rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Francisco Mantecón. Sen título, 1990. Mixta sobre papel 75 x 105 cm. Colección particular
Francisco Mantecón. Sen título, 1984. Lapis sobre papel. Colección da familia
Francisco Mantecón. Sen título, 1984. Mixta sobre lenzo. Colección da familia
Francisco Mantecón. Sen título, 1981. Grafito sobre tea. Colección particular
Francisco Mantecón. Sen título, 1998 Mixta sobre tea. Colección da familia
Francisco Mantecón. Sen título, 1986. Acrílico sobre tea. Colección da familia
Francisco Mantecón. Sen título, 1990. Acrílico sobre tea. Colección da familia
Francisco Mantecón. Sen título, 1986. Mixta sobre tea.Colección da familia
Francisco Mantecón. Sen título, 1981. Colaxe sobre papel. Colección particular
Francisco Mantecón. Sen título, 1987. Mixta sobre tea. ABANCA Colección de Arte
Francisco Mantecón. Sen título, 1987 Mixta sobre tea. Colección CGAC, Santiago de Compostela
Francisco Mantecón. Sen título, 1988. Mixta sobre lenzo. Colección de Arte Contemporáneo Español Gas Natural Fenosa

FRANCISCO MANTECÓN. Paixón e cálculo

Ficha

Datas: 
23 xaneiro 2015 - 31 maio 2015
Lugar: 
Salas de exposición da planta baixa
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 y de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo / Fundación Luis Seoane, A Coruña
Comisariado: 
Ángel Cerviño e Alberto González Alegre


Baixo o título ‘Paixón e cálculo’, este proxecto expositivo, coproducido polo MARCO de Vigo e a Fundación Luis Seoane e comisariado por Ángel Cerviño e Alberto González-Alegre, preséntase como revisión dunha parte da traxectoria do artista e deseñador Francisco Mantecón (Vigo, 1948–2001). A selección de obras centra a súa atención nas series de pinturas da súa etapa de madurez, coincidente coas décadas dos oitenta e noventa.

ITINERANCIA

Unha vez clausurada en Vigo, a mostra viaxará á Fundación Luis Seoane (A Coruña), que coproduce a mostra, onde poderá visitarse a partir do mes de xuño de 2015. 

PUBLICACIÓN 


Francisco Mantecón. Paixón e cálculo
Vigo, Editorial Galaxia, 2015

O proxecto ‘Francisco Mantecón. Paixón e cálculo’ concibiuse como una dobre vía, expositiva e editorial. Así pois, co gallo desta mostra, a Editorial Galaxia —de quen Mantecón foi colaborador histórico— publica un libro do mesmo título, con textos de varios autores —Francisco Sampedro, Antonio Doñate & X. Carlos Hidalgo, Manolo Figueras, Vítor Mejuto, Roque Lazcano Vázquez, Mar Vicente, Manolo Moldes, ademais dos comisarios da exposición, e directores do MARCO e Fundación Luis Seoane— sobre a figura e traxectoria de Mantecón, imaxes das súas obras, e unha selección de citas do artista extraídas de entrevistas en prensa entre os anos 1976 e 1994.

INFORMACIÓN XERAL / ACTIVIDADES PARALELAS

 

EXPOSICIÓN BIBLIOGRÁFICA E DIXITAL
Doazón da Biblioteca de Francisco Mantecón
Mostra bibliográfica con selección de publicacións da biblioteca de Francisco Mantecón.

  • Datas: do 23 de xaneiro ao 31 de maio 2015
  • Lugar: Biblioteca-Centro de documentación (1º andar)
  • Horario: de martes a venres de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 (agás festivos)

Os fondos bibliográficos desta mostra son produto dunha doazón realizada en 2011 pola viúva do artista, Pilar Barreiro Mosquera, á Biblioteca-Centro de documentación do MARCO. Para esta exposición bibliográfica realizouse unha nova e coidada selección dos fondos máis destacados da biblioteca de Francisco Mantecón, incluíndo exemplares xa descatalogados, libros sobre teoría social da arte, e publicacións específicas sobre deseño gráfico e arte abstracta. Grazas ao labor de catalogación e arquivo, todos os fondos que conforman esta biblioteca están a disposición dos usuarios na Biblioteca-Centro de documentación. Por outro lado, co fin de afondar na obra de Mantecón, engadiuse un informe sobre a presenza do artista no mundo dixital, biografía, e catálogos relacionados procedentes da Biblioteca-Centro de Documentación. A devandita información está dispoñible na propia Biblioteca ou a través da sección correspondente na web www.marcovigo.com.

VISITAS E OBRADOIROS PARA ESCOLARES E FAMILIAS
Actividade complementaria da exposición ‘FRANCISCO MANTECÓN. Paixón e cálculo’

Durante os vindeiros meses, a programación educativa do MARCO xira en torno á exposición de Mantecón, mediante obradoiros e actividades relacionadas coas obras presentes na mostra.

  • Visitas e obradoiros para escolares: de martes a venres de 11.00 a 13.30, previa cita no tel. 986 113904/00
  • Obradoiros para familias (público infantil a partir de 3 anos): sábados e domingos de 12.00 a 14.00

INFORMACIÓN E VISITAS
O persoal de salas está a disposición dos visitantes para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:

  • Todos os días ás 18.00
  • Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita no tel. 986 113900

Síntese do proxecto


Dende o MARCO de Vigo e a Fundación Luis Seoane consideramos sumamente oportuno mirar dun modo retrospectivo a obra de Francisco Mantecón. Os comisarios desta mostra sinalan a Mantecón como un artista fundamental ao que o tempo deu a razón. Entendemos que, por outro lado, nunca lla arrebatou. Porque Mantecón se afianzou nas súas obsesións independentemente de cal fose a moda do momento.

Francisco Mantecón sempre partiu dun concepto para espremer as súas posibilidades. Non era artista de cambios bruscos, senón de lixeiras variacións. Axiña esquivou a figura para abrazar o espazo e decantarse por un tipo de abstracción construtivista. Procurou a temperanza do xeométrico e dentro dun rigor estudado introduciu leves licenzas gráficas, máis espontáneas, restando hermetismo á súa pintura, sempre limpa, fiel ao concepto, ao punto de partida. Afianzado no aparentemente sinxelo, sen espazo para o azar, a súa, insistimos, non era a corrente de moda. Como na música de Webern, unha das súas devocións, na súa pintura é posible escoitar con claridade cada nota, rigorosa. De aí o seu cada vez maior interese polo lapis como soporte da pintura, como elemento para temperala.

Francisco Mantecón estivo presente nas exposicións referenciais da historia da arte galega, algunhas convertidas hoxe en históricas. Protagonista das citas pioneiras da Praza da Princesa dende finais dos anos sesenta, Mantecón participa na primeira Bienal de Pontevedra, nas principais mostras de Atlántica, na referencial Imaxes dos 80 dende Galicia no Museo do Pobo Galego, na primeira Mostra Unión Fenosa ou en O proceso abstracto en Galicia: 30 anos. 1950-1980 no Auditorio de Galicia. Opaco e solitario na súa tarefa, o seu espírito perfeccionista levarao ao deseño gráfico, onde realiza sobre todo traballos para Editorial Galaxia (en colaboración con Manuel Janeiro), e tamén para Edicións Xerais, Edicións do Cumio, Ir Indo Edicións ou Edicións Sotelo Blanco, entre outros. Neste campo destacan tamén espléndidos exemplos de etiquetas das botellas de Terras Gauda, algúns envases de Conservas Alfageme, o logotipo do Metropol ou traballos de cartelería política ou sindical.

A exposición que agora se presenta reúne case un centenar de obras, procedentes de coleccións institucionais e de máis de 30 prestadores particulares, o que dá unha idea da proxección e extensión do seu labor. Un artista tan vinculado á cidade de Vigo, e non só ao mundo artístico, senón tamén ao editorial e ao empresarial, merece que as novas xeracións o descubran a través desta exposición e do libro publicado pola Editorial Galaxia con motivo desta mostra, xunto á selección bibliográfica que se presenta na Biblioteca-Centro de documentación do MARCO, procedente na súa maior parte dos fondos doados en 2011 pola súa viúva e compañeira, Pilar Barreiro Mosquera.

Texto curatorial

Pintura concreta, porque non hai nada máis real que unha liña, unha cor, unha superficie /.../ A pintura é un medio de realizar opticamente o pensamento: cada cadro é un pensamento-cor.

Theo Van Doesburg

 

Resulta moi significativo que, mesmo nestas primeiras décadas do século XXI, un dous paradigmas das vangardas históricas do século pasado, a depuración xeométrica das formas, continúe fomentando ás máis diversas prácticas artísticas contemporáneas, tanto nos medios tradicionais, pintura e escultura, como nas versións posminimais e conceptuais do obxecto artístico expandido. Neste sentido, a vixencia da obra de Francisco Mantecón é un feito indiscutible: moitos son os novos artistas galegos que, acaso sen ser totalmente conscientes desa liña de continuidade, seguen abrindo camiños e trazando liñas de investigación na pura materialidade xeométrica da obra, cruzándose en moitas direccións coas sendas por el delineadas.

É por iso que consideramos a súa obra, de plena e fecunda actualidade, como unha plataforma de investigación para a arte máis nova, alé do estritamente histórico ou da necesaria revisión do pasado máis inmediato. A estrutura primaria das súas obras compete á xeometría, pero os resultados finais, tanto como os seus procesos previos e ás análises de base racional, van moito máis aló: mostran que paixón, desasosego ou protesta se insiren nas raias de cartabón e fan do rigor xeométrico tamén discurso.

Mantecón tratará, dende os seus inicios, de expresar o máximo co mínimo, e seguirá adelgazando, cadro a cadro, os motivos e os recursos: “estou a sacar elementos do cadro, e estou quedando sen cadro”. Rigor formal e compromiso ideolóxico: a racionalidade que se impón ao mundo (nos grandes e pequenos actos da vida, na produción de obxectos, e sobre todo na produción de comportamentos sociais) constitúe o correlato ideolóxico da xeometrización das artes. Na resolución das tensións formais das obras represéntanse ás propias tensións políticas da sociedade, ou mesmo escenifícase o proxecto de resolución das tensións psíquicas do noso interior. A obra devén daquela modelo a escala, quizais maqueta da alma, artefacto que traballa sempre como máquina de significación.

Incansable explorador da retícula implícita do lenzo, verdadeiro microcosmos para cuxo cartografado non lle chegou unha vida enteira; Mantecón foi, por riba de todo, unha figura clave e disidente (máis clave mesmo pola súa condición de disidente) das correntes de renovación que sacudiron ás prácticas pictóricas nas décadas finais do pasado século. O seu legado está nestes momentos talvez máis vivo ca nunca, agora que, de novo, ventos de crise axitan o horizonte, agora que a vocación de síntese e a volta ao esencial parecen impoñerse como necesidades inquietantes.

“Paixón e cálculo” céntrase en preservar a palpitante actualidade e a proxección de futuro do proxecto pictórico de Francisco Mantecón. Este irrenunciable punto de partida, unido ás lóxicas limitacións do espazo expositivo, implica de forma indirecta a ausencia nesta exposición dalgunhas series de obras pertencentes á súa etapa de formación e mesmo aos inicios da traxectoria máis persoal. Por idénticas razóns, quedan fóra do ámbito da mostra os seus traballos no campo do deseño gráfico e editorial, ocupación que pola súa propia magnitude e relevancia está a pedir unha revisión urxente e unha investigación específica, que poña tamén en valor a súa contribución á renovación do ordenamento visual da nosa contorna.

É dende esa estrita perspectiva, de recuperación dun artista transcendental para a memoria das nosas prácticas pictóricas máis recentes, que esta exposición focaliza preferentemente a súa atención nas series de cadros creados nas marxes temporais do que poderiamos considerar ás décadas da súa rotunda madureza (1980-90), poucos anos antes de que unha prematura desaparición nos impedise coñecer ata onde chegaría Francisco Mantecón na progresiva depuración do seu universo formal e conceptual.

Ángel Cerviño e Alberto González-Alegre
Comisarios da exposición

Comisariado

Ángel Cerviño e Alberto González Alegre


Ángel Cerviño e Alberto González-Alegre, artista plástico e crítico de arte respectivamente, ambos os dous cunha dilatada carreira ás súas costas, decidiron hai un par de anos coordinar os seus esforzos e constituírense en unidade indivisa para a acción curatorial. Francisco Mantecón. Paixón e cálculo é o cuarto proxecto expositivo froito da súa colaboración. Con anterioridade produciron Casus belli. Refutación do contexto (Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela, 2011), En plenas facultades. Artistas docentes da facultade de Belas Artes de Pontevedra (Museo de Pontevedra, 2013), O bosquexo do mundo (MARCO, Fundación Luis Seoane, Auditorio de Galicia, 2013) e Carlos León. A orde das primeiras cousas (CGAC, Santiago de Compostela, 2014).