rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina

Espellos/Mirrors

Ficha

Datas: 
2 outubro 2009 - 17 xaneiro 2010
Lugar: 
Primeiro andar
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 15.00
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Gyonata Bonvicini

No ano 2006 convocouse a primeira edición do Premio MARCO para Novos Comisarios, unha iniciativa da Fundación MARCO para apoiar o labor e potenciar a formación de novos profesionais no ámbito do comisariado e xestión de exposicións. O obxecto da convocatoria, con vocación de continuidade, é a realización dun proxecto expositivo destinado ás salas do primeiro andar. 'ESPELLOS/MIRRORS' foi o proxecto gañador da 2ª edición deste premio, de acordo coa decisión dun xurado integrado por: Jürgen Bock, María de Corral López-Dóriga, Alberto Ruiz de Samaniego, Teresa Velázquez Cortés e Iñaki Martínez Antelo.

CATÁLOGO

Con motivo desta mostra, o MARCO de Vigo edita un catálogo trilingüe (galego-castelán-inglés) que inclúe un texto do comisario, Gyonata Bonvicini, biografías dos artistas, información e imaxes das obras en exposición.

INFORMACIÓN E VISITAS

O persoal de salas está a disposición dos visitantes para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:

· Todos os días ás 18.00

· Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita no tel. 986 113900

Síntese do proxecto

A exposición 'ESPELLOS/MIRRORS', comisariada polo italiano Gyonata Bonvicini, é o resultado da 2ª convocatoria do Premio MARCO para Novos Comisarios, na que foi seleccionada como proxecto gañador. Precisamente, a posta en marcha desta exposición ten lugar cando aínda permanece aberta a nova convocatoria deste Premio, ata o 30 de outubro de 2009, que nesta edición está convocado conxuntamente por MARCO e FRAC Lorraine, Francia. Dende o punto de vista dunha institución como o MARCO, o obxectivo do premio é fomentar o traballo e a presentación de propostas por parte de novos comisarios, a quen se ofrece a oportunidade de desenvolver os seus proxectos nun centro museístico. En contrapartida, os candidatos deben presentar proxectos de exposicións colectivas, que consideren a participación de dous ou máis artistas, e que atendan á creación artística contemporánea.

 'ESPELLOS/MIRRORS' reúne obras experimentais de once artistas que teñen en común a súa actitude ante as imaxes. Partindo da capacidade dos espellos para descompoñer o tempo e o espazo, este proxecto expositivo presenta obras en diversos soportes —fotografías, vídeos, instalacións, colaxes, esculturas, instalacións de son, performances— que tratan temas como a repetición, o reflexo das imaxes, e a reapropiación da cultura. O proxecto tivo moi en conta as peculiaridades do espazo expositivo e os modos en que se define a nosa realidade física: así como o espello fai uso das propiedades e da forma dunha superficie, o seu contido é, sempre e inevitablemente, cambiante.

 A idea do espello e as súas complexas capas teóricas e visuais permite a existencia dun contexto concreto dobremente funcional: por unha parte, fortalecer a presenza semiautónoma de obras individuais e, por outra parte, permitir ao espectador que experimente as obras mediante as relacións que estas manteñen entre si e dentro do marco conceptual da exposición. Tomando como referencia o propio espazo do museo —un modelo panóptico radial que se pode observar de distintas maneiras e dende varios puntos de vista— a arquitectura da exposición presenta unha visión de conxunto, pero ten en conta as visións illadas, creando así certo número de conexións particulares entre obras e artistas. A montaxe non se estrutura en seccións diferenciadas, pero existen puntos de partida para o desenvolvemento de ‘grupos’ flexibles, que á súa vez conteñen alusións aos demais.

 Micol Assaël e Maya Deren, tan distantes xeracionalmente, comparten unha actitude similar fronte á repetición e a obsesión, xogando coa idea dunha dimensión paralela oculta tras un limiar ilusorio, e aumentando a eterna tensión entre ilusión e significado. Dan Graham explora a relación ente xente e arquitectura, así como os efectos psicolóxicos das superficies transparentes e reflectantes, e Falke Pisano, artista e escritora, examina o modo en que as estruturas, os materiais e as cores determinan o comportamento humano. Ryan Gander utiliza as experiencias cotiás e a conciencia colectiva como materia prima para os seus proxectos, mentres Giuseppe Gabellone recrea fenómenos formais e intervén neles como forma de investigar a percepción. Isa Genzken e Oscar Tuazon revelan unha postura similar no desenvolvemento das súas obras, cunha interpretación construtiva de obxectos desbotados, e incorporando o propio proceso de transformación na obra. As superficies reflectantes son unha constante na complexa linguaxe visual de Hreinn Fridfinnsson, que se enfronta á peculiaridade do espazo circundante, ao igual que os monocromos perfectos e pulidos nalgunhas das obras de Kitty Kraus. Pola súa banda, Susan Philipsz, coñecida sobre todo polas súas obras de son, contribúe á exposición cunha interpretación de Long Gone, a elexíaca canción de Syd Barret, mediante dous altofalantes situados na fachada do museo.

 

O título da exposición está inspirado en ‘Espello, espelliño’, un episodio da clásica serie de ciencia ficción Star Trek, que presenta a realidade alternativa ou universo paralelo coñecido como ‘Universo Espello’, e na que a expansión dos escenarios narrativos crea unha serie de pasadizos labirínticos que obrigan o espectador a poñer o caos en orde mediante a súa propia interpretación.

En palabras do comisario, “Argumentouse a miúdo que a arte se ocupa da duplicación da realidade. Hai unha grande transcendencia nas lendas antigas que relatan como a rima naceu do eco, e o debuxo, dunha sombra perfilada. Non obstante, a función máxica de obxectos como os espellos —que crean un mundo similar ao reflectido pero que segue sen ser o mesmo, un mundo ‘como se’— é tan significativa para a propia conciencia da arte como tal, como as metáforas de reflexión e a imaxe especular”.

Artistas

A mostra colectiva ESPELLOS/MIRRORS reúne un total de 30 obras en distintos soportes —fotografía, vídeo, instalación, colaxe, escultura, instalación de son, performance— de 11 artistas de distintas xeracións e procedencias, que tratan temas como a repetición, o reflexo das imaxes, e a reapropiación.

Micol Assaël (1979, Roma, Italia. Vive e traballa entre Roma e Moscú, Rusia)
Maya Deren (Kiev, Ucraína, 1908 – Nova York, USA, 1961)
Hreinn Fridfinnsson (Baer Dölum, Islandia, 1943. Vive e traballa en Ámsterdam, Holanda)
Giuseppe Gabellone (1973, Brindisi, Italia. Vive e traballa en París, Francia)
Ryan Gander (Chester, Reino Unido, 1976. Vive e traballa en Londres, Reino Unido)
Isa Genzken (Bad Oldesloe, Alemaña, 1948. Vive e traballa en Berlin, Alemaña)
Dan Graham (Urbana, Illinois, USA, 1941. Vive e traballa en Dusseldorf, Alemaña)
Kitty Kraus (1976, Heidelberg, Alemaña. Vive e traballa en Berlín, Alemaña)
Susan Philipsz (Glasgow, Reino Unido, 1965. Vive e traballa entre Belfast e Berlín, Alemaña)
Falke Pisano (Ámsterdam, Holanda, 1978. Vive e traballa en Ámsterdam)
Oscar Tuazon (1975, Seattle, Washington, USA. Vive e traballa entre París e Tacoma, USA) 

Texto curatorial

 “Considérase a miúdo que os espellos, xunto co labirinto, simbolizan o infinito, a suplantación e a ilusión. Por medio do espello, o espectador só recolle un reflexo doutro espazo e outro tempo, un reflexo que difire do seu punto de referencia ‘presente’. Dende o poder da habilidade do espello por trastornar o espazo e o tempo, este proxecto pretende combinar distintos medios que se centren na repetición, o reflexo e a reapropiación do material cultural.

Ao enfrontarse á peculiaridade do espazo e á exploración das maneiras de definir a realidade física, a exposición aúna a obra radical e experimental de once artistas internacionais. Todos eles comparten un interese por observar as múltiples expresións do ensalzamiento, o esplendor e a decadencia de cadros, figuras, ideas, actitudes e direccións que desembocan en novos materiais e en novas limitacións. Do mesmo xeito que un espello recorre ás propiedades e á forma dunha superficie e, por tanto, en termos concretos ofrece un contido que experimentará necesariamente cambios constantes, así tamén se poderían describir as actitudes destes artistas cara ás imaxes.

No desenvolvemento das súas obras, a superficie do mundo circundante está sempre presente no tema, tanto en forma como en contido: desenvolven as súas obras a partir de materiais obtidos con facilidade para o ‘deseño’ (como metal, madeira e son) e técnicas fotográficas e pictóricas ‘clásicas’, así como o material visual da historia e a realidade en si mesmas. Deste xeito, achéganse estratexias de apropiación de elementos formais e visuais da realidade.

A práctica do artista do extraordinario aumenta as eternas tensións entre ilusión e significado, así como os desexos enfrontados de fragmentación, dispersión e estabilidade. Poderíase caracterizar a actitude artística como unha interpretación construtiva de obxectos de refugallo, que transforma o vello en novo incorporando ademais o propio proceso de transformación na obra. Este proxecto pretende mostrar de que maneira as referencias históricas e políticas revelan unha realidade moito máis complexa cá que se manifesta de maneira explícita ao espectador”.

Gyonata Bonvicini
Comisario da exposición

Comisariado

Gyonata Bonvicini

Gyonata Bonvicini naceu en 1972 en Codogno, Milán, e actualmente vive e traballa en Berlín. Está en posesión do doutoramento en Historia da Arte Contemporánea pola Universidade de Parma e pasou os últimos dez anos traballando con institucións artísticas europeas públicas e privadas. Foi director de Westlondonprojects, así como director de proxectos de Artprojx, vinculado á posta en marcha e execución de programas de exposicións, á actualización de información sobre tendencias artísticas contemporáneas, e á produción de catálogos e publicacións. Como comisario independente ten comisariado un grande número de exposicións e proxeccións, como La petite histoire en Kunstraum Niederösterreich (Viena, 2008), Evil Sisters en Canal at Peer (Londres, 2007), The Endless Summer en Westlondonprojects (Londres, 2006), Three Cities: Berlin, Milan, London (xunto con Anna-Catharina Gebbers e Paolo Zani, 2006), Le Retour de la Colonne Durutti en Galerie Isabella Bortolozzi (Berlín, 2006), Jaybird en Zero… (Milán, 2005), e Illusion of Security, un proxecto para a 1ª Bienal de Praga, entre outros proxectos. Dende 2002, é colaborador habitual para as publicacións Flash Art Magazine e Aroundphotography