rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
CURSO CINEMA: ZERKALOS (reflexos fílmicos)

CURSO CINEMA: ZERKALOS (reflexos fílmicos)

Datas: 
20 outubro 2016 - 11 maio 2017
Horario: 
Xoves de 19.30 a 21.00
Lugar: 
Salón de Actos
Prezo: 
190€ (desconto do 20% para membros da Agrupación de Amigos do MARCO e para estudantes, previa acreditación), coa posibilidade de pago fraccionado nos prazos e condicións sinalados na ficha de inscrición.
Organiza: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Docente: José Manuel López, coa colaboración de relatores invitados
Total número sesións: 23
PRAZAS LIMITADAS. Inscrición e matrícula a partir do 15 de setembro

AVANCE / PRESENTACIÓN

“A beleza do cinema está feita de relacións”, escribía Jean Cocteau en 1946, e Robert Bresson parecía responderlle en 1975 cando afirmaba nas súas Notas sobre o cinematógrafo que a creación non consistía en inventar algo novo senón en “establecer relacións novas entre persoas e cousas que existen e tal como existen”.

Seguindo as ideas destes dous mestres, a multiforme historia do cinema podería entenderse como unha vasta rede de correspondencias e filiacións entre películas e cineastas de moi diferentes épocas e xeografías, algunhas evidentes e intencionadas, outras máis leves, case secretas, e outras que só existen na experiencia afectiva do espectador

Quizais o primeiro en exercer este achegamento comparativo e relacional fose Henri Langlois, o director da Cinemateca francesa. Baixo o seu teito, os novos críticos da Nouvelle Vague descubriron aos seus mestres grazas aos impactos dunha programación que ía máis alá de criterios meramente cronolóxicos, porque Langlois cría nunha pedagoxía do cinema baseada na sorpresa e no choque de películas que, en principio, poderían parecer moi afastadas entre si.

Con obxectivos moito máis modestos, esa será tamén a intención deste curso que toma o seu título de O espello (Zerkalo, 1975) de Andrei Tarkovski: pensar a historia do cinema como un espello sen fondo do que as películas serían reflexos e no que conviven imaxes de todo tempo e lugar. Ao longo de vinte e trés sesións faremos “chocar” corenta e seis películas entre si a través dos seus reflexos temáticos, políticos, conceptuais e/ou formais, invitando aos asistentes a unha relectura crítica dalgunhas das historias posibles do cinema pero buscando sempre, como defendía Cocteau, a beleza das súas relacións.