rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Indisciplinados: a posición da arte nas fronteiras do deseño

Indisciplinados: a posición da arte nas fronteiras do deseño

Ficha

Datas: 
11 xullo 2003 - 19 outubro 2003
Lugar: 
Planta Baixa
Horario: 
Martes a domingo (festivos incluídos): 11:00h - 21:00h.
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Nuria Gual Solé

Obras na exposición

Esculturas 10              Net-art 2
Fotografías 19             Videoproxeccións 3
Instalacións 18            DVD 2
Proxecto de interiorismo 1

Síntese do proxecto

Exposición colectiva de producción propia sobre as fronteiras da linguaxe creativa, nos lindes da arte e o deseño, na creación española de finais do século XX e inicio do XXI. É unha mostra única no territorio español, que se inscribe no conxunto de actividades que configuran El Año del Diseño 2003.

Nos últimos anos xurdiu en todo o territorio español unha nova xeración de artistas e deseñadores que traballan en ámbitos creativos nos que a arte, o deseño e maila arquitectura se contaminan e fusionan entre si para dar lugar a obras de arte que cuestionan o concepto de autoría, o trazo de autor ou a “aura” da obra de arte: con frecuencia son obras creadas por colectivos, en colaboración con deseñadores ou arquitectos, ou ben realizadas mediante procesos de fabricación industrial e xeralmente están producidas en serie.

A experimentación creativa do século XX empregou as tecnoloxías máis diversas, facilitando a hibridación das linguaxes e diluíndo as fronteiras disciplinares. Estamos, unha vez máis, ante a vontade de zarandea-las convencións da arte tradicional, usando estratexias atípicas e aceptando produccións doutros eidos.

Un momento no que calquera medio é útil: arte editable/deseño non producible, arte mecanizada/deseño manufacturado. Trátase da indisciplina, nun lugar no que os compartimentos estancos xa non nos achegan a ningunha verdade; quizais o cruce e mailo mestizo nos axuden a recolle-lo pulso do momento. Un discurso, este, que se resiste ás convencións de xénero, que emprega recursos múltiples e responde mal ás clasificacións tradicionais.

Os cruces entre as artes visuais e o deseño teñen unha tradición suficientemente recoñecida, especialmente dende Andy Warhol. Este desprazamento das preocupacións dos artistas cara a cuestións aparentemente máis formais ou banais non é casual, nin anecdótico. Detrás diso agáchase unha aproximación cara a temas e cuestións que ata hoxe foran relegadas a eidos de investigación propios doutras disciplinas como a socioloxía, a psicoloxía, o urbanismo ou o marketing: as referencias ó “marquismo” (como se denomina en socioloxía a influencia das “marcas” nos hábitos de consumo, sobre todo nos adolescentes), á “cultura de club” e maila súa presencia na formación de modos de representación de certas tribos urbanas; á análise do deseño gráfico, industrial ou de logotipos como elementos de recoñecemento, de marketing comercial, de control dos comportamentos de grupo e, por riba de todo, como vehículos de representación das clases sociais; e, por último, a reflexión sobre a moda como medio de exteriorización e posta en escena de certos valores culturais.

De aí o título da exposición: Indisciplinados. Non só porque son artistas difíciles de clasificar dentro das disciplinas preestablecidas na arte, ou nalgúns dos seus movementos artísticos, senón porque se inmiscen en territorios que ata hoxe lles estaban vedados.

En palabras de Martí Perán, asesor desta mostra, “hoxe por hoxe, a poucos lles importa cal podería se-la definición pura e estricta da cultura ou de calquera das súas disciplinas e, en consecuencia, a desobediencia ante determinadas suposicións non actúa con ningún espírito belixerante senón que o fai, para ben ou para mal, coa simpatía que caracteriza ó posmoderno."

Todo isto invítanos a unha reflexión, a unha aproximación ás obras desta exposición coa intelixencia, apertura e humor que elas esixen.

Artistas

    Alicia Framis
    Ana Laura Alaez
    Ana MIR y Emili Padrós
    Ángeles Agrela
    Bene Bergado
    Carles Congost
    Chus García-Fraile
    CUL De Sac
    EL Perro
    Héctor Serrano y Lola Llorca
    Jaume Plensa
    Joan Morey
    José Antonio Hernández-Díez
    Juan Carlos Román
    Maider López
    Mapi Rivera
    Martí Guixé
    Martín Ruiz De Azúa
    Miguel Ángel Gaüeca
    Mónica Alonso
    Naia Del Castillo
    Núria Marqués
    Rafael G. Bianchi
    Sofía Jack
    Suso Fandiño
    Tete Álvarez
    Vasava
    Xoan Anleo

Texto curatorial

INDISCIPLINADOS é unha viaxe que non se pode presentar dende unha posición sedentaria, botando de menos a confortabilidade do cotián e mailo asumido.

Precísase a alma dun nómade, que é quen de poñer na equipaxe só aquilo que, ademais de imprescindible, se poda cargar durante todo o traxecto.

INDISCIPLINADOS é un percorrido que trata de ofrecer algunhas orientacións para establecer posibles rutas sobre a arte actual do noso país.

OS ABANDONOS
Abandónanse para esta viaxe os grandes relatos, e con eles as ilusións grandilocuentes e cegadoras sobre arte.

Estes creadores desprazan constante e voluntariamente o territorio. Abandonan a visión romántica do “autor como heroe”, como xenio responsable da súa creación, e é necesaria a participación activa do espectador nas creacións. Xa non é posible crer que só uns poucos teñen encomendada a tarefa da creación.

A EQUIPAXE
Para esta viaxe será imprescindible dispor dun pasaporte con visado ás zonas transversais, xa que nos veremos arrastrados dun estado a outro sen percibi-las fronteiras. Meténdonos nos lugares difusos da experimentación creativa, onde conviven as tecnoloxías máis diversas coa hibridación das linguaxes.

Serán necesarios todos aqueles instrumentos que axuden no traxecto: unha intelixencia acirrada, altas doses de curiosidade e un corazón disposto. Non é suficiente contemplar; é necesario actuar.

O QUE VEREMOS
Imos visitar “provincias” que se achan sempre na fronteira, que non pertencen a ninguén e que carecen de historia. Como exploradores deste novo mundo, abrirémo-la porta ás últimas tecnoloxías e asistiremos a unha nova materialidade da obra, unha nova relación entre arte e ciencia e unha nova relación entre artista e espectador. Xa non son obxectos de contemplación estética senón axitadores de creación.

Neste entorno establécese a relación entre Arte e Deseño; atopamos arte editable á par que o deseño cuestiona o seu vínculo coa producción. Coqueteos da arte coa máquina e regresos do deseño cara á peza única. Reivindicando así a súa autoría, intentando inxectar á súa obra un compoñente “aurático”.

Os paralelismos crecen, os campos de interese mutuo tamén, as linguaxes aproxímanse creando un corpo común, para a aparición de novos significados e dun marco para a invención. As estratexias conflúen.

A RUTA
A vontade é presenta-lo total das obras sen secciona-lo seu contido en apartados convencionais nin ordenadas por parámetros historicistas. Para orientarse na exposición, ofrécese un cuadrante con cinco ángulos conceptuais sobre os que se sitúan as obras.

1. Os códigos
As obras empregan linguaxes trastornándoas e traizoándoas, xerando confusión a quen intenta descifrar un código imposible, perturbando calquera seguridade. Suscítanse as dúbidas acerca da capacidade da linguaxe e mailos códigos para a transmisión de coñecementos, pensamentos, valores ou crenzas.



¿Quizais a linguaxe sexa un mero xogo de símbolos, xestos e sintaxes, un conxunto de normas legais sistemáticas e baleiras que intentan denodadamente regular un imposible? Ou quizais as linguaxes deixaron de ser formas de representar cosas e comezaron a substituílas...

Obra seleccionada de: Naia del Castillo, Rafael G. Bianchi, Tete Álvarez, Juan Carlos Román, Suso Fandiño, Jaume Plensa.

2. Os escenarios
Produccións que reflexionan sobre hábitats alternativos, discorrendo en paralelo ó deseño interior pero afastados das súas necesidades funcionais. Universos imposibles que aparecen ante os nosos ollos como unha realidade esmagadora. Escenarios funcionando como un grande artefacto modificador de percepcións, ou das relacións co entorno.

Obra seleccionada de: Ana Mir e Emili Padrós, Mónica Alonso, Sofía Jack, Martín Ruiz de Azúa, Vasava, Diego Santomé, Xoan Anleo.

3. O simulacro
Apropiación, camuflaxe, recombinación. Confundidos no xogo de espellos ó que nos levaron os medios, navegamos nun superávit de realidade. Este territorio crúzase co mundo da publicidade, onde os obxectos deixaron de consumirse como producto pasando a exerce-lo seu poder simbólico (prestixio, calidade de vida, confort, felicidade...) A nosa adoración pola obra mestra corre paralela á nosa adoración fetichista pola mercancía.

Aparecen en deseño os “obxectos simulacro”, aqueles nos que o autor ten un peso específico, que perden o seu vínculo co uso e convértense no que non son, pisando e cruzando espacios.

Exemplos: Ángeles Agrela, Mapi Rivera, Alicia Framis, Naia del Castillo, El Perro, Joan Morey, Cul de Sac, Maider López.

4. A superficie
A reflexión aberta polo Pop acerca do banal e mailo cotián, resituou esta categoría, e estas obras reflexionan no entorno desa resituación.

Aquilo que era sinónimo de perecedoiro, fugaz e momentáneo, desdeñable para unha arte eterna, pasou a constituíla, asumindo así a discusión entre arte e mercancía que é parte esencial do discurso da modernidade e da cultura de masas. Trademarks, slogans, logos, pictogramas, tipografías, moda, videoxogos, publicidade, cine, deseño e videoclips insírense nas obras e condiciónanas. Obras que cuestionan os sistemas habituais de distribución ou exhibición.

Obra seleccionada de: Chus García-Fraile, José Antonio Hernández-Díez, Miguel Ángel Gaüeca, Ana Laura Aláez, Xoan Anleo, Suso Fandiño.

5. A inocencia
Propostas de discurso aparentemente inocente que, disfrazado, aproveita a dobre vertente inocencia-perversidade como motor creativo. Incorporando o humor e/ou a gargallada como elemento esencial da obra. Trátase de pezas benhumoradas, que non cínicas, e só usan a mentira como material constructor da obra.

Aparecen os “obxectos utópicos”, nos que a función se dá por implícita, onde o proxecto está máis alá da enxeñería, no convencemento de que a tecnoloxía os fará funcionar.

Obra seleccionada de: Núria Marqués, Héctor Serrano y Lola Llorca, Carles Congost, Bene Bergado, Martí Guixé.

Comisariado

Nuria Gual Solé

Doutora en Belas Artes (1995), profesora asociada (1988) e profesora titular (1995) do Departamento de Pintura da Universidade de Barcelona, onde imparte clases en especialidade e doutoramento. Participou como artista invitada en diversas convocatorias colectivas e individuais nacionais e internacionais, e colaborou con textos para catálogos de diferentes artistas. Membro do comité científico de Pasión. Diseño español (patrocinada por DDI e SEACEX en Berlín 2002 e Salamanca 2002; actualmente en itinerancia), e Xefa de documentalistas para La Ciutat Nova (patrocinada por Incasol no Colexio de Arquitectos de Cataluña, 2003; actualmente en itinerancia). Comisaria do certame Synergies Art-Disseny no FAD de Barcelona; Ajuntament de Barcelona, maio 2003.