
“Fogar, o meu fogar”. Visita guiada con RUTH LODEIRO (Sala Apos'trophe)
O mércores 21 de xuño ás 19.00, convidámosvos a unha visita á exposición “Fogar, o meu fogar” na sala Apos'trophe (Centro Comercial Praza Elíptica), guiada pola propia autora, Ruth Lodeiro.
Nestes últimos anos a artista traballou na iconografía do fogar como revelador social; en especial, dos males sociais, partindo da icona clásica da casa, recoñecible case en todas as culturas, e usándoa como sinécdoque de fogar. As representacións non se refiren só ao concreto como habitáculo, senón tamén ás ideas predeterminadas das sociedades e culturas, fundamentalmente á occidental, que acaban reflectindo e moldeando as estruturas polas que se rexe e organiza o fogar.