rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Documentos. A memoria do futuro

Documentos. A memoria do futuro

Ficha

Datas: 
30 marzo 2007 - 24 xuño 2007
Lugar: 
Primeiro andar
Horario: 
martes a sábados (festivos incluídos) de 11.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 15.00
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo / Koldo Mitxelena Kulturunea
Comisariado: 
Rosa Olivares

Obras en exposición

A exposición reúne un total de 78 obras, entre fotografías (Bleda y Rosa, Luc Delahaye, Jacques Fournel, Sebastián Friedman, Brian Mckee, Alec Soth), vídeos (Juan Manuel Echavarría), impresións dixitais (The Atlas Group/Walid Raad), e unha instalación de Ann-Sofi Sidén.

Itinerancia

  • Koldo Mitxelena Kulturenea, San Sebastián (25 xaneiro - 17 marzo 2007)

  • MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo (30 marzo - 24 xuño 2007)

Síntese do proxecto

Partindo do auxe e da importancia cada vez maior da fotografía documental dentro da arte actual, a exposición ‘DOCUMENTOS. A memoria do futuro’ analiza diferentes xeitos de recrear e construír a realidade contemporánea. A mostra, coproducida entre o Koldo Mitxelera Kuturunea de San Sebastián e o MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, reúne a nove artistas que demostran unha forza creativa indubidable e unha presenza protagonista na escena artística internacional.

Son nove formas de traballar a imaxe fotográfica dende perspectivas, intencións e planeamentos moi diferentes, pero todos eles nos falan da complexa relación entre arte e documento, e se sitúan dentro de parámetros documentais, non no sentido da reportaxe xornalística, senón no da recreación subxectiva dunha situación concreta. As formas nas que estes nove artistas afrontan o seu presente son diversas, pero lles une a necesidade de deixar constancia dun feito e dun momento determinados, en ocasións non dende a testemuña directa senón dende a reconstrución dunha historia contada e recuperada a través doutros documentos escritos e de relatos orais.

Así, Juan Manuel Echavarría recolle unha tradición oral na voz e nos cantos de seres anónimos testemuñas da traxedia. No seu vídeo Bocas de Cinza préstalle os seus oídos e a súa capacidade de difundir a súa dor ás vítimas superviventes das matanzas que tiveron lugar en Colombia. Esta obra supón un achegamento íntimo e persoal do artista, que nos obriga a implicarnos nunha historia universal de dor e inxustiza. Tamén Ann-Sofi Sidén reconstrúe unha historia do pasado, pero neste caso sen testemuñas directas. Trátase dunha historia reconstruída e escenificada na que cataloga tipoloxías de delitos que historicamente só se atribúen a mulleres, tales como a bruxería, a prostitución, ou o aborto. Delitos de muller que exemplifica en casos singulares da historia do seu país, e que escenifica en branco e negro nunhas imaxes que son como ilustracións, acompañadas de textos explicativos de cada caso; historias legais de xuízos e condenas que se perden nunha memoria que mestura a realidade e o mito.

Luc Delahaye traballa nun sentido inverso, e produce memorables documentos, monumentais frescos históricos, duns feitos non tanto inéditos como inmediatos. Neste caso o artista é a testemuña e cóntanos tal e como os viu, dun xeito directo. Dominando as técnicas do fotoxornalismo, a iluminación dos grandes espazos e esa capacidade de traballar “en directo” e en tempo real, Delahaye constrúe unhas obras de grande formato que son herdeiras directas da pintura de historia.

Pero non é só o transcendente, senón tamén a vida mesma, o particular e o anecdótico, o que define a nosa sociedade actual. A través dun percorrido por lugares que son iconas do tour operator, Jacques Fournel ofrece unha visión irónica sobre o turismo, o lecer e a devoción das masas de clase media, dunha burguesía internacional que invade costas arredadas, paraísos perdidos, coa mesma indiferenza que aeroportos e monumentos míticos.
 
Alec Soth cóntanos algo tamén aparentemente banal que a través da visión do artista se converte nun documento social: a historia de Niagara Falls, un pequeno pobo turístico en Canadá que é unha especie de versión rústica de Las Vegas. Lugar mítico das viaxes de Lúa de Mel, e sinónimo de voda e de felicidade eterna en toda a contorna norteamericana. Soth constrúe unha historia con anacos reais —o traxe de noiva, as cartas de amor, os hoteis para os que acaban de  casar, etc.— pero é o espectador quen enche os intersticios entre as imaxes, e a visualización desas ‘ferramentas’ da felicidade fálanos irremediablemente de separacións, de infelicidade, e se cadra da imposibilidade do amor eterno.

Sebastián Friedman fainos pensar nas relacións persoais que se presentan nun mundo laboral tan estrito e restrinxido como é o traballo doméstico na contorna familiar. A serie Familia e doméstica ofrécenos imaxes en forma de díptico: nun lado a familia contratante coa muller de servizo; noutro a criada no seu propio contorno familiar. Un documento intimista e aparentemente amable sobre a problemática social e laboral do servizo doméstico, que arrastra outros moitos aspectos de orde moral, dende o trato feudal, ata a irreconciliable situación de levar ao terreo familiar unha relación puramente laboral.

A parella formada por María Bleda e José María Rosa céntrase na documentación de lugares como espazos ocupados pola memoria e pola historia do home e da civilización. No seu proxecto Origen, abordan un motivo de investigación permanente na sociedade científica actual: a busca das pegadas dos primeiros homes sobre a terra, a guerra de datas e lugares nos que en cada momento concreto os científicos teñen datado ao primeiro home, cada vez nun lugar diferente do mundo, cada vez uns milleiros de anos máis atrás.

A Guerra é o tema preferido de calquera documentalista, se cadra soamente superado polos desastres naturais ou producidos polo home, pero hai moitas formas de poñela en imaxes. Brian McKee percorreu Afganistán despois da destrución, pasou por palacios cuns salóns de refinamento inigualable e exótica decoración, e nos amosa friamente o que quedou, cal é o rastro da destrución cando xa non hai cadáveres nin fume; como a historia dunha civilización se transforma, as súas riquezas convértense en po e as súas costumes esquécense. Fálanos da violencia da intrusión salvaxe que a guerra produce nunha cultura, nunha civilización da que o ocupante descoñece todo e non respecta en absoluto.

Dende unha perspectiva moi diferente opera The Atlas Group, grupo de investigación artística fundado polo artista e profesor Walid Raad, que tenta reconstruír unha imaxe do Líbano a partir da destrución, recuperando dos escombros dos bombardeos e a guerra unha produción artística que nas súas mans se converte inevitablemente en documento. My Neck is Thinner than a Hair, un arquivo de imaxes dos 245 coches-bomba estoupados en Beirut, coa súa documentación gráfica e textual, é sen dúbida un documento en estado puro, aínda que mantén as características de reagrupamento de materiais, de selección e de posta en escena que definen a creación idealizada dunha realidade demostrada.

Artistas

    Alec Soth
    Ann-Sofi Sidén
    Bleda y Rosa
    Brian Mckee
    Jacques Fournel
    Juan Manuel Echavarría
    Luc Delahaye
    Sebastián Friedman
    The Atlas Group/Walid Raad

Texto curatorial

“A arte constrúese e desenvólvese, como as escavacións e estudos arqueolóxicos, en capas. Pero ao revés ca nunha escavación, a teoría artística faise xustapoñendo unhas ideas a outras, e enriba destas colocarase outra capa, outro estrato, outras ideas doutro momento histórico e cultural. Inevitablemente, unhas épocas recuperarán non as inmediatamente anteriores, aínda que sexa dos seus coñecementos de onde partan, senón outras máis afastadas, posiblemente esquecidas, refutadas incluso. Pero se valorarán e servirán para asentar novos planeamentos que, á larga non resultarán tan novos. Porque sinxelamente case nada hai no mundo que poida ser considerado novo, agás nas súas formas, na súa presentación, na súa promoción. En calquera caso, a evolución do pensamento e da cultura tennos ensinado a grande lección da relatividade, esa aceptación de que o que un demostrou pode impugnalo e que, non obstante, ninguén sae prexudicado, ninguén está errado. Se cadra todo dependa soamente do momento histórico, do lugar cultural dende onde se faga a aseveración.

As artes plásticas, agora renomeadas como artes visuais, téñense considerado sempre como un territorio alleo á documentación, malia que a historia bote man da arte para ilustrar os seus fitos máis salientables, para poñer rostros, ás veces varios a un mesmo personaxe, aos seus protagonistas. Os artistas que conforman ‘DOCUMENTOS. A memoria do futuro’ (Alec Soth, Juan Manuel Echavarría, Jacques Fournel, Sebastián Friedman, Walid Raad, Bleda y Rosa, Luc Delahaye, Brian McKee e Ann-Sofí Sidén) poñen rostro ao home anónimo, dan datos de todos nós.

As obras presentes nesta exposición son documentos, restos dunha civilización, dunha etapa histórica dispar, que nos falan do colectivo e do particular, de aspectos de sociedades opulentas e descridas, de morte e de dor, de asasinatos estúpidos e crueis, e tamén da violencia oficial, da guerra e do seu presente e do seu pasado. E tamén do noso futuro. Son anacos de nós mesmos, dese mundo que construímos e destruímos, anacos de imaxes que conforman un mosaico que, se cadra, algún arqueólogo do futuro teña que reconstruír descubrindo así unha xente parecida a nós. Todo o que facemos deixa tras de si unha pegada, unha memoria que os artistas recollen e constrúen, transforman para deixar mensaxes en botellas grandes e pequenas que algún día poden servir para contar as nosas dores e os nosos soños, pero tamén o noso fracaso. Estes documentos construirán a nosa memoria no futuro. Coa arte de hoxe, e moi especialmente coa fotografía e co vídeo estamos deixando catalogados os nosos restos do mañá para que así, aínda que sexa tarde, algo do que fixemos teña algún sentido para alguén. Cando todo teña pasado e posiblemente xa nada importe”.


Rosa Olivares
Comisaria da exposición

Comisariado

Rosa Olivares

Editora, escritora, periodista, crítica de arte e comisaria independente, Rosa Olivares (Madrid, 1955) é dende o ano 2000 editora e directora de EXIT Imagen & Cultura, publicación trimestral dedicada á imaxe fotográfica na arte contemporánea. En decembro de 2002 comezou a editar Exit BOOK, revista sobre cultura visual e publicacións artísticas contemporáneas, e dende febreiro de 2004 Exit EXPRESS, periódico mensual de información e debate sobre arte actual. En 1982 foi cofundadora de LÁPIZ. Revista de Arte Internacional, da que foi redactora xefe, para ocupar posteriormente os cargos de subdirectora e directora ata 1999.

Como comisaria independente organizou diferentes exposicións, especialmente no eido da fotografía contemporánea, entre as que salientan ‘Einsamkeit, un sentimiento alemán’ (Fundació La Caixa, Madrid e Barcelona, 1992); ‘Entre la Pasión y el Silencio, nueva imagen de la fotografía española’ (25º Aniversario Encuentros Internacionales de Arlés, Francia; Fototeca de La Habana; Palacio de Revillagigedo, Asturias, 1994); ‘Mujeres: 10 Fotógrafas/50 Retratos’ (Fundación Telefónica, Madrid, 1994); ‘Los géneros de la pintura. Fotografía contemporánea y su relación con la pintura’ (Museo de Arte Contemporáneo de Madrid; CAAM de Canarias; Museo de Bellas Artes de Sevilla, 1995); ‘Diálogos: Andrés Serrano/Leonel Moura’ (MEIAC, Badaxoz, 1996); ‘La Imagen del Poder: 100 años de retratos de políticos españoles’ (Fundación Telefónica, Madrid, 1998; Instituto Cervantes, Roma e Munich, 2000; Milán, 2001); ‘El Enigma de lo Cotidiano’ (Casa de América, Madrid, 2000); ‘Miradas impúdicas’, (Fundació La Caixa, Barcelona, 2000); 2004 ‘Axel Hütte: Terra Incognita’ (Palacio de Velázquez-MNCARS, Madrid, 2004) e ‘Rafael Navarro: Cuerpos iluminados’ (Lonja de Zaragoza e MEIAC de Badaxoz, 2006).

Rosa Olivares foi tamén organizadora e participante en ciclos, seminarios e encontros sobre arte en diversas universidades e entidades culturais de España, Alemaña, Italia, Arxentina, Brasil, México, Colombia e Portugal, e autora de textos para numerosos libros e catálogos de exposicións en espazos de arte e museos de todo o mundo.