FUERA DE QUICIO. Pequeno compendio de comedias dislocadas
Organiza: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Docente: José Manuel López
Total sesións: 23
Coa colaboración de: Fundación Sabadell
PRAZAS LIMITADAS. Inscrición e matrícula a partir do 27 de septiembre
Prezo: 190€ (desconto de 20% para membros da AAM Agrupación Amiga do MARCO e para estudantes, previa acreditación), coa posibilidade de pagamento fraccionado nos prazos e condicións sinalados na ficha de inscrición)
PRESENTACIÓN
“Parte das portas ou ventás en que entra o espigón do quicial, e en que se move e xira”. Esa é a definición de “quicio” que nos ofrece a venerable Real Academia Española. Se vostede, ademais de indignarse porque considera que comezar un texto cunha definición de dicionario é unha indubidable pedantería, se está a preguntar que é un “quicial”, pois xa somos dous: vostede, a persoa lectora e máis eu, este impersoal narrador (con ínfulas de voz en off cinematográfica) que indisimuladamente trata de captar a súa atención.
Así que respondendo —por segunda vez— cunha definición, resulta que o quicial “é un madeiro que asegura as portas e ventás por medio de pernios e bisagras, para que xirando se abran e pechen”. Mire vostede, sen querelo volvemos ao punto de partida no típico bucle auto-referencial do thesaurus (e se vostede se está a preguntar que é un “pernio”, pois xa sabe o que ten que facer). Pero quedemos con ese principio dinámico: o de cousas que xiran, se abren e pechan e se volven abrir, mecanismos, engrenaxes, máquinas ou corpos que repiten unha e outra vez os mesmos movementos...
Di un lugar común que a tolemia é facer dúas veces o mesmo esperando resultados diferentes; pero, non sería esa, precisamente, a perfecta definición da comedia? O corpo cómico é aquel que percute e repercute, que cae e recae tropezando unha e outra vez coa mesma pedra... Ata que, finalmente, se sae de couzón e arrastra con el, en desopilante turbillón entrópico, todo o que o rodea. Eses corpos cómicos serán os que perseguiremos neste curso: os eternos alporizados, os que están fóra de sitio, dislocados, pero que non deixan de moverse buscando o seu lugar no mundo. Porque, á fin e ó cabo, se calquera amañecer pode sairnos un home no bancal tamén pode, faltaría máis, sairse cando queira do quicial. Que non é pouco.
CV / NOTA BIO
José Manuel López (Vigo, 1974) é doutor en Comunicación e profesor asociado na Universidade de Vigo. Funda a revista de cinema Tren de sombras (2004-2008) e dende o ano 2007 ao 2017 forma parte do consello de redacción de Caimán Cuadernos de Cine (anteriormente conocida como Cahiers du cinéma. España). En 2008 coordina o libro Naomi Kawase. El cine en el umbral para o Festival de cine de Las Palmas e é autor de numerosos artigos, relatorios en congresos e capítulos de libros. Dende 2012 imparte cursos de cinema no MARCO Museo de Arte Contemporánea de Vigo e no CGAC Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela. Impartiu, ademais, conferencias en espazos como o Master LAV, a ESCAC, o CGAI, a SEMINCI, o Festival de Málaga ou o Centro de las Artes de Sevilla. Ten comisariado exposicións e ciclos de proxeccións para Fundación Luis Seoane; Curtocircuito. Festival Internacional de cine de Santiago de Compostela; SOLAR - Galería de Arte Cinemática, ou Festival de Cine de Vila do Conde (Portugal). En 2020 recibe o premio ao mellor Ensaio escrito sobre Audiovisual Internacional na IV Edición dos Premios María Luz Morales, outorgados pola Academia Galega do Audiovisual
Foto portada: Amanece, que no es poco (José Luis Cuerda, 1989)