rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Antía Encisa González. Buscándome fóra de min 2022 (detalle). Foto: Pilar Yarza
Carmen Suárez Marcos. O olvido na mente, a memoria no corazón, 2022 (detalle). Foto: Pilar Yarza
César Souto Rodríguez. Figuras, 2022. Foto: Pilar Yarza
Elsa Bouzas. Intimidade compartida, 2022 (detalle). Foto: Pilar Yarza
Juncal A. Castro. Relatos da memoria, 2022. Foto: Pilar Yarza
Laura Cid Rascado. Un día, 2022. Foto: Pilar Yarza
Laura Cid Rascado. Un día, 2022. Foto: Pilar Yarza
Lucía Perdiz. Errare humanum est…, 2022. Foto: Pilar Yarza
Raquel Álvarez Méndez. Encontros e agochos, 2022 (detalle). Foto: Pilar Yarza
Sandra Gutiérrez Aldao. Memorias antropomórficas, 2022 (detalle). Foto: Pilar Yarza
Xoel Gómez López. Carne, 2022 (detalle). Foto: Pilar Yarza
Xoel Gómez López. Carne, 2022 (detalle). Foto: Pilar Yarza

FUTURE STORIES. Unha exposición de dez artistas recentemente graduados da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Universidade de Vigo

Ficha

Datas: 
7 outubro 2022 - 8 xaneiro 2023
Lugar: 
Galería B1 e salas perimetrais, primeiro andar
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo / Facultade de Belas Artes, Universidade de Vigo. Coa colaboración de: Fundación MOP

Antía Encisa González
Carmen Suárez Marcos
César Souto Rodríguez
Elsa Bouzas
Juncal A. Castro
Laura Cid Rascado
Lucía Perdiz
Raquel Álvarez Méndez
Sandra Gutiérrez Aldao
Xoel Gómez López

PRESENTACIÓN

A finais de 2021, a Universidade de Vigo e a Fundación MOP (unha iniciativa cultural de Marta Ortega Pérez) asinaron un convenio de colaboración co obxectivo de promover a arte emerxente en Galicia a través de Future Stories, un proxecto ao que se destinarían os ingresos xerados pola exposición Peter Lindbergh: Untold Stories (A Coruña, decembro 2021-marzo 2022) a través da venda de merchandising. Tras o grande éxito da mostra, que chegou a Galicia grazas ao empeño persoal de Marta Ortega Pérez e a colaboración da Lindbergh Foundation, o proxecto Future Stories permitiu ofrecer ao alumnado da Facultade de Belas Artes dez bolsas de 4.000 euros para o desenvolvemento de proxectos artísticos a partir dos seus Traballos de Fin de Grao. A convocatoria tamén prevía que os resultados se reuniran posteriormente nunha mostra colectiva nun espazo museístico de referencia.

Durante o proceso de selección, o xurado —composto polo decano da Facultade de Belas Artes, Xosé Manuel Buxán, as profesoras María Covadonga Barreiro e Chelo Matesanz, o crítico de arte Ramón Rozas, o director do MARCO, e a Fundación MOP como promotora do proxecto— baseouse en criterios como a orixinalidade das propostas, o seu interese conceptual e temático, e a calidade formal e técnica das obras.

Como resultado final de todo o proceso, a exposición Future Stories preséntase agora no MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, reunindo nas salas do primeiro andar as obras dos dez artistas seleccionados, en liña co obxectivo principal que estaba na orixe desta iniciativa: impulsar as carreiras profesionais dos novos titulados e tituladas en Belas Artes e recoñecer o seu potencial.

Para iso, resulta esencial ese vínculo e colaboración entre o ámbito universitario —a Facultade como "factoría xeradora de artistas"— e o Museo como vía de contacto cun ámbito profesionalizado, nesta última fase da súa formación académica.

Un dos momentos máis difíciles para os artistas novos que estudan Belas Artes é cando saen da aula, o que supón buscar o seu propio espazo físico onde traballar e facelo en soidade, sen a proximidade de compañeiros con intereses afíns.

Este paso, ademais, adoita anunciar o camiño da profesionalidade, e non cabe dúbida de que amosar as obras é o primeiro reto público significativo.

A Fundación MOP (unha iniciativa cultural de Marta Ortega Pérez) concedeu bolsas a dez estudantes do último curso de Belas Artes e prolongou o respaldo apoiando a exposición das súas obras no MARCO. Future Stories é un proxecto de acompañamento a novos artistas para impulsar o inicio da súa carreira profesional.

Xosé Manuel Buxán Bran, decano Facultade de Belas Artes, Universidade de Vigo
Miguel Fernández-Cid, director MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo 

Documentación

A Biblioteca-Centro de Documentación do MARCO preparou un dossier por cada artista participante, accesible para consulta dende a web do MARCO www.marcovigo.com nos apartados Biblioteca/Novas e Exposicións/Actuais.

Programación para escolares

Para grupos de educación Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato, e outros centros de formación.

Colabora: Fundación “la Caixa”
Lugar: salas de exposición e Laboratorio das Artes (Espazo Anexo)
Horario: de martes a venres de 10.00 a 13.00 / Previa cita nos tel. 986 113900 Ext. 100/ 986 113908

Talleres e outras actividades

Ademais das visitas e obradoiros para escolares, a área de Didáctica do MARCO organizará actividades relacionadas coa exposición dirixidas a grupos específicos.

Información e visitas guiadas

O persoal de salas está dispoñible para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:

Todos os días ás 18.00
Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita nos tel. 986 113900 / 986 113904

Rutas interactivas a través da App Vigo

O novo sistema de rutas interactivas a través da App Vigo permite aos visitantes acceder a todo tipo de contido sobre a exposición (vídeos, imaxes, información específica sobre as obras), sexa no propio espazo mediante os beacons ou dispositivos bluetooth situados en salas, ou en calquera outro lugar, seguindo a ruta dende a pantalla do móbil unha vez descargada a aplicación, ou dende o seu equipo a través da web do Concello de Vigo.

Artistas

ARTISTAS / OBRAS

ANTÍA ENCISA GONZÁLEZ
Buscándome fóra de min, 2022

Antía Encisa González (Tebra-Tomiño, Pontevedra, 2000) considera que a autopercepción se ve alterada pola era dixital na que vivimos. Deste xeito, quen observa a súa obra navega a través de diferentes soportes (corpos) que revelan un autorretrato contado a través de imaxes e textos apropiados. A partir dunha metodoloxía procesual créase unha instalación multidisciplinar que combina vídeo, fotografía, colaxe, autoedición e bordado, e a peza convértese nunha viaxe persoal dende a mente doutra persoa, buscando unha autodefinición entre a mirada colectiva e a individual, dende unha perspectiva non binaria e disidente de xénero.

CARMEN SUÁREZ MARCOS
O olvido na mente, a memoria no corazón, 2022

O proxecto de Carmen Suárez Marcos (O Barco de Valdeorras, 2000) intenta afondar nas conexións coas mulleres da súa contorna para así chegar a comprender a súa identidade individual e como esta se relaciona coa súa propia. A obra representa a conexión coas mulleres máis próximas ao seu día a día, para así mostrarlles o modo en que a artista as percibe, agradecéndolles participar no seu proceso de madureza, por ser quen son e por quen a fan ser.

CÉSAR SOUTO RODRÍGUEZ
Figuras, 2022

A obra Figuras, de César Souto Rodríguez (Pontevedra, 1992), nace en equilibrio entre o desexo de expresión corporal e unha profunda poética da ausencia. Unha serie de pinturas de grande formato sobre tea sen bastidor cuxa formalidade abstracta acolle un diálogo no que conviven tempo, amor, corpo e identidade. O impacto emocional dun xeito de sentir a corporalidade en favor da memoria, e a sombra conceptual que reflexiona sobre a propia natureza do tempo, conforman o misterio, a precisión e a sutileza dunha pintura en constante tensión entre o sintético, o emocional, o físico e o intelectual. Unha obra rendida á grande forza expresiva que se recoñece na contemplación directa e na súa relación co espazo expositivo, que estende os límites do comportamento da imaxe e defende a creación dunha presenza pictórica separada da representación.

ELSA BOUZAS
Intimidade compartida, 2022

Intimidade compartida, o proxecto de Elsa Bouzas (Santiago de Compostela, 2000), rastrexa no fogar a subxectividade persoal dos cantos máis íntimos do mundo que habitamos, intentando traspasar as fronteiras entre o que está dentro e fóra de nós. Supón, ademais, repensarnos como parte dun sistema vivo, complexo e interconectado: Gaia, o noso fogar no universo, chea de presenzas psíquicas, introspección, reflexións, sentimentos, sensacións e intuicións.

Sempre quixen traballar nun faro á beira do mar e ver os mariñeiros embarcarse en longas viaxes marítimas. Algúns elixen a profesión por amor ao mar, outros non aturan a inmobilidade da terra. No momento no que os barcos abandonan os peiraos, nacen e morren os soños. Eu sinto as dúas cousas dentro de min. Pero cando emigro en busca de novos horizontes, non pertenzo nin á terra nin ao mar. Sorpréndome espertando nunha cama estraña, rodeada de caras estrañas. É alí cando a casa vibra dentro do peito, como un faro que suxeita os rumbos. Eu, que nunca quixen ser parte dun mundo estático, atópome en busca dos ritmos lentos da terra.

JUNCAL A. CASTRO
Relatos da memoria, 2022

Para Juncal A. Castro (A Coruña, 1999) Relatos da memoria é unha reflexión, por medio da práctica artística, sobre a dimensión física dos recordos e como a memoria se ancora e se relaciona cos espazos nos que vivimos. No contexto dunha sociedade acelerada e individualista que empeza a establecerse cada vez máis no mundo dixital, os obxectos físicos de valor duradeiro e sentimental escasean. Na peza, a artista combina diversas técnicas e xeitos de facer propios da pintura e a escultura, para falar dunha forma de mirar ao pasado individual e colectivo para aprender e comprender o mundo que nos rodea dende o interior de cada un, co obxectivo de poder habitalo e compartilo do mellor modo posible.

LAURA CID RASCADO
Un día, 2022

Se ben algúns consideran que a idea de felicidade é complexa e inalcanzable, Laura Cid Rascado (Vigo, 1999) cre que se pode lograr co máis mínimo ou nunha situación inesperada. Unha historia sinxela, ausente de palabra, onde o protagonista –un oso preguiceiro– analiza os seus arredores e descobre o benestar e a tranquilidade que transmiten esas paisaxes, en compañía das persoas que máis aprecia. Un completo exercicio de atención plena que nos axuda a descubrir que a verdadeira felicidade se atopa nas cousas sinxelas.

LUCÍA PERDIZ
Errare humanum est…, 2022

Errare humanum est... é un conxunto de obras que xiran en torno ao concepto de mobilidade territorial. Articúlanse todas elas a partir de elementos da contorna inmediata; obxectos cotiáns pertencentes ao fogar, imbuídos de significado, que se mesturan con materiais reciclados e restos industriais. Facendo uso da linguaxe do precario, o urxente e o inestable, Lucía Perdiz (Muíños, Ourense, 1988) establece un eixe condutor entre as pezas. Os materiais xa non pertencen a ningún lugar, están ao servizo das circunstancias, onde se transforman nun acto de supervivencia.

RAQUEL ÁLVAREZ MÉNDEZ
Encuentros y escondites, 2022

En Encontros e agochos, Raquel Álvarez Méndez (Vigo, 1998) aborda o concepto de refuxio como un lugar de abrigo secreto e seguro. O proxecto desenvólvese a partir da construción dunha cabana tecida que evoca ese espazo protector. A través dun imaxinario persoal apélase aos sentidos coa elección de cores vibrantes e texturas suaves e cálidas. A reflexión sobre o sentido de habitar e a necesidade dun acubillo esténdese máis alá dese pequeno refuxio, cubrindo unha serie de cadros con textos tecidos que amplían o relato e se presentan en forma de instalación.

SANDRA GUTIÉRREZ ALDAO
Memorias antropomórficas, 2022

Partindo da tradición de que todas as mulleres da súa familia teñen o seu propio xardín, Sandra Gutiérrez Aldao (Vigo, 1996) crea un de seu. Interésase así polas capas ocultas da visión que lle achegan estes xardíns; as que pasan desapercibidas a simple vista e que nos mostran indicios que nos permiten deducir a existencia de seres monstruosos, aqueles que xorden de aspectos larvados da razón. A través do mórbido, do enfermizo, crea un mapa xeográfico do seu arredor co obxectivo de mostrar o que está agochado nas cousas máis próximas, no cotián e na natureza.

XOEL GÓMEZ LÓPEZ
Carne: transitando o eu, 2022

Carne: transitando o eu é unha viaxe pola construción da identidade propia que parte dun proceso persoal de transición e reafirmación como persoa non binaria. Xoel Gómez López (O Porriño, Pontevedra, 2000) acompaña a performance dunha peza musical e unha escenografía: unha peza con forte carga autobiográfica, un verdadeiro experimento de autodescubrimento, deconstrución e reensamblaxe dun mesmo, con multiplicidade de matices e o espectro infinito de estados intermedios. Fluír no xénero, rexeitalo e crear un novo “eu”, unha identidade que se adecúa no agora, en constante evolución e cambio infindo.