rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Hotel MARCO
Hotel MARCO
Hotel MARCO
Hotel MARCO
Hotel MARCO
Hotel MARCO
Hotel MARCO
Hotel MARCO
Hotel MARCO
Hotel MARCO
Hotel MARCO
Hotel MARCO

Hotel MARCO. Un proxecto de Michael Lin & rvr arquitectos

Ficha

Datas: 
8 abril 2011 - 18 maio 2011
Lugar: 
Espazo Anexo
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo.
Comisariado: 
Iñaki Martínez Antelo


PRESENTACIÓN


O ‘Hotel MARCO’ como proxecto artístico

A partir do mes de abril de 2011, o Espazo Anexo do MARCO reinventouse e viviu a súa maior transformación dende a súa apertura no ano 2004 como sala de proxectos, dando inicio a un novo período coa proposta ‘Hotel MARCO’, do artista Michael Lin e rvr arquitectos, que consistiu en transformar o lugar nun cuarto de hotel con distintos usos.

COLABORACIÓNS


O proxecto 'Hotel MARCO'' foi posible grazas á colaboración no proceso de produción de oito estudantes da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, logo de convocatoria de prácticas de montaxe e apoio a produción por parte de Fundación MARCO: Iris Margarita Alcaina Patiño, Laura Ilona Arha, Marta Fariña Rodríguez, Cristina Luna Ávila, Sara Martínez Soutiño, Lorena Alexandra Méndez González, Santiago Novas Otero, Yukawa Quione López Otero, coa coordinación de Frédéric Matagne, asistente do artista.

Empresas colaboradoras:

Aguas de Mondariz, Sirvent, Illycafè, Martínez Otero, I.C.O.N-O.P.I, Weber

INFORMACIÓN XERAL


INFORMACIÓN E VISITAS

 

Dende a súa inauguración o 8 de abril, ata o 18 de maio, Día Internacional do Museo, o proxecto ‘Hotel MARCO’ estará aberto ao público no horario habitual, como espazo expositivo.

Durante o período en que o Espazo Anexo permaneza aberto como sala de exposición, o persoal de salas está a disposición dos visitantes para calquera consulta ou información, ademais das visitas guiadas habituais:

  • Todos os días ás 18.00
  • Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita no tel. 986 113900


Con ocasión deste proxecto, o MARCO edita un folleto que funciona a modo de folla de sala 
informativa sobre o proceso de conversión temporal do Espazo Anexo nunha habitación de hotel.

RESERVAS E TARIFAS

A partir do 18 de maio comezará o uso do Espazo Anexo como habitación de hotel, sexa dentro do programa de residencias ou para reservas de particulares.

Calquera persoa ou entidade interesada en realizar unha reserva ou consultar datas dispoñibles, debe poñerse en contacto con Patricia Verdial, en horario de luns a venres, de 09.00 a 15.00.
Patricia Verdial
info@marcovigo.com
+34 986 113904 / 00

Tarifas

Prezo da habitación: 100 euros (impostos e almorzo incluído, no MARCO restaurante&café)

Desconto do 50% (50 euros) para membros da Agrupación de Amigos do MARCO, e membros de Agrupacións de Amigos portadores da tarxeta azul FEAM, acompañada da tarxeta de Amigo do seu Museo.

HOTEL MARCO - FICHA TÉCNICA

Superficie total da habitación: 35 m2

Cerramentos

- Cerramento exterior: dous taboleiros superpostos, contrachapado fenólico de 20 mm de espesor + taboleiro de xeso laminado de 15 mm de espesor. Acabado pintado en cores S1050-R40B, S1085-Y90R, S0540-R30B, S2060-R40B, S4050-R70B, S2070-G30Y, 0404-G98Y
- Cerramento interior: dous taboleiros superpostos, contrachapado fenólico de 20 mm de espesor + taboleiro de xeso laminado de 15 mm de espesor. Acabado pintado en cor branca NCS 0402-G03Y
- Piso: dobre taboleiro de contrachapado fenólico de 20 mm de espesor sobre rastrel de madeira de piñeiro. Acabado pintado en cores S3060-R70B, S2065-B, S4050-R80B, S4550-R90B. Recubrimento de resina de poliuretano (Weber)
- Teito: placa de xeso laminado de 15 mm de espesor, acabado pintado en cor branca NCS 0402-G03Y
- Carpintería exterior de aluminio con rotura de ponte térmica en cor RAL 7042. Vidro (5+5)+12+ (5+5)
- Cerramento de ducha e aseo en acristalamento de vidro laminado areado de 8+8 mm

Instalacións

- Aparatos sanitarios das series Vythos, Orbita 42 e Element de Roca, en cor branca, equipados con griferías empotradas serie Element de Roca
- Azulexos Vilar Albaro, Zafiro Liso Brillo. Cerámica colocada con adhesivos Weber da gama weber.col confort
- Climatización mediante equipo autónomo LG, UB24–UU24 
- Iluminación xeral mediante luminarias equipadas con lámpadas led e qr 111 con control de intensidade de luz. Iluminación complementaria mediante luminarias Toio e kelvin led de Flos [Colaborador no proxecto de iluminación: Ramón Míguez] 
- Red wi-fi en toda a habitación
- Proxector de vídeo Itachi EDX20 
- Equipo de son Bose Acustimas 2.1 
- Mininevera de capacidade 30 litros

Mobiliario

- Armario e moble contedor xeral realizados en taboleiro de mdf lacado en branco brillo RAL 9003
- Mesa auxiliar modelo Twist da colección mo, Martínez Otero 
- Butaca modelo Egg de Fritz Hansen 
- Cadeira modelo Mummy de Edra

Téxtiles

- Sistema de descanso Vi-spring, recomendado e instalado por SIRVENT. Vi-spring sleep system e xogo 2 almofadas 50x75
- Roupa de cama: funda nórdica A.T. branca 260x240, saba baixeira A.T. axustable 180x200, edredón e. mariola 200g. plumón, todo de La Maison
- Roupa de baño: toalla A.T. baño branca 100x160, toalla A.T. lavabo branca 50x100, alfombra baño s.
branca, todo de La Maison
- Cortina 100% lino natural en cor branca crúa. Cortina de escurecemento tipo Foscurit 100% poliéster

Empresas colaboradoras:

As seguintes empresas colaboraron poñendo os seus mellores produtos a disposición dos clientes e usuarios do Hotel MARCO, ao longo de toda a duración do proxecto:

Aguas de Mondariz
[Auga mineral natural con/sen gas, botella cristal, 33cl] 

Aguas de Mondariz é calidade, saúde e pureza. Caracterízase polas súas calidades beneficiosas para a saúde, pola súa composición equilibrada ao longo do tempo, e o seu sabor único.

illycaffè
[Máquina espresso e cuncas de colección] 

A máquina Y1 do Metodo Iperespresso une innovación deseño e funcionalidade, combinando o pracer estético co pracer do espresso illy. Para resaltar a experiencia dun espresso perfecto, illy pon a disposición a colección de cuncas illy Art Collection deseñadas en 2006 por Michael Lin.

SIRVENT
[Sistema de descanso Vi-spring, recomendado e instalado por SIRVENT. Vi-spring sleep system]

SIRVENT recomendou e instalou a base e o colchón Vi-Spring que son o soporte perfecto para o descanso, proporcionado cos muelles especialmente confeccionados e seleccionados, unidos ademais polas fibras de coco e bambú, e a suavidade dos magníficos recheos como a lá de Shetland, a seda, o cachemir. Vi-spring foi pioneira no uso do muelle ensacado en 1901, e segue fabricando cen anos máis tarde guiado polos postulados de calidade e coidada artesanía.

Martínez Otero
[Mobiliario] 

Martínez Otero leva á práctica os máis altos estándares de calidade e coñecementos técnicos e tecnolóxicos, e inverte unha grande cantidade de tempo e recursos para conseguir unha mellora continua en termos de deseño, fabricación e satisfacción das necesidades dos seus clientes.

I.C.O.N. - O.P.I
[Produtos cosméticos] 

Un compromiso coa imaxinación, co coidado e o estilo persoal. Un enfoque renovado, que abarca influencias de todo o mundo e as exhibe nos seus envases, produtos, prácticas, coleccións e na sempre cambiante percepción da beleza.

Weber
[Morteiros industriais] 

Weber, líder mundial na fabricación de morteiros, dispón dunha ampla gama de solucións cunha avanzada formulación, que responde ás máis altas esixencias técnicas.

Síntese do proxecto


O Espazo Anexo é unha construción independente do edificio principal do MARCO, situada na praza peonil posterior, cunha superficie total duns
100 m2. Foi inaugurado en 2004 como sala de proxectos, e dende entón acolleu multitude de exposicións e proxectos, na súa maioría propostas individuais, pensadas especificamente para este espazo, e que en moitos dos casos estaban intimamente relacionadas coas características peculiares do Anexo, coa súa situación fronteiriza e de transición entre a rúa e o espazo expositivo, xogando coa dualidade interior-exterior que é característica deste lugar.

A partir do mes de abril de 2011, iníciase un novo período coa inauguración do ‘Hotel MARCO’, do artista Michael Lin e rvr arquitectos, un proxecto innovador que consiste en transformar o Espazo Anexo nun cuarto de hotel con distintos usos, e que toma como punto de partida a propia estrutura do Anexo, as súas connotacións, e ese frutífero diálogo entre espazo público e privado.

Michael Lin (Tokyo, 1964) é recoñecido internacionalmente polas súas monumentais instalacións de deseños florais, realizadas sobre todo tipo de superficies, e que concibe como procesos arquitectónicos, onde propón unha forma diferente de experimentar o espazo a través da pintura. rvr arquitectos é un estudio formado polos arquitectos José Valladares Durán, Alberto Redondo Porto e Marcial Rodríguez Rodríguez, que desenvolven o seu traballo en Santiago de Compostela dende o ano 2002.

A idea do proxecto xorde da oportunidade de reformar un lugar xa existente e de dotar ao museo dun espazo habitable concibido como proxecto artístico, para poder invitar a comisarios, artistas e investigadores a coñecer o noso contexto, dentro dun programa de residencias. Ademais, calquera persoa interesada poderá utilizalo como cuarto de hotel propiamente dito, logo de reserva e pagamento de tarifa, e gozar da experiencia de albergarse dentro dun espazo expositivo pensado como obra de arte, e situado á vez dentro e fóra das instalacións do Museo.

A estética relacional —ideada polo teórico francés Nicolas Bourriaud para nomear un tipo de instalacións nas que a experiencia entre as persoas, a obra e a realidade conviven e definen o significado— facilita a lectura deste espazo como peza de arte, e compréndese a partir dos traballos de moitos creadores de finais dos anos oitenta e principios dos noventa. O proxecto ‘Hotel MARCO’ enténdese como lugar de intercambio social e como unha sorte de “práctica artística que toma como punto teórico e práctico o todo das relacións humanas e o seu contexto social”, como diría Bourriaud.

Dende a inauguración do 8 de abril, ata o 18 de maio, Día Internacional do Museo, o lugar estará aberto ao público no horario habitual, como espazo expositivo. A partir da devandita data comezará o seu uso como cuarto de hotel, sexa dentro do programa de residencias ou para reservas de particulares.

Artistas

Michael Lin


Michael Lin (Toquio, 1964) é recoñecido internacionalmente polas súas monumentais instalacións de murais pintados, realizados sobre todo tipo de superficies —paredes, teitos, chans—, que representan a grande escala os coloridos estampados de motivos florais taiwaneses, e que concibe como unha forma diferente de experimentar co espazo mediante a pintura, e de ver a arte como un evento social. Habitualmente utiliza o espazo (público ou privado) como medio, onde —nas súas propias palabras— “a obra convértese en parte do espazo, máis que un obxecto no espazo”. A pintura das súas instalacións transforma a percepción do lugar onde se instala, desafiando a autonomía das formas de arte e provocando situacións de participación directa co espectador.

A obra de Michael Lin sitúase dentro do marco da práctica relacional, que define os valores estéticos como relaciones sociais, e onde a comunicación, a interacción e a experiencia vital do público dentro do espazo conforma a base do proxecto artístico. Lin reafírmase no seu papel de activador social ao descontextualizar a súa obra e integrala na esfera da realidade inmediata, deseñando interiores, mobiliario, cuncas de café ou unha pista de tenis.

As súas exposicións máis recentes inclúen: 2ª Bienal de Moscú (2007), Schaurausch-O.K.Centrum, Linz, Austria (2007); Spaces Within, 21st Century Museum of Contemporary Art, Kanazawa, Xapón (2006); The Contemporary Museum, Honolulu, Hawaii (2005); Bienal de Lyon (2005); PS1 Contemporary Art Center, Nova York (2004); Fundación Montenmedio (NMAC), Cádiz (2003); Palais de Tokyo, París (2002); Urgent Painting, Musée d’Art Moderne de la Ville de Paris, París (2002); Asianvibe, EACC, Castellón (2002); Gwanju Biennial Hall, Gwanju, Corea (2002); 49ª Bienal de Venecia, Pavillón de Taiwán (2001); VII Bienal de Istambul (2001); ARS O1, Kiasma Museum, Helsinki, Finlandia (2001); Casino 2001, SMAK, Gante, Bélxica (2001); The Sky is the Limit, Bienal de Taipei, Taipei Fine Arts Museum, Taipei, Taiwán (2000). Actualmente vive entre París e Shangai.

rvr arquitectos


Estudio formado polos arquitectos Alberto Redondo Porto (Vilagarcía de Arousa, 1964), José Valladares Durán (A Estrada, 1966) e Marcial Rodríguez Rodríguez (Valladolid, 1965), que tras uns anos de actividade independente con colaboracións esporádicas entre eles e con outros arquitectos da súa xeración, a finais de 2002 deciden que é hora xa de sentar a cabeza e iniciar un camiño profesional menos promiscuo. Desenvolven o seu traballo en Santiago de Compostela e están dedicados á práctica da arquitectura. 

Son autores, entre outros, dos seguintes traballos: Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, Pontevedra; adecuación do ámbito do Faro de Fisterra (premio COAG 2009 en espazos exteriores); reforma da praza e miradoiro de Belvís, Santiago de Compostela; rehabilitación da á sur do Convento de San Domingos de Bonaval para a súa adecuación como espazo de exposición para o Museo do Pobo Galego, Santiago de Compostela; plan especial de protección do Castro de Baroña, Porto do Son; reforma do Fogar de Maiores en Ferrol; 25 vivendas de protección oficial en Pontepereda, Santiago de Compostela. Os seus traballos foron seleccionados para o 6º Premio Europeo de Paisaxe Rosa Barba; IV Premio de Arquitectura Enor e X Bienal de Arquitectura Española. Así mesmo, foron publicados en revistas como Obradoiro 33 y Arquitectura COAM 359.

http://www.rvr-arquitectos.es

 

Texto artista

TEXTO DO ARTISTA

En - un espazo para transaccións climáticas, visuais e sociais

“Na cultura xaponesa, o termo en significa transacción, en tres contextos diferentes: na moral budista refírese á lei do Karma, á ponte causa-efecto na cadea das accións humanas (por ex., in-en = Karma); nas relacións sociais, aos vínculos entre diferentes individuos (por ex., en-musubi = lazos afectivos); e en arquitectura, á transición entre interior e exterior, entre edificio e natureza, entre o privado e o público (por ex., en-gawa = varanda).

En calquera destes tres contextos, en implica conexión e/ou separación, e nin un nin outro por separado, senón ambos os dous simultaneamente. En última instancia, o uso de en suxire unha interpretación profundamente ambivalente do ser humano, das súas estruturas sociais e produtos arquitectónicos, non como algo simplemente independente ou non dependente, senón como interdependentes entre si, é dicir como parte os uns dos outros.

No caso deste proxecto, o meu interese reside na creación dun espazo transaccional, un espazo in-between que está conectado e/ou separado do espazo privado do cuarto de hotel, e o espazo público da rúa. A pintura que cobre as paredes exteriores do cuarto, unha apropiación de estampados téxtiles tradicionais de Taiwán —cultura estranxeira pero que á vez mantén os seus domésticos orixes pre modernas— utilízase aquí para transformar a dureza da caixa arquitectónica nunha suave membrana táctil que de inmediato sinala o cuarto de hotel como un obxecto separado do espazo expositivo, e que actúa sobre ese espazo coas súas cores e a súa aparencia foránea. Este espazo in-between, que é accesible ao público dende a rúa, dá a benvida e seduce ao viandante, invitándoo a entrar nesta transacción e/ou non-transacción de arte e/ou non-arte”.

Michael Lin

TEXTO DOS ARQUITECTOS

“Vemos o noso traballo para o Hotel MARCO como unha reflexión sobre o espazo público e o espazo privado. Ou mellor aínda sobre o lugar de encontro entre ambos os dous. O espazo público é aquí a rúa, un ámbito múltiple e social, resistente ás xerarquías. O espazo privado é o do cuarto de hotel, que pertence ao corpo e ás súas accións: o descanso, o aseo, a contemplación, quizais o sexo. Na forma de conseguir que a vida que transcorre na rúa non interfira na vida privada e persoal que poida transcorrer no cuarto, e no xeito en que este espazo privado se ofrece ao exterior, é no que insistimos tanto nós dende a arquitectura, como —cremos— Michael Lin dende o seu traballo artístico.

A separación física entre a rúa e o cuarto será moi delgada, apenas uns centímetros de taboleiro e illamento, o suficiente para conferir ao espazo interior a autonomía necesaria para facelo habitable: a súa independencia visual, acústica e climática do espazo da rúa. Así, o cuarto do Hotel MARCO non se concibe como unha parte do edificio do Museo, senón máis ben como un pequeno edificio dentro doutro máis grande, como un cuarto dentro doutro cuarto. O seu interior é como un traxe á medida, á medida de quen o vai habitar durante un tempo curto, en ocasións só unha noite, pero que buscará a calidez e a comodidade dun bo pano. Cara á rúa, esa membrana é representación pura, as súas paredes exteriores pertencen xa á cidade, e preséntanse a ela a través do traballo de Michael Lin.

Hai no habitar dun cuarto de hotel a contradición de intentar sentirnos como na casa, ao tempo que buscamos tamén alcanzar, ou que se nos ofreza, o que na nosa vivenda nos falta. Apreciamos atopar algo da proximidade do que xa temos, pero tamén aquilo do que na casa carecemos ou que nos falta tempo para gozar: horas de sono nunha cama grande e ben cómoda —sen molestos ruídos do veciño— sabas pasadas polo ferro, control exacto e a conveniencia da iluminación e a temperatura, unha butaca confortable, un baño amplo, presión de auga, toallas suaves... todo aquilo que fai que o corpo se sinta ben e que tantas veces non podemos ou non temos tempo de gozar. A nosa proposta para o cuarto non fai senón insistir en que todas esas accións sexan posibles, en crear unha estanza onde se poida vivir esa experiencia de luxo sinxelo, de benestar, da que falamos. Así, o cuarto non se entende como un espazo referencial ou representativo, senón simplemente destinado ao corpo, ao seu goce; e todas as cousas que a ocupan —cama, mobles, baño, luces, tecidos— están concibidos para favorecer esa sensación de comodidade.

O cuarto é unha única sala que sen descontinuidades acolle o fundamental dun cuarto de hotel: a área de descanso ou traballo, o lugar da cama, e o espazo do baño. Só un moble de armario-bañeira fragmenta de forma leve a sala para proporcionar algo máis de privacidade á zona do baño. Todo o equipamento lévase á parede oposta á entrada, cun moble continuo de madeira lacada que acolle o escritorio, a cama, o moble-bar, os lavabos, a iluminación, etc.

Dende as caras exteriores do cuarto proxéctanse, como canóns cara a fóra, a pasaxe de acceso dos hóspedes —atravesalo supón uns segundos de fronteira entre o exterior da rúa e o interior do cuarto— e dúas entradas de luz natural: unha que pon en relación a estanza cun fragmento acoutado do pequeno xardín próximo, e outra que achega a luz do ceo de Vigo á zona de aseo, mirando cara ao reloxo que culmina a fachada do MARCO, como metáfora do paso do tempo e do destino histórico do edificio”.

r v r  arquitectos

 Planta do Hotel MARCO (no arquivo que acompaña en pdf.)

Comisariado

Iñaki Martínez Antelo


Iñaki Martínez Antelo (Santiago de Compostela, 1969) é director do MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, dende o 18 de novembro de 2005. É licenciado en Historia da Arte Contemporáneo pola Universidade de Santiago de Compostela, e máster en Estética e Teoría da Arte polo Instituto de Estética adscrito á Universidade Autónoma de Madrid. Tras o seu paso polo Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela (1996-1998), foi coordinador de exposicións no Auditorio de Galicia (1998-2002) e coordinador de actividades culturais en Casa Asia, Barcelona (2002-2003). Dende o ano 2003, pouco despois da súa inauguración, viña desempeñando o cargo de responsable de exposicións do MARCO, ata que, tras un concurso público, foi designado director a finais de 2005. En febreiro de 2011 é elixido presidente da Asociación de Directores de Arte Contemporáneo de España.