rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina

FESTA DIM. Día Internacional do Museo

Datas: 
16 maio 2014 - 18 maio 2014
Horario: 
venres, sábado e domingo de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00
Prezo: 
ENTRADA LIBRE E GRATUÍTA


Como cada ano dende 1977, o ICOM (Consello Internacional de Museos) invita aos museos do mundo enteiro a celebrar o Día Internacional do Museo, creado para promover o interese xeral pola xestión e as actividades dos museos e centros de arte. O lema para o DIM 2014 é ‘Os vínculos creados polas coleccións dos museos’, que pretende renovar os métodos tradicionais de participación que implementaron os museos para manter vivo o interese do público. Os museos enfróntanse constantemente a cambios que os obligan a reformular o seu compromiso tradicional e atopar novas formas de accesibilidade e comunicación, no seu papel de relatores do patrimonio cultural e da memoria colectiva dunha comunidade.

O MARCO súmase a esta celebración e ofrece unha programación especial na fin de semana do 16 ao 18 de maio, con actividades para públicos de todas as idades, e amplía o seu horario coa apertura de salas o domingo pola tarde.

As actividades programadas están relacionadas coas dúas exposicións que actualmente se exhiben en salas, e que están a poucas semanas da súa clausura. Será, pois, unha das últimas oportunidades para visitar as mostras ‘VERANEANTES’ —ata o 8 de xuño na planta baixa— e ‘HISTORIA, MIRADAS DE ARTISTAS’ —ata o 25 de maio no primeiro andar.

PROGRAMACIÓN E ACTIVIDADES


'Historia, miradas de artistas. Diálogo sonoro entre obras'
Obradoiro Vocal ‘A Vila’ (Ponteareas)

O coro Obradoiro Vocal ‘A Vila’, dirixido por Alberto Abal, ofrece ao público unha serie de pezas musicais en diálogo coas obras da exposición ‘HISTORIA, MIRADAS DE ARTISTAS’. No seu percorrido por salas, acompañados por un narrador e por un piano, interpretarán pezas relacionadas dalgunha maneira (pola súa cronoloxía, autoría, orixe, procedencia, contidos) coas fotografías que integran a mostra. A actuación do coro será presentada por Daniela Sarraíno, presidente da Agrupación de Amigos do MARCO, salientando a especial significación do Día Internacional do Museo neste contexto.

• Lugar: salas de exposición do 1º andar

• Horario: venres ás 20.00

• Organiza: Agrupación de Amigos do MARCO, en colaboración co Obradoiro Vocal ‘A Vila’

• Narrador: Eufrasio Lucena Muñoz

• Piano: Cristian do Campo

Proxección do filme Arraianos, de Eloy Enciso
Ciclo ‘Material Memoria’, exposición VERANEANTES

Neste retrato do realizador Eloy Enciso sobre un pequeno pobo perdido nos bosques entre Galicia e Portugal, momentos de ficción conviven co cotián dos seus habitantes, os arraianos, agora actores que representan a súa propia vida. Realidade, mitos e soños fúndense neste filme libremente inspirado na obra O bosque, do dramaturgo Jenaro Marinhas del Valle. Unha película sobre o tempo, a memoria e a musicalidade da palabra.

• Eloy Enciso. Arraianos

• España / 2012 / 70 min / cor

• Lugar: Patio 1

• Horario: venres e sábado, ás 19.00

‘O tren do DIM’
Obradoiros infantís para público familiar

Nenos/as a partir de 3 anos sós ou acompañados de persoas adultas

O círculo é unha forma básica presente en centos de obxectos cotiáns, e tamén nas obras da exposición ‘Veraneantes’. A partir desta figura xeométrica, e coa axuda de actividades introdutorias como contacontos, proxección de imaxes e presentación de materiais, os participantes irán construíndo un tren no que cada vagón será unha elección persoal, e ao mesmo tempo parte dun proxecto colectivo: un tren en marcha que é a suma de moitas individualidades.

• Lugar: Laboratorio das Artes

• Horario: sábado e domingo, de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 20.00

‘Pasen e escoiten, pasen e lean’
Lecturas de textos en salas por parte de persoal voluntario da OMV

Dentro das iniciativas da Oficina Municipal de Voluntariado do Concello de Vigo, está a lectura de textos literarios en voz alta e en lugares públicos, como actividade de animación sociocultural. O sábado 17, coincidindo co Día das Letras Galegas, voluntarios da OMV súmanse á celebración do DIM no MARCO, con lecturas de textos de autores/as galegos/as (Xosé Mª Díaz Castro, Celso Emilio Ferreiro, Rosalía de Castro, Luz Pozo Garza, Lois Pereiro, María Mariño…) nas salas de exposición e lugares de tránsito de visitantes.

• Lugar: salas de exposición

• Horario: sábado entre as 17.00 e as 19.00

• Organiza: Agrupación de Amigos do MARCO, en colaboración coa OMV Oficina Municipal de Voluntariado, Concello de Vigo

Miguel Prado
‘Unha muller cunha meixela vendada’

Miguel Prado, artista participante na exposición ‘VERANEANTES’, presenta unha peza electroacústica de nova produción, que consiste na transformación dunha audio-performance da peza teatral do mesmo nome, de Maximo Gorki, que no seu momento inspirou o título da exposición.

• Lugar: salón de actos

• Horario: sábado ás 20.00

‘Música en salas’
Concertos a cargo de alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Vigo

Con ocasión da Festa DIM, e en liña co obxectivo de ampliar as súas actividades a outros espazos culturais da cidade, o Conservatorio Profesional de Música de Vigo colabora novamente co MARCO ofrecendo actuacións do seu alumnado nas salas do Museo.

• Horario: sábado ás 13.00; domingo ás 19.00

• Lugar: rotonda central (panóptico), planta baixa

• Organiza: Conservatorio Profesional de Música de Vigo, en colaboración co MARCO

Programa e intérpretes

SÁBADO 17 maio, ás 13.00 (duración 30 min)

Juan Arca Figueroa (guitarra)

Fantasía que contrahaze la harpa en la manera de Ludovico - Alonso Mudarra
Fantasía P.6 - John Dowland
Fantasía - Silvius Leopold Weiss
Preludio BWV 997 - J. S. Bach
Julia Florida (Barcarola) - Agustín Barrios ‘Mangoré’
Preludio nº 3 - Heitor Villa-Lobos
Ojos brujos - Leo Brouwer

Juan Arca Figueroa (guitarra) e Irene Parada (frauta)

Serenata para frauta e guitarra - Mauro Giuliani

DOMINGO 18 maio, ás 19.00 (duración 30 min)

Sergio Sotelo (clarinete)

Sonata para Clarinete solo - Tiberio Olah

Germán Rodríguez de la Vega (violonchelo) e Sergio Sotelo (clarinete)

Charisma - Iannis Xenakis

Jaime Alonso (saxofón) e Juan Álvarez (clarinete)

Blur - Lansing Mcloskey

‘O MARCO por dentro’

Visitas guiadas ás exposicións ‘VERANEANTES’ (na planta baixa) e ‘HISTORIA, MIRADAS DE ARTISTAS’ (no primeiro andar), a poucas semanas da súa clausura.

• Lugar: salas de exposición

• Horario: venres, sábado e domingo ás 12.30, 17.30 e 19.30

 

Descarga: