rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina

GLENDA LEÓN. Música das formas

Ficha

Datas: 
18 xuño 2021 - 21 novembro 2021
Lugar: 
Galería B1 e sala perimetral do 1º andar
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
MEIAC, Museo Extremeño e Iberoamericano de Arte Contemporáneo / MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
José Jiménez

Coa colaboración de: 
Deputación de Pontevedra

Tras o seu paso polo MEIAC de Badaxoz, a artista Glenda León chega a Vigo coa exposición Música das formas, que completa a programación do MARCO para esta tempada. O proxecto foi posible grazas á colaboración co MEIAC, que comparte co MARCO o seu pasado como cárcere; un feito directamente relacionado con algunhas das obras presentes nesta exposición.

Glenda León (A Habana, Cuba, 1976), que estudou ballet clásico, filoloxía e historia da arte na Habana, comezou a expoñer en 1999. A propia artista sinalaba nunha entrevista en 2013: “A música foi unha fonte de inspiración para min dende noviña. Por iso quixen ser coreógrafa durante moitos anos. Entón decateime de que o ingrediente principal destas ideas coreográficas da época era o visual”. Ese é o núcleo deste proxecto e da súa obra; a síntese entre os sons e o visual.

No MARCO, a proposta articúlase en dous espazos que trazan un percorrido por obras clave na traxectoria de Glenda León –instalacións, series de debuxos, esculturas, fotografías, obra sobre papel, instalacións in situ– dende 2008 ata a actualidade, que combinan diferentes técnicas e soportes. A montaxe e disposición das obras saca partido das peculiaridades das salas do Museo, en diálogo sutil cos espazos, adaptando as pezas ás súas dimensións, trazado e altura, cunha obra producida especificamente para este proxecto –Xardín emocional (2011-2021)– que debuxa unha liña lonxitudinal ao longo do podio central da primeira sala.

En palabras do comisario da mostra, José Jiménez: “hai un dinamismo que brota do diálogo coas formas do son, da música, que está xa presente dende a época en que se produxo a invención cultural da arte, na Grecia Clásica. E é tamén nese contexto onde se percibe a relación entre os sons musicais e os movementos dos astros, o que Pitágoras denominou ‘armonía do cosmo’ ou ‘música das esferas’. A música das esferas lévanos á música deste mundo, no que vivimos: de arriba abaixo, e de abaixo arriba. Son estas cuestións centrais para situar a traxectoria e o traballo artístico de Glenda León”. 

Documentación

A Biblioteca-Centro de Documentación do MARCO preparou un dossier documental, que reúne ligazóns a artigos e información complementaria sobre a artista, accesibles para consulta dende a web do MARCO www.marcovigo.com nos apartados Biblioteca/Novas e Exposicións/Actuais.

Catálogo

Con ocasión desta mostra, a Fundación MARCO e o MEIAC publicaron un catálogo que reúne textos da artista Glenda León e do comisario, José Jiménez, xunto a información e imaxes das obras en exposición.

Programación para escolares

Colabora: Obra Social “la Caixa”

A partir do 14 de setembro de 2021
Horario: de martes a venres de 11.00 a 13.30 / Previa cita nos tel. 986 113900 Ext. 100 / 986 113908

Obradoiros de verán para público infantil

Colabora: Obra Social “la Caixa”

Do 29 de xuño ao 29 de xullo de 2021
Horario: de martes a venres de 12.00 a 14.00 / Previa reserva nos tel. 986 113900 Ext. 100 / 986 113908

Información e visitas guiadas

O persoal de salas está dispoñible para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:

Todos os días ás 18.00
Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita nos tel. 986 113900 / 986 113904 

Rutas interactivas a través da App Vigo

O novo sistema de rutas interactivas a través da App Vigo permite aos visitantes acceder a todo tipo de contido sobre a exposición (vídeos, imaxes, información específica sobre as obras), sexa no propio espazo mediante os beacons ou dispositivos bluetooth situados en salas, ou en calquera outro lugar, seguindo a ruta dende a pantalla do móbil unha vez descargada a aplicación, ou dende o seu equipo a través da web do Concello de Vigo.

 
Glenda León (A Habana, Cuba, 1976), que estudou ballet clásico, filoloxía e historia da arte na Habana, comezou a expoñer en 1999. A propia artista sinalaba nunha entrevista en 2013: “A música foi unha fonte de inspiración para min dende noviña. Por iso quixen ser coreógrafa durante moitos anos. Entón decateime de que o ingrediente principal destas ideas coreográficas da época era o visual". Ese é o núcleo deste proxecto e da súa obra; a síntese entre os sons e o visual. 
En palabras do comisario da mostra, José Jiménez, “hai un dinamismo que brota do diálogo coas formas do son, da música, que está xa presente dende a época en que se produxo a invención cultural da arte, na Grecia Clásica. E é tamén nese contexto onde se percibe a relación entre os sons musicais e os movementos dos astros, o que Pitágoras denominou “armonía do cosmos” ou “música das esferas”. A música das esferas lévanos á música deste mundo, no que vivimos: de arriba abaixo, e de abaixo arriba. Son estas cuestións centrali para situar a traxectoria e o traballo artístico de Glenda León”.

Artistas

Glenda León


Glenda León
é unha artista cubano-española nacida n’A Habana en 1976. A súa obra ten recibido premios como The Pollock-Krasner Foundation Award e residencias como as do Couvent des Recollets, París e a Fonderie Darling, Montreal. Así mesmo, é parte de importantes coleccións públicas como as do Centre Georges Pompidou, París; Perez Art Museum Miami; Musée des beaux-arts de Montreal; AGO, Art Gallery of Ontario, Toronto; Hammer Museum, Os Ánxeles; Museum of Fine Arts, Houston e o Museo Nacional de Bellas Artes, A Habana.

Iniciou os seus estudos de Artes Plásticas aos doce anos e comezou a expoñer de xeito profesional no ano 1999. Antes estudou ballet clásico e cursou estudos de Filoloxía na Universidade d’A Habana, graduándose finalmente en Historia da Arte. En 2007 remata o Mestrado en Arte dos Novos Medios, na Academia de Novos Medios de Colonia.

Foi parte do Pavillón Cubano na 55a Bienal de Venecia coa obra Música das Esferas (2013). Tamén ten sido convidada á Bienal d’A Habana, á Bienal SITE Santa Fe, á II Bienal de Jafre, á Bienal de Dakar DAK’ART 2018, á Off Biennale Cairo: Something Else II e BienalSur. Juntos Aparte 2018, Cúcuta.

Outras exposicións colectivas nas que ten participado tiveron lugar en espazos como o MoMA, Museum of Modern Art e o Brooklyn Museum, Nova York; CCA Wattis Institute, San Francisco; Bronx Museum; Centre d’art contemporain Villa du Parc, Annemasse; Badischer Kunstverein, Karlsruhe; City Art Museum Ljubljana; The Mattress Factory, Pittsburgh; RISD, Rhode Island School of Design Museum, Rhode Island; Nuit Blanche, Toronto, Canadá; Museo MART, Rovereto, Italia; CIFO, Miami; Centre for Contemporary Art Laznia, Gdansk; Musée des BeauxArts de Montréal; Yerba Buena Center for the Arts, San Francisco e De Appel, Amsterdam.

Ten presentado o seu traballo de xeito individual no CDAV Centro de Desenvolvemento das Artes Visuais, A Habana; Le Plateau Espace Expérimental, París; Château des Adhémar, Montélimar; Francia, Matadero Madrid, CAAM, Centro Atlántico de Arte Moderno, Gran Canaria e o Metropolitan Museum of Manila, entre outros espazos.

A súa obra ten sido publicada en diversas revistas, catálogos e xornais como Bomb Magazine, Art Nexus, Artforum, Flash Art e Artecubano.

http://www.glenda-leon.com/

Texto curatorial

As formas do son

José Jiménez

Onde se sitúa a raíz, o punto de inicio, do despregamento das obras nas artes visuais...? No proceso de configuración das formas. Xa sexa de xeito estático ou dinámico, e tendo en conta que as posibilidades do dinamismo se acentuaron intensamente cos novos soportes, electrónicos e despois dixitais, da representación.

Pero hai un dinamismo que xermola do diálogo coas formas do son, da música, que está xa presente dende a época en que se produciu a invención cultural da arte, na Grecia Clásica, nun período que se pode datar entre o s. VIII e o s. V a. C. E é tamén nese contexto onde se percibe a relación entre os sons musicais e os movementos dos astros, o que Pitágoras denominou “harmonía do cosmos” ou “música das esferas”.

A música das esferas lévanos á música deste mundo, no que vivimos: de arriba abaixo, e de abaixo arriba. E isto é algo que se sente con intensidade en Cuba. Ver e oír as obras de Glenda León lévame en todo momento á obra literaria de Alejo Carpentier, quen dicía sobre si mesmo: “Ese músico que levo dentro”. A súa formación musical levouno a escribir numerosos textos sobre música, e cómpre salientar que, a diferencia da música europea, caracterizaba a música latinoamericana pola súa intensa mestizaxe.

Pero, ademais, a música flúe directamente nas súas novelas, nos seus textos narrativos. É algo que podemos apreciar dun modo especial na súa novela breve Concerto barroco, escrita entre A Habana e París en 1974. É unha viaxe musical en 1733, dende Coyoacán (México) a Cuba, España, Venecia (durante o Entroido) e París. Na narración resulta decisivo o encontro, en Venecia, con Vivaldi, Scarlatti e Haendel, onde se revive a representación dunha ópera de Vivaldi moito tempo perdida, e tamén como en contraposición á música barroca europea xermola a música dun escravo de pel negra, Filomeno, que nos leva á trompeta de Louis Armstrong. O texto flúe, en todo momento, cos movementos das palabras coma se fosen sons, e co desprazamento no tempo, a través da viaxe.

Son estas cuestións centrais para situar a traxectoria e o traballo artístico de Glenda León, que estudou ballet clásico, filoloxía e historia da arte n’A Habana, e comezou a expoñer en 1999. Isto é o que ela mesma sinalou en 2013, nunha entrevista: “A música foi fonte de inspiración para min dende cativa. Por iso quixen ser por moitos anos coreógrafa. Logo decateime de que o principal ingrediente destas ideas coreográficas daquela época era o visual”.

Ese é o núcleo: a síntese entre os sons e o visual. E a partir diso a correspondencia, tanto visual como sonora, entre os astros e a Terra onde vivimos os humanos: unha chamada de atención cara á importancia da natureza, cada vez máis ameazada. Cuestións que se articulan nesta exposición de obras de Glenda León, “Música das formas”, organizada en tres seccións: I. Terra e ceos, II. A espiral do tempo, e III. Ollar a música.

Vivindo no noso tempo, Glenda León é plenamente unha artista multimedia. Utiliza os máis diversos soportes e técnicas de expresión: obxectos, esculturas, instalacións, debuxos, fotografías, libros de artista e vídeos.

Agora ben, nese amplo despregamento de modalidades expresivas hai un fondo común que dá unidade ás súas propostas: a articulación das súas pezas flúe a través de rexistros musicais cos que se estruturan as obras. Nelas podemos advertir unhas pegadas melódicas, ou contrastes e variacións, co que as formas visuais adquiren un son interior, ritmo e proxección.

Que é unha “forma”...? Se nos remontamos ás orixes da nosa tradición cultural temos que remitirnos a Platón, que elaborou o concepto filosófico de forma εἶδος, eídos], pasando dende o que sería o aspecto de algo que vemos ao núcleo substantivo que dá unidade a dimensións plurais.

No ámbito específico da teoría musical, Leonard B. Meyer (1956, 74) sinala: “As formas son aspectos esenciais do estilo, grupos de probabilidade alternativos, cada un dos cales mostra as súas propias relacións de probabilidade especiais dentro do contexto estilístico global. E ao igual que a percepción dos aspectos máis xeralmente constantes do estilo e a resposta a estes, a comprensión da forma é aprendida, non innata”. E conclúe: “O concepto de forma implica abstracción e xeralización”.

E sobre “a natureza da forma” indica: “A comprensión dunha serie de estímulos fisicamente diferenciados que configuran un modelo ou unha forma é o resultado da capacidade da mente humana para relacionar entre si, de xeito intelixible e significativo, as partes constituíntes do estímulo ou da serie de estímulos. Para que xurda a impresión de forma debe percibirse unha orde na que os estímulos individuais se transformen en partes dunha estrutura maior e desempeñen funcións distinguibles dentro da devandita estrutura”. (Meyer, 1956, 169).

O que Glenda León nos dá nas súas obras é un conxunto de formas abertas, que xogan coa correspondencia entre distintas maneiras de sentir e coñecer: palabras, sons, partituras con debuxos e rexistros visuais, correspondencias entre ceos e terra, o fluído do tempo... Somos nós, os que miramos, os que temos que despregar unha capacidade de interiorización, de levar a pluralidade de rexistros formais a un ámbito concreto de significación. Hai que pasar de simplemente mirar a ver, a percibir a unidade da forma. Así, os sentidos lévannos ao coñecemento.

Nas formas plásticas de Glenda León, sempre en diálogo cos sons e os textos, escintilan tamén os trazos que outro grande escritor cubano: José Lezama Lima (1980, 59), situou como núcleo do coñecemento poético: “O coñecemento poético sepárase do coñecer dialéctico que busca tan só o espello da súa identidade”. Coñecer poeticamente é ver o envés, o reverso das cousas. A poesía é, para Lezama (1981, 129) unha dimensión transcendente: “As esencias expresadas polas eras imaxinarias”, unha articulación “do imposible” sobre “a imaxe posible”. Pero o seu itinerario non é simple, senón labiríntico. O seu inicio está na disolución do propio corpo para convertelo en forma: “Disolver o noso corpo para que chegue a ser forma”. (Lezama Lima, 1980, 68).

Ollo e corpo aventúranse así na imaxe: “O ollo crea a figura; a noite exprésase, cae sobre nós por imaxe. O ollo sente un orgullo pasivo cando se estende na figura. O noso corpo sente un orgullo posesivo cando penetra na imaxe da noite”. (Lezama Lima, 1980, 57). E é que o coñecemento poético non advén de balde, é un difícil acto de conquista. O poema é “un espazo resistente entre a progresión da metáfora e o toque de queda da imaxe”. (Lezama Lima, 1981, 129).

As eras imaxinarias, a imaxe como canle secreta do tempo histórico, só son entrevistas nese dobre ámbito de resistencia no que os corpos han de soportar a nada que os circunda e os produtos da cultura: formas ou figuras, o fluxo retráctil das imaxes: “Así como o corpo soporta a nada circundante, as figuras vense obrigadas a contrarrestar o fluxo das imaxes”. (Lezama Lima, 1980, 53).

América Latina, e nela Cuba, achéganos a visión da diferenza, froito da intensa mestizaxe que caracteriza o mellor da vida humana. E nese horizonte as formas do son de Glenda León lévannos visualmente ao máis profundo do coñecemento poético: ceo, flor, tempo, espello, estrelas, nubes, mundo político, discorrer e formas do tempo, bágoas do tránsito, instantes, cadeira do poder, música da revolución, metamorfose, consciencia, e música das esferas. O universo, aquí e nos ceos, como música das formas.

Referencias bibliográficas

Alejo CARPENTIER (1974): Concierto barroco; Siglo XXI, México. 8ª edición: Siglo XXI, Madrid, 1979.
José LEZAMA LIMA (1980): La dignidad de la poesía; Versal, Barcelona.
José LEZAMA LIMA (1981): Imagen y posibilidad; Editorial Letras Cubanas, A Habana.
Leonard B. MEYER (1956): Emotion and Meaning in Music; University of Chicago Press, Chicago. Trad. esp. e prólogo de José Luis Turina: Emoción y significado en la música; Alianza Editorial, Madrid, 2001.

Texto artista

O tempo é un son que non escoitamos

Glenda León

Coexistimos cunha ausencia que non somos quen de escoitar; unha sorte de morriña por un estado de liberdade plena, por unha sensación de pertenza ao mundo. A arte pode actuar como recordatorio dese estado; dese poder intrínseco pero agochado xa por tanto tempo: de estar en harmonía connosco e coa natureza; como unha especie de alarma para andar máis atentos polo mundo e velo coma se se vise por vez primeira, con esa ollada privilexiada dun neno. É facer percibir o imperceptible.

Como a maxia, a arte é un acto de transformación, que en ocasións se traduce nun simple facer coincidir; mostrando a relatividade e as probabilidades de interconexión das cousas; ordenando, cun pouco de poesía, algún fragmento do caos ao que pertencemos. É un xeito de coñecer o mundo; de entender e amar a esencia humana.

Esta exposición remátase de concibir en tempos que sen dúbida pasarán á historia. O tempo do Coronavirus. Practicamente todos os seres humanos deste mundo terán experimentado o que é estar confinado. Non obstante, aínda saíndo do confinamento hai cousas que permanecen restrinxidas en nós: os nosos sentidos. Vivimos crendo que miramos, escoitamos, ulimos, palpamos, pero a verdade é que o estamos a facer a un nivel moi por debaixo das nosas capacidades. A forma en que fomos educados, a forma en que as sociedades están estruturadas e a vida urbana en si mesma, cástrannos cada segundo este gran potencial. Para poder desenvolver unha verdadeira comprensión do outro, unha verdadeira tolerancia, e un real entendemento do perigo que a Terra corre grazas ás nosas accións, é crucial sentir. É, dende este sentir, que podemos verdadeiramente coñecer, e este coñecemento é o que leva á verdadeira liberdade, é o que leva a accións coherentes e con poder de transformación.

Non é o mesmo que nos ensinen ou que leamos sobre tolerancia, sobre o perigo de extinción das especies, sobre o maltrato animal, a que sintamos a dor dun animal encerrado con só fitarlle nos ollos. Non é o mesmo ler sobre amor que sentilo.

Ao romper coa realidade a arte ten un rol importante en preparármonos para estar máis abertos ao cambio; establécese un estado máis flexible do ser, pois se alteran os camiños trillados das conexións neuronais. Así sucede cando o espectador se sincroniza cun elemento natural (no meu caso a través do son da respiración e de representacións de paisaxes naturais a través de diferentes materiais) ou mediante a presentación de obxectos surreais –con combinacións de elementos nunca antes vistas.

Neste proceso, o silencio e o son como materiais que constantemente estou a transformar. En ocasións, utilizo o son para esculpir unha imaxe; noutras, utilizo unha imaxe para debuxar o silencio. Interésame o contido latente do son (a pegada que este deixa no noso cerebro, e no corpo) que porta calquera instrumento sonoro (ou parte del); e como se pode crear unha imaxe a partir diso.

O silencio é precisamente un elemento fundamental no camiño cara á visión e a escoita plenas. É indispensable no desconfinamento dos sentidos. E cando isto suceda, cando a cegueira e a xordeira pasen, entón cada elemento da existencia poderá ser visto. E experimentaremos como cada paso, cada son, cada alear dunha bolboreta e cada vida, ocupan un lugar crucial no mundo e orixinan un sen número de efectos. Cada forma é unha forma do tempo.

Daquela saberemos que todo ese tempo que pasamos sen sentir, é tempo perdido. Pero recoñecelo é o inicio do camiño. Camiño que nos conducirá á luz do silencio, dende onde poderemos escoitar a música das esferas.

Dirixir as Nubes

“Segundo un recoñecido científico de física cuántica, está comprobado que, logrado o grao de concentración e vontade necesarios, calquera individuo pode chegar a dirixir as nubes. O evento ten acontecido en distintos lugares do planeta pero ten sido poucas veces albiscado, xa que hoxe en día case ninguén fita con detemento o ceo. Porén, moitas persoas teñen identificado formas bastante precisas nas nubes, mais permanecen ignorando a súa peculiar procedencia”.