Cousas que só un artista pode facer
Ficha
OBRAS EN EXPOSICIÓN
A mostra colectiva ‘COUSAS QUE SÓ UN ARTISTA PODE FACER’ forma parte dunha investigación que estuda a presenza do humor na arte actual. A exposición reúne doce artistas que comparten referentes artísticos, e sobre todo unha forma de traballar común. As pezas que se exhiben en salas son vestixios de accións, rexistros, documentación ou dispositivos que falan dos seus proxectos.
INFORMACIÓN E VISITAS
O persoal de salas está a disposición dos visitantes para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:
• Todos os días ás 18.00
• Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita no tel. 986 113900
Síntese do proxecto
O MARCO de Vigo estrea a programación de 2010 cun proxecto colectivo coproducido co MEIAC de Badaxoz e comisariado por David Arlandis e Javier Marroquí. ‘COUSAS QUE SÓ UN ARTISTA PODE FACER’ xorde como parte dun traballo curatorial que dende o ano 2005 analiza, dende diferentes perspectivas, os usos do humor na produción artística actual.
Nesta ocasión, o proxecto fixa a súa atención na aparición de certas actitudes nas que o humor se manifesta dun modo próximo ao absurdo. A exposición reúne traballos de doce artistas que teñen en común o seu empeño en proxectos que han de implicar un grande esforzo. Un esforzo irracional e desproporcionado en relación cos resultados que se pretende obter.
En palabras dos comisarios, ‘Emprender unha acción absurda ou fóra de contexto sempre implica para quen a presenza unha carga cómica, pero cando ademais esa acción se desempeña de xeito intensivo, cunha dedicación absoluta e empregando un esforzo máis que importante a sabendas de que é un esforzo totalmente inútil, temos un absurdo ao cadrado e, polo tanto, carga cómica ao cadrado. O esforzo actúa como elemento potenciador do absurdo; a súa función é a de esaxerar. A esaxeración sempre tivo un papel importante no humor ao ser un elemento de distorsión que nos afasta da realidade e nos leva ao cómico por medio da incongruencia’.
‘COUSAS QUE SÓ UN ARTISTA PODE FACER’ ten que ver coa evolución do concepto de artista, co lugar que se lle outorga na sociedade e coa reconsideración da función da arte. Que é o que os fai chegar a extremos nos que o absurdo e o humor poden máis que a razón práctica? Sen dúbida, unha nova actitude, unha nova forma de enfrontarse á súa creación, e un xeito de situarse no mundo. Os artistas presentes nesta exposición comparten referentes e, sobre todo, unha forma de traballar, que se afasta da produción de obxectos e que pon o acento na acción mesma. As pezas que se exhiben en salas son na súa maioría resultados, consecuencias, documentación ou vestixios dunha acción.
A instalación de Piero Golia como recordo da súa travesía en piragua polo Adriático; o vídeo Infinity de Yamashita+Kobayashi como rexistro dunha acción realizada sen público; a instalación de Wilfredo Prieto (unha planta, unha carreta e unha fotografía) como rastro da performance realizada na illa de Curaçao; o vídeo e as fotografías de Xu Zhen como mostra da ‘fazaña’ de 18 días de viaxe a bordo dunha furgoneta; o percorrido de Gianni Motti a través do túnel do acelerador de partículas LHC do CERN en Xenebra; o vídeo de Tere Recarens que mostra á artista ‘varrendo’ as nubes do ceo de Berlín; o vídeo-prólogo da performance realizada en 1999 por Aleksandra Mir, ou o dos peixes de cores de Paola Pivi a bordo dun avión; a correspondencia relativa á 'infrutífera' acción do colectivo Gelitin; o balcón protagonista da proposta de Julien Berthier, ou a instalación Diplom, de Leopold Kessler, que documenta o tendido de 1.200 metros de cable ao longo da cidade. E como mostra de obra en proceso, a instalación de Enrique Lista, que comezou en setembro de 2009 coa redacción dun acordo de produción de obra, e que continuará ata agosto de 2010.
Artistas
Julien Berthier (Besançon, Francia, 1975)
Gelitin (Viena, Austria; traballan xuntos internacionalmente dende 1993)
Piero Golia (Nápoles, Italia, 1974)
Leopold Kessler (Múnic, Alemaña, 1976)
Yamashita+Kobayashi (Chiba, Xapón, 1976 / 1974)
Enrique Lista (Cambre, A Coruña, 1977)
Aleksandra Mir (Lubin, Polonia, 1967)
Gianni Motti (Sondrio, Italia, 1958)
Paola Pivi (Milán, Italia, 1971)
Wilfredo Prieto (Sancti Spiritus, Cuba, 1978)
Tere Recarens (Barcelona, 1967)
Xu Zhen (Shangai, China, 1977)
Texto curatorial
“Esta exposición inscríbese no marco dun estudio que empezamos en 2005 e que se centrou en investigar os usos do humor na arte actual. Dende entón realizamos tres exposicións nas que se abordou o humor na produción artística contemporánea dende diferentes perspectivas: o humor como resultado dunha actitude que identifica arte e vida, o humor como ferramenta para conectar co público acurtando a distancia que os separa, e o humor como vehículo ou transmisor de contidos críticos. ‘COUSAS QUE SÓ UN ARTISTA PODE FACER’ é o derradeiro proxecto desta serie e nesta ocasión o humor vén da man do absurdo.
A exposición reúne ata doce propostas, todas elas disparatadas, doce proxectos totalmente tolos. Trátase de proxectos máis propios dun personaxe como Sísifo ca dun artista, e sono basicamente por dúas razóns: polo absurdo da acción a desenvolver e polo esforzo empregado para levala a cabo en relación ao resultado. Por suposto, ningunha das accións responde a un castigo; máis ben, todo o contrario. Trátase dunha decisión propia e meditada, un traballo que cada artista desempeña voluntariamente e con gran dedicación. Non importa o tempo que se necesite para levar a cabo un proxecto nin os medios que haxa que mobilizar, dá igual o resultado, o improdutivo do traballo, o absurdo ou ridículo da acción. O artista pon un empeño cego no seu labor, emprega un grande esforzo, ás veces intelectual, outras mesmo físico. Pero sexa cal sexa o tipo de esforzo, en todos os casos este queda fóra do razoable [...].
Aínda que sigan sendo unha minoría, dende que apareceu Duchamp houbo moitos artistas que decidiron deixar de tomar o acto creativo tan en serio, renunciaron a seguir traballando sobre as grandes ideas para dedicarse en corpo e alma ás pequenas ocorrencias. Calquera pode dicir que ocorrencias temos todos, pero o artista é o único tan obstinado como para ir ata o final e dedicarse a elas sen importarlle o máis mínimo o absurdas ou pouco produtivas que estas poidan chegar a ser. O artista destácase do resto no momento en que é quen de deixar a razón a un lado e seguir ata o final.
Tamén habería que dicir que hai cousas que só a un artista se lle permiten facer. Se as fixese outra persoa, dubidaríase da súa cordura; non obstante, un artista pode facelas e ademais é aplaudido por iso. Socialmente concedéronselles certas licencias baixo esa vella escusa romántica da loucura creadora, licencias que os artistas desta mostra e outros moitos aproveitan convenientemente para alcanzar os seus obxectivos [...].
Pasarse cinco días remando no Adriático para converterse no primeiro ilegal de orixe italiana que se infiltra en Albania pedindo asilo [Piero Golia]; cavar un burato xigantesco na area durante todo un día para despois tapalo e volvelo abrir ao día seguinte repetindo a mesma acción durante unha semana [Gelitin]; invadir o país veciño violando os límites fronteirizos cun exército de xoguetes teledirixidos [Xu Zhen]; lanzarse dende un avión a uns catro mil metros de altura armada cunha vasoira para tratar de varrer as nubes e conseguir que luza o sol en Berlín [Tere Recarens] son só algúns exemplos dos proxectos que se poden ver en ‘COUSAS QUE SÓ UN ARTISTA PODE FACER’. Despois de ler a breve descrición dalgunhas das accións, é inevitable que moitos se formulen a xa clásica pregunta; e isto é arte? [...].
Sería difícil imaxinar estes proxectos se antes non existise o Dadá, o movemento Fluxus, o happening ou mesmo o accionismo [...]. É preciso remontarse a estes referentes para atopar actitudes e modos de facer parecidos os que atopamos nesta exposición. Aínda que as intencións non sexan as mesmas, a linguaxe, as estratexias, son bastante parecidas. Se saltamos a Duchamp e os surrealistas teriamos que avanzar ata principios dos cincuenta para atopar os primeiros referentes e algunhas das accións máis influentes nos artistas actuais [...].
Aínda que os modos de facer e algunhas actitudes de artistas actuais se parezan moito ás dos seus predecesores, o contexto xa non é o mesmo e as intencións tampouco. Pero entón; Cal é a vontade das obras de ‘COUSAS QUE SÓ UN ARTISTA PODE FACER’? A onde nos levan con esas actitudes de baleirado total de significado? Hoxe en día é difícil que estes artistas falen abertamente sobre cales son as súas intencións; non obstante, é doado ver cara a onde apuntan as súas propostas. Aínda que sigan estirando os límites do posible coas súas accións e proxectos imposibles non están a reabrir o debate sobre o que se pode facer en arte e o que non —a historia xa demostrou, como diciamos, a súa capacidade de asimilalo todo. Estas novas accións parecen ir máis dirixidas cara a dentro, cara á propia esfera artística, aínda que algunhas ao mesmo tempo tamén poidan ter lecturas sociopolíticas. Pero se facemos o esforzo de ler as obras desta mostra no seu conxunto, esa lectura aproxímase moito máis á acción de Duchamp de pintarlle bigotes á Gioconda. Son accións que directa ou indirectamente ridiculizan tópicos e actitudes da arte inmediatamente anterior, ata dos seus propios referentes, intentos de cuestionar a figura do artista no noso tempo, mesmo o xeito de entender a arte. Despréndese, das súas actitudes máis que das súas accións, certo escepticismo sobre os alcances da arte, unha vontade de afastarse das ambiciosas pretensións da arte moderna [...].
Unha das explicacións que atopamos sobre o uso do humor na arte tería que ver directamente coa actitude coa que algúns artistas afrontan o seu traballo, a disposición anímica que empurra ao autor a emprender o acto lúdico-creativo realizando unha identificación arte e vida; vida e xogo. Esa identificación ten como consecuencia que algo tan transcendental como a obra de arte acabe sendo algo tan insignificante como o resultado do xogo do artista. Este posicionamento resúltanos interesante por dous motivos: en primeiro lugar, polo seu carácter subversivo, por non rexerse polos canons de produtividade polos que valoramos o individuo; en segundo lugar, polo seu poder relacional, pola súa grande capacidade para conectar co espectador. Esta actitude relacionada co xogo é a que cremos que máis se identifica coa maioría dos artistas actuais que usan o humor. Nelas, o humor vén do xogo, da diversión de romper as regras facendo o que se supón que non se debe facer, facendo o que parece imposible de facer, e por suposto, con todo o pracer de quen fai unha pequena maldade, tomándoo como un xogo, sen ánimo de provocar [...].
O humor absurdo é un humor moi particular, non provocará a risa nin a gargallada. Cando o espectador se enfronta a unha das obras o máis doado é que sorría e leve as mans á cabeza levado por un sentimento de dúbida e incredulidade, incredulidade ao ver que haxa xente capaz de dedicar tempo e esforzo a labores tan improdutivas como as que relatan as accións da mostra, incredulidade de que o sistema-arte lles apoie e reforce as súas ocorrencias. Non cremos que ninguén as vaia interpretar como unha provocación seria, a carga cómica das accións impídeo, supoñen un atentado contra a razón dende o humor.
Pola nosa banda, o que nos interesou ao reunir esta serie de proxectos é todo aquilo que nos podían desvelar no seu conxunto sobre a condición do artista na actualidade, sobre as transformacións vividas pola imaxe que proxectan e a imaxe do artista que o público logra asimilar. Queriamos indagar nas posibles razóns que os levan a facer proxectos nos que o absurdo e o humor poden máis ca razón práctica. Agora estamos seguros de que nestas accións está o reflexo dunha nova actitude do artista, unha nova forma de enfrontarse á súa creación e de entender arte e vida”.
David Arlandis e Javier Marroquí
[Extractos do texto dos comisarios para o catálogo da exposición]
Comisariado
David Arlandis e Javier Marroquí
En 2002, David Arlandis (Valencia, 1979) e Javier Marroquí (Dolores, Alacante, 1978) forman un equipo de traballo colaborativo aplicado ao campo da produción cultural e centrado na investigación, o comisariado e a crítica. Ese ano comezan coa programación de exposicións, entre as que destacan: Sobre una realidad ineludible. Arte y compromiso en Argentina en MEIAC (Badaxoz) e CAB (Burgos); I Ciclo de Vídeo Internacional ALBIAC 06 (Almería), Empieza el juego en La Casa Encendida (Madrid), Carte Blanche en Le Comissariat (París), Hay algo de revolucionario en todo esto en Sala Parpalló e Centre Cultural la Mercè (Girona), Cine Infinito en Sala la Gallera (Valencia), Art for Fun en Casal Solleric (Palma), Mapping Valencia en MhV (Valencia), Positive Critical Imagination para el Edinburgh Art Festival (Edimburgo), Tragicomedia (Cádiz e Sevilla), e Gabriela Golder. Habitada (Valencia). Actualmente preparan un proxecto de investigación sobre ‘a crise dos coidados’, que se poderá ver en Valencia, Zagreb e Praga.