rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Diáspora. 10 artistas galegos no exilio latinoamericano (1930-1970)

Diáspora. 10 artistas galegos no exilio latinoamericano (1930-1970)

Ficha

Datas: 
20 maio 2005 - 11 setembro 2005
Lugar: 
Primeira Planta
Horario: 
Martes a sábado (festivos incluídos), de 11.00 a 21.00. Domingos, de 11.00 a 15.00
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo / Fundación Luis Seoane
Comisariado: 
Carlos López Bernárdez

Obras en exposición

A exposición inclúe un total de 72 obras plásticas (47 pinturas e debuxos, 23 fotografías e 2 esculturas), unha proxección da película Galicia, de Carlos Velo, que se exhibe en continuidade nas salas de exposición, e 4 monitores que reproducen ilustracións de libros de Castelao, Souto e Seoane en formato dixital, e unha entrevista con Carlos Velo. Ademais, a exposición presenta unha mostra bibliográfica composta por 43 documentos. Por outra banda, no Salón de Actos, e co fin de poder amosar a obra completa dun dos participantes, MARCO organiza un ciclo monográfico de cine dedicado ao autor Carlos Velo, durante tres fins de semana consecutivos a partir do 26 de maio.

Itinerancia

  • MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo (do 20 de maio ao 11 de setembro de 2005)
  • Fundación Luis Seoane, A Coruña (do 28 de setembro de 2005 ao 8 de xaneiro de 2006)

 

Síntese do proxecto

Desde a súa data de apertura, unha das liñas de programación do MARCO baséase na produción dunha exposición anual que teña como base un traballo de investigación sobre o pasado recente da creación plástica en Galicia, que fomente as revisións históricas e a recuperación de autores ou movementos artísticos galegos vencellados a linguaxes vangardistas. Este área de reflexión tivo como resultado a mostra inaugural Atlántica, na temporada 2002-2003, e A creación do necesario. Aproximación ao deseño do século XX en Galicia, no 2004. En 2005 o labor de investigación céntrase no estudio das importantes consecuencias da diáspora latinoamericana na produción de dez dos máis importantes artistas galegos do século XX.
 
A historia de Galicia está inevitablemente vencellada ao termo “diáspora”: a saída de galegos cara ao estranxeiro ten sido un contínuum desde finais do século XIX, acelerándose debido ao exilio motivado pola Guerra Civil e rematando coa importante emigración dos anos sesenta. Este goteo de persoas, xa fosen exiliados, refuxiados ou emigrantes, tivo consecuencias inmediatas para a cultura galega, pola saída de persoeiros relevantes das artes e das letras que poderían ter desenvolvido un labor fecundo no país, e efectos secundarios máis a longo prazo, na produción artística dos fillos de galegos nados fóra de Galicia.
 
O obxecto da exposición, a través dun labor de pescuda da cultura galega no exterior nas súas vertentes plástica, literaria e cinematográfica, é aportar novas claves de lectura da historia da arte galega do século XX, amosando datos que permitan reconstruír unha historiografía alternativa ao discurso oficial académico, na que estea presente a transcendencia da diáspora e do exilio, e as súas consecuencias, no desenvolvemento da cultura de Galicia. Alén de teorías de carácter socio-político, inténtase deixar constancia de como a conxuntura política e socioeconómica dunha determinada comunidade afecta de xeito definitorio ao proceso de xénese e conformación da identidade cultural. Hoxe en día non se pode pensar en Galicia sen reflexionar sobre a súa diáspora.
 
A exposición non pretende facer un inventario de todos os artistas galegos que formaron parte ou mantiveron contacto coa cultura galega no exilio, que foron moitos e moi bos (Francisco Vázquez Díaz “Compostela”, Federico Ribas, Xosé Caridad Mateos, Laxeiro, Abreu Bastos, Mario Granell, Mercedes Ruibal ou Leopoldo Novoa, entre outros), senón, por medio do estudo detallado do caso de dez artistas significativos, achegarse a un fenómeno colectivo que nunca foi estudado como tal. Por outra banda, interesa destacar que, se ben os creadores presentes na mostra son sobradamente coñecidos, o efecto da diáspora na súa creación plástica nunca foi analizado cunha visión de conxunto. Ademais, sácanse á luz obras pouco coñecidas ou inéditas dalgúns destes artistas –como Souto ou Colmeiro– que amosan o seu compromiso social en tempos anteriores á República e durante a Guerra Civil. 
 
O reflexo de tres momentos históricos –a preguerra, o conflito e a pegada americana– foron os criterios básicos para a selección das obras da exposición. A través delas, e da documentación bibliográfica, pódense destacar tres grandes eixos temáticos: a vivencia da Guerra; a saudade do país deixado atrás, e, por último, a influencia da nova terra e a ollada destes artistas sobre a realidade americana.
 
En canto á presentación da montaxe, tres grandes capítulos conforman a mostra: por unha banda, a selección de 47 obras de pintura, escultura e fotografía; en segundo lugar, o apartado dedicado á documentación gráfica con 43 documentos (carteis, libros, folletos, e reproducións de libros en formato dixital) que ofrecen información sobre as distintas actividades destes creadores na diáspora, con especial incidencia na relación que se establece entre os artistas plásticos e os creadores literarios. En particular, céntrase no período do exilio, no que moitos dos libros publicados son froito de iniciativas que combinan o traballo de escritores e artistas, que deron como resultado algunha das creacións máis representativas da cultura galega do século XX. Dentro da ampla actividade cultural levada adiante polos exiliados salienta de maneira moi especial a produción literaria bonaerense, onde destacan Luis Seoane e Lorenzo Varela (a quen vai dedicado o Día das Letras Galegas 2005); e por último, o capítulo dedicado á produción de fotografía e cinematografía de autores galegos en América Latina, cos traballos fotográficos de José Suárez, e o ciclo de cine dedicado ao autor Carlos Velo no Salón de Actos.

Artistas

    Ángel Botello
    Arturo Souto
    Carlos Velo
    Castelao
    Eugenio Granell
    Isaac Díaz Pardo
    José Suárez
    Luis Seoane
    Manuel Colmeiro
    Maruja Mallo

Texto curatorial

O proceso de construción dunha arte galega aparece ligado desde o século XIX á formulación dunha idea de reconstrución da identidade colectiva, dunha idea de nación –plasmada segundo o momento histórico so diversas denominacións: provincia, rexión, nación– e nese senso son constantes ao longo deste século e medio as referencias e debates que ligan a visión dunha pintura ou dunha plástica propia ao desenvolvemento cultural en xeral, no que o feito literario e lingüístico tiña un protagonismo singular.

Cómpre termos en conta que a creación do movemento galeguista é chave para entender este proceso –mesmo para os que non estiveren ligados a el– xa que este movemento persegue, en palabras de Xoán González-Millán, seguindo a Jürgen Habermas, “a creación dun espazo público nacional galego” que no caso das artes plásticas está ligado ás tentativas que en materia de proxección da lingua galega se desenvolven en ámbitos como o literario, o teatral ou a investigación sobre os máis variados aspectos da realidade galega, que ten no Seminario de Estudos Galegos –creado en 1923– un sobranceiro expoñente.

Este proceso de conformación e construción dun espazo cultural nacional adquire unha importante aceleración no primeiro terzo do século XX e só se ve freado pola fractura que supuxo a Guerra Civil. Os anos previos ao conflito son tempos nos que asistimos aos máis serios intentos renovadores do panorama plástico: desde a obra e a reflexión sobre as artes de Castelao até o movemento d’Os Novos, o coñecido como Movemento Renovador da Arte Galega (Maside, Souto, Colmeiro, Torres...), pasando polos artistas coruñeses que xiran ao redor da vangardista revista Alfar (Francisco Miguel, Huici). Con eles e complementando o seu labor estarían os intentos de reflexión teórica de intelectuais, como os importantísimos de Rafael Dieste, que fan parte e completan este proceso.

Mentres en Galicia se destrúe todo o tecido cultural creado na preguerra, no resto de España so control da República nótase unha importante presenza de artistas e intelectuais galegos: Castelao, Arturo Souto, Rafael Dieste, Lorenzo Varela... Todos eles colaboran en distintas iniciativas culturais, realizando obras nas que se reflicte a situación política e social do momento, editando e ilustrando publicacións culturais, algunhas especificamente dirixidas aos galegos, entre as que cómpre subliñar a revista Nova Galiza, editada en Barcelona entre abril de 1937 e xullo de 1938, publicación na que achamos ilustracións sobre todo de Castelao, en especial dos seus Álbums de guerra, mais tamén de Manuel Colmeiro; de Arturo Souto, dos Debuxos de guerra ; de Luis Seoane, da súa serie Estampas da traición; e entre os non galegos salienta a presenza de Ramón Gaya.

Nesta etapa destacou o labor gráfico de Castelao, que deu ao prelo os seus coñecidos álbums Galicia Mártir e Atila en Galicia, editados en Valencia no ano 1937, e Milicianos, que sae en Nova York no 38. Outra grande obra plástica de guerra é a de Arturo Souto, que realiza óleos de temática combativa, pero sobre todo traballa no debuxo e no gravado postos ao servizo das publicacións de propaganda de guerra e reproducidos en numerosas revistas.

Rematada a guerra, centos de miles de persoas en Galicia vense na obriga de partir, en particular a América, polo que se crea un importantísimo núcleo intelectual. Os exiliados céntranse sobre todo nos lugares de tradicional emigración, principalmente na Arxentina, Uruguai e México, aínda que os hai espallados por todo o continente.

Un núcleo fundamental é o asentado na Arxentina onde salientan as figuras de Castelao e Luis Seoane. Alí se crea en 1944 o “Consello de Galicia”. Entre os exiliados galegos están pintores e escritores como Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Maruja Mallo, Manuel Colmeiro, Castelao, Luis Seoane, Arturo Cuadrado, etc. aos que se sumarán anos despois artistas como Laxeiro ou Isaac Díaz Pardo.

Outro grande foco do exilio galego é México, onde salienta o labor de Luís Soto, ou figuras como a do cineasta Carlos Velo ou o pintor Arturo Souto. Outros núcleos do exilio galego son os Estados Unidos e o Caribe, onde achamos a pintores como Eugenio Granell ou Ángel Botello.

Comisariado

Carlos López Bernárdez

Carlos López Bernárdez é Licenciado en Historia, sección Historia da Arte, exercendo de profesor de Lingua e Literatura Galegas. Ten numerosos títulos publicados dedicados ás vangardas galegas, así como varias edicións críticas e traducións de libros. Na actualidade é vicepresidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega e membro do Consello de Redacción das revistas Ensaio, Revista de teatro de Galicia e norte de Portugal, e Contemporánea, a revista da Asociación de Escritores en Lingua Galega.