UM Fotografía
Celeste Garrido. Vista de salas. Foto: Francisco Fernández. UM Fotografía

CELESTE GARRIDO. Os teus ollos din o que a túa boca cala

Ficha

Datas: 
2 outubro 2020 - 11 abril 2021
Lugar: 
Sala de proxectos do 1º andar
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Miguel Fernández-Cid
Comisariado: 
Pilar Souto Soto

Coa colaboración de: 
Deputación de Pontevedra

Celeste Garrido (Marín, Pontevedra, 1972) ten unha ampla traxectoria en proxectos teóricos e expositivos moi relacionados coa identidade e con cuestións de xénero. Esta mostra, específica para o MARCO, está deseñada a partir dunha coidada selección de obras en distintos formatos –na súa maioría de nova produción– que constrúen un relato en torno á temática do corpo como material, como soporte, como suxeito e como receptor, con especial alusión ao corpo feminino e ao vestido como símbolo.

Celeste Garrido traballa co corpo, dende unha perspectiva conceptual, e en especial co vestido. O corpo vestido é o corpo do suxeito e a través desta vestimenta desvélansenos datos como o xénero, a condición social e cultural, etc. Por medio do vestido proxectamos publicamente unha identidade, na súa obra adquire vital importancia, precisamente por ser un dos mecanismos diferenciadores que forman parte da indumentaria feminina.

O seu proxecto Nupcial, desenvolvido a través de numerosas obras, fai referencia ao vestido de noiva como símbolo do matrimonio, dentro dun sistema patriarcal subxacente na nosa cultura e que aínda hoxe exerce un claro dominio sobre a muller, condicionando a súa liberdade e a súa autonomía.

O seu discurso artístico xorde da relación entre a experiencia creativa e a condición feminina, incorporando á súa obra obxectos da vida cotiá e materiais orgánicos, en especial aqueles de uso doméstico –mel, xelatina, uvas, pétalos de rosa...– que polas súas propiedades e carácter simbólico fan alusión á fraxilidade corporal, á noción do tempo que pasa, e ao carácter cambiante das cousas; a inestabilidade unida á idea de beleza que persiste no noso imaxinario colectivo, directamente relacionada co desexo e a sedución. As súas obras aluden a miúdo a unha muller cuxa acción está condicionada pola mirada do outro, cunha dependencia emocional que fai que a súa propia vontade se esvaeza.

Durante os últimos meses, Celeste Garrido desenvolveu un novo proxecto artístico que establece unha reflexión en torno á violencia infantil e en especial á violencia sexual na infancia e a adolescencia. Denominado Infancias rotas (apelando ao libro do mesmo nome escrito por María Martínez-Sagrera), afronta o abuso a menores a través da creación artística, denunciando o inferno ao que se enfrontan os nenos e en especial as nenas, polo simple feito de nacer mulleres, nalgúns países en vías de desenvolvemento. Pero tamén pretende desvelar unha realidade de episodios silenciados de abusos infantís que transcorren ao noso arredor, baixo unha aparencia de normalidade amable, e que feren irreversiblemente algunhas persoas no máis profundo do seu ser, destruíndo a súa infancia e condicionando para sempre a súa vida, especialmente cando estes feitos se producen dentro do círculo de confianza do menor, como pode ser a familia ou a escola.

Comprometida como artista e como muller, os seus proxectos desenvólvense dende unha óptica feminista e un posicionamento crítico, formulando propostas que apelan ao espectador e o fan cómplice dese compromiso. Neste contexto xorden algunhas das obras que forman parte do seu novo proxecto.

A primeira das pezas é un berce-niño que se eleva no máis alto da sala, resultando mesmo vertixinosa. Esta elevación converte o tule que cobre o berce nun veo nupcial que se estende dende o máis alto ata repousar no chan. A peza fai alusión ao compromiso ou pacto que se estableceu dende antano entre pais, para ofrecer as nenas en matrimonio a cambio dun beneficio. Moitos matrimonios son pactados, tanto nas clases sociais altas –por conveniencia entre as familias, en busca dun mellor estatus social– como nas máis baixas, a consecuencia da necesidade extrema que leva os pais a cometer verdadeiras atrocidades ao dar en matrimonio a nenas de apenas dez ou doce anos, a cambio dalgún obxecto de valor ou dalgún favor. O matrimonio destas nenas convértese nun espazo de tortura asumido por algunhas sociedades como parte da consecuencia de nacer muller, privándoa de calquera oportunidade de desenvolverse como persoa debidamente formada e libre, con capacidade para decidir o seu futuro.

A segunda peza está formada por un vestido branco de nena, que parece levitar sobre unha superficie circular. Trátase dunha estrutura orgánica que evoca a inquietante semente da flor de loto, cuberta de pequenos buratos, dentro dos cales se insiren uvas moradas, escuras e brillantes a xeito de ollos ameazadores, que dirixen a súa mirada cara á nena. Conforme nos aproximamos ao centro do círculo, os ollos vanse transformando en tentáculos intimidantes, que axexan baixo a faldra do vestido, xerando un sentimento de angustia e malestar que dá título á obra: "Os teus ollos din o que a túa boca cala”.

Dentro do conxunto, o vestido evoca a branca flor de loto, que representa o estado máis elevado do ser e que está relacionada coa perfección do espírito e da mente; un estado de pureza total e de natureza inmaculada. Representa a inocencia e a pureza do corazón. Representa o amor, a paixón e a compaixón.

Documentación

A Biblioteca-Centro de Documentación do MARCO ten preparado un dossier documental, que reúne ligazóns a artigos e información complementaria sobre a artista, accesible para consulta dende a web do MARCO www.marcovigo.com nos apartados Biblioteca/Novas e Exposicións/Actuais.

Visitas e obradoiros para escolares e grupos

Para grupos de educación Infantil, Secundaria, Bacharelato, outros centros de formación e grupos con necesidades específicas.

Colabora: Obra Social “la Caixa”
A partir do 13 de outubro de 2020
Lugar: salas de exposición e Laboratorio das Artes
Horario: de martes a venres de 11.00 a 13.30 / Previa cita no tel. 986 113900/113904

Información e visitas guiadas

Por mor da normativa sanitaria, as visitas guiadas de grupo están limitadas a 5 persoas (incluído guía) 

O persoal de salas está dispoñible para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:

Todos os días ás 18.00
Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita nos tel. 986 113900 / 986 113904

Imaxe: 
Celeste Garrido. Olvido, 2009
Pegada de carmín, resultante da acción de bicar a parede compoñendo a palabra olvido, 31 x 155 cm

Artistas

Celeste Garrido


Celeste Garrido Meira
(Marín, Pontevedra, 1972) é Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, e Mestrado en Creatividade Aplicada pola Universidade de Santiago de Compostela. Dende o ano 1997 é membro colaborador do Grupo de Investigación ES2 da Universidade de Vigo, e en 2003-2004 foi bolseira de colaboración da Cátedra Caixanova de Estudios Feministas da Universidade de Vigo.

Foi premiada co Lazo Violeta que outorga o Concello de Marín, pola súa destacada traxectoria no ámbito das artes plásticas de Galicia. Un percorrido que comeza no ano 1996 coa exposición Alternativas Creativas no Teatro Principal e o Liceo Casino de Pontevedra. Dende entón participou en numerosas exposicións colectivas nacionais e internacionais, e a súa obra foi seleccionada para participar en varias mostras colectivas, entre as que cabe destacar Novos valores (Deputación de Pontevedra, 1996); Novos camiñantes (Santiago de Compostela, 1999); Cabanyal Portes Obertes (Valencia, 1999); Malas Artes (2003); Clónicas (2004); Coser y Callar (2010); Xénero e artes visuais (Universidad de Vigo, 2014) ou Alén dos xéneros. Prácticas artísticas feministas en Galicia (MARCO, Vigo/Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela, 2017).

De entre as súas exposicións individuais cómpre salientar especialmente a mostra retrospectiva titulada Non son as miñas espiñas as que me defenden (Museo Manuel Torres, Marín, Pontevedra, 2016).).

Ten comisariado unha vintena de edicións da exposición Voilà la femme, que tamén ten sido premiada co Lazo Violeta do Concello de Marín, pola súa implicación na defensa da muller a través do mundo da arte e da promoción de artistas noveles.

Texto curatorial

Non hai que quedar acubillada nun recuncho,
Instruídevos e empuñade a pluma…
Christine de Pizan, Libro da Cidade das Damas, 1405

Seiscentos anos despois, Celeste Garrido podería aloxarse na Cidade das Damas de Pizan. Nai e artista, coa súa xenerosa e activa práctica artística consegue crear unha obra poética que facilita que o espectador/a perciba a reivindicación do feminismo dende a máis delicada sensibilidade.  

No percorrido das salas do MARCO, internámonos no universo íntimo dunha autora, que nos fai reflexionar sobre o sistema patriarcal na nosa cultura, a maternidade, o nacemento, o matrimonio, o paso do tempo, o deterioro, a morte… 

Celeste Garrido sinala que “aborda a temática do corpo, especialmente o feminino, como soporte, como suxeito, como receptor, e o vestido como símbolo deste xénero”. Non deixa de referirse a relacións de parella, de dependencia emocional, de ideas e sentimentos, de dor pola perda, de liberdade por esa mesma perda... e conségueo a través de obras como a serie Nupcial, na que leva anos traballando; o que comeza como imaxe dunha sedución acaba converténdose, grazas á utilización de materiais orgánicos (xelatina) e ao efecto do tempo transcorrido durante a exposición, en algo non desexado (manto de mofo branco, logo verde), cambiando a nosa percepción da obra.

Cunha actitude poética e comprometida, denuncia a violencia na infancia mediante dúas obras novas, Os teus ollos din o que a túa boca cala e O pacto, a ofrenda, o medo... a culpa, nas que busca a complicidade do espectador. Con Danza autómata e Danza mortal proponnos a idea de inestabilidade e de resistencia ao que se espera da muller dende que nace: asumir roles impostos, submisión e subordinación, dificultando a súa toma de decisións e a súa liberdade. Con todo, dita posición é un punto de partida...

A súa obra máis optimista, a sinatura cos seus beizos no pano da parede do museo selando a palabra Olvido, como transformación, esperando o que está por vir.

Miguel Fernández-Cid / Pilar Souto

Texto artista

A vida non é a que un viviu, senón a que un lembra e como a lembra para contala.
Gabriel García Márquez

Sobre a serie Nupcial

Case seguro que pasar catorce anos aos pés dunha máquina de coser, é excesivo. Como tamén o foi ver ducias de mulleres desfilar no taller de costura da miña nai mentres se probaban toda clase de vestidos. Vestidos que, dalgún xeito, as acompañaban, coma se de talismáns se tratase, nas súas experiencias vitais: bautizos, casamentos, nacementos, mortes... axudándoas, en certo modo, a exorcizar os seus conflitos internos.

E se había un vestido especial por antonomasia, era o nupcial. Aquelas arquitecturas preciosistas desvelábanse ante min, tan resplandecentes como efémeras, como promesas dunha experiencia sensorial que nunca chegaba a experimentar. Elaborados con tules, rasos e sedas suntuosas, aqueles vestidos proxectaban ansias de riqueza e posición social, converténdose en auténticos obxectos de desexo que gardaban entre os seus ocos baleiros a posibilidade de habitalos mentalmente, dende o lugar da imaxinación.

Vexo o vestido con outra mirada, o corpo vestido é a revelación dun "corpo social", que proxecta unha identidade, un xénero e mesmo unha condición social e cultural. Así comeza a serie "Nupcial", composta por unha trintena de pensamentos que nacen destinados a ser esculturas e que, de camiño, debuxan un leve rastro no papel. Trátase dun percorrido efémero e íntimo, como o da ave migratoria que se pousa nun lugar que non é, á fin e ao cabo, o seu destino, senón a pausa necesaria para poder chegar a el. Este "corpo social" permíteme establecer un posicionamento crítico fronte a ese arquetipo de muller alada e evanescente que camiña na punta dos pés, esa muller á que fai referencia Isabel Tejeda cando fala do retorno da "figura da noiva virxe e casta, vestida dun impoluto e vaporoso branco que a converte nun ser doutro mundo", establecendo así unha reflexión en torno á reiterada idea de ver na muller un ser que non debería pesar, senón que levita.

A primeira escultura da serie, Sen título. Nupcial, viu a luz en 1999 na exposición Novos camiñantes. Trátase dun proxecto que fai referencia ao vestido de noiva como símbolo do matrimonio, dentro dun sistema patriarcal subxacente na nosa cultura e que aínda hoxe exerce un claro dominio sobre a muller, condicionando a súa liberdade e a súa autonomía. A obra está composta por un vestido de fío que parece levitar sobre un brillante círculo de xelatina vermello, que alimenta o desexo polo atractivo arrecendo a amorodo capaz de seducir ao espectador ata o punto de facerlle repetir a visita, pero co tempo, a xelatina transfórmase ata chegar a podrecer, cubríndose dun manto de mofo branco que axiña muda verde. Daquela, o fedor é tan forte e desagradable, que apenas permite ao espectador gozar da obra, dándonos unha visión do poder transformador do paso do tempo e o noso ineludible traxecto cara o deterioro e a morte. O círculo vermello fai referencia ao sangue, presente nos momentos cruciais da nosa existencia: nacemento, menstruación, maternidade, enfermidade…

Na serie "Nupcial" reflexiono sobre como a muller se ve condicionada pola mirada do outro, cunha dependencia emocional que fai que a súa propia vontade esvaeza. A peza (Re)vuelo [(Re)voo], producida co gallo desta exposición, retoma a equivocada idea do matrimonio como un horizonte de liberdade, fronte á constrición do niño paterno. Pero esta suposta liberdade revélase como unha prisión no momento en que nos deixamos condicionar polo implacable teito de cristal que vai ao noso ascenso, impedíndonos voar e é que, non se pode voar coas ás doutro, nin tampouco pensar que unhas simples ás nos vaian elevar; é a consciencia de voo e a vontade para inicialo o que fai que poidamos ascender.

Infancias rotas

Durante os últimos meses, desenvolvín un novo proxecto artístico que establece unha reflexión en torno á violencia infantil e, en especial, á violencia sexual na infancia e a adolescencia. Este proxecto, denominado Infancias rotas —apelando ao libro do mesmo nome escrito por María Martínez-Sagrera— afronta o abuso a menores a través da creación artística, denunciando o inferno ao que se enfrontan os nenos, e en especial as nenas, polo simple feito de nacer mulleres nalgúns países en vías de desenvolvemento. Pero tamén pretende desvelar unha realidade de episodios silenciados de abusos infantís que transcorren a noso arredor, baixo unha aparencia de normalidade amable, e que feren irreversiblemente algunhas persoas no máis profundo do seu ser, destruíndo a súa infancia e condicionando o resto das súas vidas, especialmente cando estes feitos se producen dentro do círculo de confianza do menor, como pode ser a familia ou a escola. Os teus ollos din o que a túa boca cala denuncia todas esas miradas perturbadoras que se proxectan sobre un vestido de nena que levita inocentemente sobre elasellas.

A segunda das pezas desta serie é O pacto, a ofrenda, o medo... a culpa e está formada por un berce-niño que se eleva vertixinosamente ata o máis alto da sala e dende o cal cae un mesto tule que, a xeito de veo nupcial, debuxa un círculo no chan. Establécense en torno a esta peza varias reflexións entre as que quero destacar a alusión ao matrimonio infantil, un espazo de tortura asumido por algunhas sociedades como parte da consecuencia de ter nacido muller, que priva as nenas de calquera oportunidade de desenvolverse como persoa debidamente formada e libre, con capacidade para decidir o seu futuro.

Celeste Garrido, outubro 2020