rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Conversa Arantza Portabales e Celeste Garrido

Conversa Arantza Portabales e Celeste Garrido

 

O sábado 6 de marzo, nas vésperas do Día Internacional da Muller, o salón de actos do MARCO acolleu un encontro literario-artístico protagonizado pola escritora Arantza Portabales e a artista Celeste Garrido. Unha actividade que se encadra nas actividades do Club de Lectura #BiblioMARCO​, e que presentou e moderou a súa responsable, Iria Fernández Mouriz.

O Club #BiblioMARCO​ é unha actividade gratuíta, concibida como espazo de encontro e intercambio de experiencias para persoas interesadas nas artes en xeral. Os eixes argumentais das novelas están relacionados coa arte nas súas distintas manifestacións, e cada sesión está acompañada con material de apoio e catálogos que, alén da lectura en si, establecen relacións con obras e movementos artísticos, o que converte o club #BiblioMARCO​ nunha experiencia diferente que axuda a afondar nos contidos da creación contemporánea.

Nesta ocasión, o punto de partida é a conexión entre Arantza Portabales e Celeste Garrido, cuxa exposición “Os teus ollos din o que a túa boca cala” continúa aberta no MARCO ata o 4 de abril. O vínculo entre escritora e artista xurdiu á hora de abordar a novela Beleza vermella (Galaxia, 2019), para a que Portabales tomou como inspiración algunhas das obras de Garrido, guiada pola súa forza visual, polos seus contidos e reflexións, moi relacionados coa identidade e con cuestións de xénero, e pola súa calidade poética. Unha novela negra na que a obra de arte acaba converténdose en parte esencial da trama e nunha das protagonistas do relato.