rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Colección de Fotografía Contemporánea de Telefónica

Colección de Fotografía Contemporánea de Telefónica

Ficha

Datas: 
28 xaneiro 2005 - 5 xuño 2005
Lugar: 
Planta Baixa
Horario: 
martes a sábados (festivos incluídos), de 11.00 a 21.00, domingos de 11.00 a 15.00
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Carlota Álvarez Basso

A colección de fotografía contemporánea de Telefónica en MARCO de Vigo

Como empresa á vangarda da aplicación das tecnoloxías da información e as comunicacións, o Grupo Telefónica ten constituído unha das Coleccións de referencia en España dedicada á fotografía: A Colección de Fotografía Contemporánea de Telefónica.

Esta Colección trata de reflectir o cambio de paradigma que se produce durante as últimas décadas na cultura visual, cando a fotografía se transforma nun instrumento de valor artístico, adquirindo conciencia da súa capacidade expresiva e do valor da súa actividade de representación, subvertendo os propios códigos e as linguaxes que este medio emprega.

O reto que significa este proxecto pon en evidencia que Telefónica segue empeñada en impulsar o coleccionismo corporativo nunha liña definida en torno á arte contemporánea. O coleccionismo sobre a arte do século XX é un aspecto recente da cultura española e o feito de haber apostado por unha colección de eido institucional sobre fotografía, ven a cubrir un baleiro importante no patrimonio artístico dos nosos días e demostra, unha vez máis, a fonda implicación que Telefónica mantén coas novos linguaxes e as novas tecnoloxías aplicadas á comunicación e á creación artística.

Na exposición do MARCO, e co fin de facilita-la lectura da mostra ós visitantes, realizouse unha montaxe temática en torno a seis temas principais, algúns dos cales son xéneros clásicos que se atopan nas raíces da historia da arte: o retrato, a paisaxe, a fotografía arquitectónica -tanto de interior como de exterior, as escenas urbanas, e maila utilización do corpo como plataforma de comunicación plástica.

 

Síntese do proxecto

Trala exposición organizada na propia sede da Fundación Telefónica en Madrid, en febreiro de 2004, que supuxo a presentación pública da colección, MARCO de Vigo acolle esta mostra como primeira sede dun longo percorrido por museos e centros de arte de toda España.

O eixo vertebrador desta colección é ese punto de inflexión polo que a fotografía, no limiar do século XXI, pasa de ser un documento a se converter nun relato; comeza a adquirir conciencia da súa capacidade expresiva e do valor da súa actividade de representación, subvertendo os propios códigos e linguaxes que este medio emprega.

Construída a partir dalgúns dos nomes emblemáticos da contemporaneidade plástica, a exposición inclúe formulacións radicais e conceptuais, esteticistas e narrativas, documentais e sociais, nun conxunto que reflicte a variedade e mailo eclecticismo dun momento creativo dunha riqueza e abundancia pouco frecuentes.

Os artistas que forman parte da Colección de Fotografía Contemporánea de Telefónica utilizan a fotografía como medio de expresión e experimentación. As súas imaxes falan do que pode ser hoxe a experiencia artística no contexto da cultura contemporánea.

Dado que hoxe en día xa non existen dúbidas verbo do valor artístico da fotografía e de que nestes momentos é unha das expresións artísticas máis utilizadas polos creadores actuais, era necesario comezar esta Colección amosando unha certa filiación, que tivese un nesgo histórico e que, polo tanto, iniciase a súa andadura nos anos sesenta, cos traballos da Escola de Düsseldorf, os discípulos de Bernd & Hilla Becher en Europa (Thomas Ruff, Thomas Struth, Andreas Gursky) e de John Baldessari no continente americano (Richard Prince, Cindy Sherman), para avanzar pola fotografía cinemático-pictoralista (Jeff Wall, Sam Taylor-Wood), ata os desenvolvementos narrativos máis actuais.

A distinción aceptada entre fotógrafos e artistas que utilizan a fotografía tende a desaparecer. Os creadores actuais sérvense da fotografía con total liberdade e coñecemento de causa, sen se sentir na obriga de demostra-las virtudes ou posibilidades do medio, porque teñen tras eles 170 anos de historia, onde todo se manifestou dabondo.

A fotografía substituíu en moitos casos á pintura. A invención da cámara conseguiu que a captación da imaxe real fose moito máis rápida, fiel e precisa, desacreditando o virtuosismo técnico dos pintores e achegando o espectador a unha nova realidade.

Dende a fotografía analóxica á dixitalizada, as novas tecnoloxías aplicadas á arte están presentes nesta mostra, así como certos exemplos decisivos da relación da fotografía coa performance ou co documento social.

Xéneros diversos ancorados nas raíces da historia da arte, como son o retrato, a paisaxe ou a fotografía arquitectónica, conforman un conxunto que abrangue as temáticas características da arte actual, dende a recuperación da memoria histórica, á denuncia social, a crítica dos procesos artísticos ou a utilización do corpo como plataforma de comunicación plástica.

Artistas

    Francis Alÿs
    Shirin Neshat
    Andreas Gursky
    Andrés Serrano
    Axel Hütte
    Bleda y Rosa:
    Candida Höfer
    Cindy Sherman
    Gabriel Orozco
    Gonzalo Puch
    Günther Förg
    Helena Almeida
    James Casebere
    John Baldessari
    John Coplans
    José Manuel Ballester
    Jürgen Klauke
    Jörg Sasse
    Marina Abramovic
    Miguel Río Branco
    Miriam Bäckström
    Mona Hatoum
    Olafur Eliasson
    Panos Kokkinias
    Paul Graham
    Per Barclay
    Perejaume
    Philip-Lorca diCorcia
    Pierre Gonnord
    Richard Prince
    Sabine Hornig
    Salla Tykkä
    Sam Taylor-Wood
    Sherrie Levine
    Thomas Ruff
    Thomas Struth
    Vik Muniz
    Zhang Huan

Comisariado

Carlota Álvarez Basso

Carlota Álvarez Basso (Vigo, 1964) estudou Socioloxía na Universidade de Nanterre, en París. Entre 1992 e 1999 foi xefa do Departamento de Obras de Arte Audiovisuais do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía de Madrid. Foi tamén directora do Pazo de Congresos e Exposicións de Pontevedra de 1999 a 2001 e deseñou e puxo en marcha o proxecto museístico do MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, do que foi directora ata o ano 2005.

Foi membro de varios comités de honra e consellos asesores de institucións culturais e participou en xurados de premios e festivais. Ofreceu conferencias e mesas redondas de ámbito nacional e internacional, ademais de ser autora de grande variedade de textos críticos para catálogos e revistas.