rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
HISTORIA DA ARTE: Urbanismo, arquitecturas e arquitectos nos séculos XX e XXI

HISTORIA DA ARTE: Urbanismo, arquitecturas e arquitectos nos séculos XX e XXI

Datas: 
19 outubro 2022 - 26 abril 2023
Horario: 
MÉRCORES de 19.00 a 20.30
Lugar: 
galería A3, planta baixa

Organiza: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Docente: Ana Pereira Molares
Total sesións: 23
Coa colaboración de: Fundación Sabadell
PRAZAS LIMITADAS. Inscrición e matrícula a partir do 27 de setembro
Prezo: 190€ (desconto de 20% para membros da AAM Agrupación Amiga do MARCO e para estudantes, previa acreditación), coa posibilidade de pagamento fraccionado nos prazos e condicións sinalados na ficha de inscrición)

AVANCE / PRESENTACIÓN

A mediados de outubro dará comezo no MARCO un novo curso impartido por Ana Pereira Molares, orientado a analizar os distintos aspectos conformadores da realidade artística contemporánea.

Baixo o título “Urbanismo, arquitecturas e arquitectos nos séculos XX e XXI”, e ao longo de 23 sesións, a proposta intenta achegar ao público o coñecemento dos principais movementos, figuras e creacións da arquitectura moderna, así como as concepcións urbanísticas de cada etapa.

Ademais dunha aproximación ao estudo dos diferentes modelos, estilos e personalidades que conforman a realidade urbanística e arquitectónica dos últimos 120 anos —moitos dos cales contribuíron a configurar a personalidade das grandes cidades do mundo— o curso ten tamén como obxectivo fundamental a análise daqueles aspectos conformadores da sociedade (como a demografía, os avances técnicos, a economía, as tendencias ideolóxicas, etc.) que non se poden desvincular do desenvolvemento da arte de construír. Dado que a arquitectura, máis que ningunha outra actividade artística, está unida dun modo indisoluble aos cambios e transformacións da sociedade do seu tempo, resulta indispensable o seu coñecemento e análise, para así chegar a unha comprensión en profundidade, é dicir artística e sociolóxica, da realidade da arquitectura dos séculos XX e XXI.

CV / NOTA BIO

Ana Pereira Molares é doutora en Historia da Arte, e ao longo da súa carreira profesional compaxinou a docencia cun intenso labor investigador, centrado fundamentalmente na arquitectura galega da Idade Moderna, que tivo o seu froito en numerosas publicacións. Nos últimos anos, esta liña de investigación deu paso a reflexións noutros ámbitos das artes, como a presenza das mulleres na creación artística ao longo da historia. Un claro exemplo é o seu estudo sobre ‘Pintoras viguesas do século XX’, que constituíu o seu discurso de ingreso no Instituto de Estudios Vigueses, como a primeira muller que foi nomeada membro da devandita institución. A estes traballos de carácter docente e editorial únese a súa actividade como relatora, colaboradora de prensa, comisaria de exposicións, e a súa participación en numerosos congresos. Dende 2003 foi profesora responsable do programa de didáctica da Historia da Arte de Caixanova (actualmente Abanca), e dende 2003 colabora co MARCO impartindo cursos de Iniciación á Arte Contemporánea para adultos.