rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina

Jorge Barbi.41º 52’ 59” latitude N/8º 51’ 12” lonxitude O

Ficha

Datas: 
16 outubro 2009 - 14 febreiro 2010
Lugar: 
Planta baixa
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 15.00
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, CAM Fundaçao Calouste Gulbenkian de Lisboa e Sociedad Estatal para la Acción Cultural Exterior (SEACEX)
Comisariado: 
Juan de Nieves

O 16 de outubro inaugúrase no MARCO a mostra individual de JORGE BARBI (A Guarda, Pontevedra, 1950), destinada a todas as salas da planta baixa, e comisariada por Juan de Nieves. A exposición baséase na idea do percorrido, do paseo, e da observación cotiá da natureza e as súas mutacións, como un extenso arquivo que o artista foi construíndo ao longo do tempo. O argumento constrúese a partir de varias series de fotografías realizadas nos últimos anos, xunto cunha coidada selección de pezas anteriores, e novas producións específicas para esta mostra, intentando establecer novas lecturas do seu traballo, no que será a primeira grande exposición individual deste artista.

ITINERANCIA

Tras a súa clausura en Vigo, a mostra viaxará a Lisboa, onde se exhibirá na Fundação Calouste Gulbenkian do 6 de maio ao 6 de xullo de 2010.

CATÁLOGO

Con motivo desta mostra, o MARCO de Vigo, a Fundação Calouste Gulbenkian e a Sociedad Estatal para la Acción Cultural Exterior de España, SEACEX, editarán un catálogo que inclúe un texto do comisario, Juan de Nieves, e textos críticos de Xosé Lois Gutiérrez, Ignacio Fernández e Luis Ortega, ademais de imaxes e información das obras en exposición.

 INFORMACIÓN Y VISITAS

O persoal de salas está a disposición dos visitantes para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:

· Todos os días ás 18.00

· Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita no tel. 986 113900

EXPOSICIÓN BIBLIOGRÁFICA

Biblioteca-Centro de Documentación

Do 16 de outubro 2009 ao 14 de febreiro 2010

Selección de publicacións que inclúe catálogos individuais e colectivos do artista

PROGRAMACIÓN DIDÁCTICA

‘CADERNO DE VIAXE’

Do 16 de outubro 2009 ao 14 de febreiro 2010

Visitas e obradoiros para escolares e familias en torno á exposición de JORGE BARBI

Síntese do proxecto

Dentro da nova liña de exposicións individuais inaugurada neste ano 2009, o MARCO de Vigo inicia a tempada de outono cunha grande exposición individual de Jorge Barbi, comisariada por Juan de Nieves, e realizada en coprodución coa Fundação Calouste Gulbenkian de Lisboa e a Sociedad Estatal para a Acción Cultural Exterior de España, SEACEX.

Jorge Barbi encarna unha das traxectorias máis interesantes da escena artística nos últimos vinte e cinco anos, tanto polos parámetros nos que se desenvolveu a súa práctica creativa —especialmente escultura, fotografía, e instalacións site-specific— como pola súa independencia das regras do mercado e do sistema artístico en xeral, cunha actitude irrenunciable dende a que continúa hoxe en día percorrendo o seu particular territorio de introspección poética e conceptual. A reflexión sobre o paso do tempo, sobre os obxectos e o seu contexto, a dialéctica forma-contido, e a preocupación en torno aos mecanismos de percepción, son algunhas das constantes na súa obra.

O título da exposición do MARCO, 41º 52' 59" latitude N/8º 51' 12" lonxitude O, refírese ás coordenadas xeográficas que abranguen a zona pola que o artista realiza os seus percorridos diarios.

 Dende principios dos anos oitenta, Jorge Barbi adopta a viaxe, o paseo, como método de traballo para a observación dunha xeografía que coñece ben e da que sabe extraer un amplo repertorio de restos e accidentes, unha cartografía exhaustiva da paisaxe e dos elementos cambiantes que o conforman. A natureza proporciónalle toda unha serie de obxectos e lugares dos que se apropia, tanto pola súa carga enerxética coma pola posibilidade de incorporar novos valores simbólicos. O exercicio do paseo e a observación cotiá de animais, pedras, algas, plantas, excrementos, anacos de madeira e tamén outros obxectos de natureza inorgánica, converten a Barbi nunha especie de científico que rexistra minuciosamente as súas transformacións e desprazamentos, que máis tarde, e a partir dun proceso lento e minucioso, converte en fragmentos poéticos e enigmáticos.

A exposición do MARCO, destinada a todos os espazos da planta baixa, reúne varias series de fotografías dos últimos anos, xunto a unha selección de obras anteriores, e varias pezas realizadas especificamente para esta mostra ou de nova produción.

O comisario, Juan de Nieves, intentou fuxir do concepto de ‘retrospectiva’ ao uso e das secuencias cronolóxicas na presentación das obras, para establecer unha orde propia, circular, específica para este proxecto, que fai énfase na idea de proceso e, sobre todo, nun percorrido de grande intensidade poética. A montaxe tivo moi en conta este concepto expositivo, sacando partido da combinación de estruturas arquitectónicas, condicións lumínicas e recursos visuais, que subliñan as relacións entre as obras, nun diálogo continuo de obras anteriores con traballos máis recentes. Nalgúns casos, as pezas fixéronse específicas a través da propia arquitectura do museo, coa transposición das obras a outros formatos, como é o caso das obras —inicialmente escultóricas— Diluculum, e Aquí tampoco se desvela ningún enigma, ou da grande instalación titulada Esperanza de vida animal, nun dos patios. No centro do panóptico, o disco de poliuretano titulado Estoy perdido, no me retenga supón case unha declaración de principios, mentres a galería central acolle unha proxección en nove canles de máis de duascentas imaxes fotográficas procedentes do arquivo persoal do artista.

Artistas

Jorge Barbi (A Guarda, Pontevedra, 1950)

Exposicións individuais

1989 Casa da Parra, Santiago de Compostela

1989, 1991, 1995 Galería Gamarra Garrigues, Madrid

1996 Galería Abel Lepina, Vigo

1998 Galería Juana de Aizpuru, Sevilla

1999 Galería Doble Espacio, Madrid

2001 Galería Trinta, Santiago de Compostela

2003-2004 El muro de Planck, Museo Patio Herreriano, Valladolid

Intervencións en espazos específicos

1985-1986 Sendas, Serra da Grova, Pontevedra

1992 Roda de Isabena, Diputación de Huesca

1993 Pasto de vacas, La Liébana, Cantabria

1995 Hueso de enemigo, Castelo de Soutomaior, Pontevedra

1997 Casa de Juegos, Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), Santiago de Compostela

1998 Fisuras na percepción, XXV Bienal de arte de Pontevedra, Pontevedra

2002 Memoria de elefante, Doméstico’01, Madrid

2003-2004 El muro de Planck, Museo Patio Herreriano, Valladolid

2005 Illa de San Simón, Vigo

2006 Green Paths, White Paths, Echigo Tsumari Art Triennial, Matsudai, Xapón

2006 A cidade interpretada, Santiago de Compostela

Exposicións colectivas

1984 VI Bienal de Arte de Pontevedra

1989 Presencias y procesos, Casa da Parra, Santiago de Compostela

1990 Revisión de una década 1978-1988, Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela/Casa das artes, Vigo

1991 Col·lecció Testimoni, Fundació ”la Caixa”, Barcelona

1992 Pabellón de Galicia, Exposición Universal de Sevilla Expo’92, Sevilla

1993 Ver a Miró, Fundació ”la Caixa”, Madrid

1994 Gran Formato, Galeria Gamarra Garrigues, Madrid

1995 Nordesía, Centro Cultural Conde Duque, Madrid

1995 Escultura Gallega 1980-1990, Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), Santiago de Compostela

1995 Signos y milagros, Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), Santiago de Compostela

1996 Colección Arte Contemporáneo, Fundació ”la Caixa”, Albacete

1997 m.e.s.s.a.g.e. Positionen aktueller Kunst, Galería Schüppenhauer, Colonia, Alemaña

1997 La escultura moderna en Galicia. De Asorey a los 90, Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela

2000 Colección Arte Contemporáneo, Fundació ”la Caixa”, Palma de Mallorca

2000 Un bosque en obras, Sala de las Alhajas, Madrid/Museo Esteban Vicente, Segovia

2000 Luis Buñuel, los enigmas del sueño, Diputación de Huesca e Museo Pablo Serrano, Zaragoza

2001 La Noche, Museo de Arte Contemporáneo Esteban Vicente, Segovia

2002 Arte en España 1977-2002, Colección Fundación Patio Herreriano de Arte Contemporáneo Español de Valladolid/Sala de Exposicións Manege, Moscú, Rusia

2002 Cardinales, MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo

2002 Vinte anos, vinte escultores, Centro Torrente Ballester, Ferrol

2003 Urbietorbi. PhotoEspaña en la calle, PhotoEspaña, Madrid

2003 Cuatro dimensiones. Escultura en España 1978-2003, Museo Patio Herreriano, Valladolid

2003 International Gallery, Baltimore, EUA

2003 Olladas Oceánicas, Museo do Mar de Galicia, Vigo

2004 El Efecto Bola de Nieve. Una relectura de las Colecciones ICO, Fundación ICO, Madrid

2005 20 Desarranxos, MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo

2006 Naturalmente artificial, Museo Esteban Vicente, Segovia

2006 Colección Caixa Galicia en el IVAM, Institut Valencià d’Art Modern, Valencia

2006 Entre a palabra e a imagem, Fundación Luis Seoane, A Coruña/Museu da Cidade, Lisboa, Portugal – São Paulo e Porto Alegre, Brasil

2006 Acciones estratégicas. Arte actual na Deputación da Coruña

2006 A cidade interpretada, Santiago de Compostela

2007 Tempo ao Tempo, MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo

2008 Arte galega na Colección Caixanova, Instituto Cervantes, París

2008 Arte español 1957-2007, Palazzo Sant’Elia, Palermo, Italia

2008 A sombra da Historia, Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), Santiago de Compostela

2009 A mancha humana/The Human Stein, Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), Santiago de Compostela

2009 Rexistros abertos. Arte galega actual, Museo Provincial de Lugo

Coleccións públicas

Fundació ”la Caixa”, Barcelona

RENFE, Madrid

ICO, Madrid

Xunta de Galicia, Santiago de Compostela

Fundación Coca-Cola, Madrid

Centro Galego de Arte Contemporánea CGAC, Santiago de Compostela

Unión FENOSA, A Coruña

Caixanova, Vigo

Caixa Galicia, A Coruña

Fundación Patio Herreriano, Valladolid

Fundación Mª José Jove, A Coruña

Texto curatorial

“Ao longo dos últimos vinte e cinco anos, Jorge Barbi percorreu case diariamente a mesma paisaxe. Este ‘pasear’ supón un íntimo exercicio físico e espiritual no que o artista se confronta coa paisaxe apenas alterada da súa infancia, e co cal mantén unha estreita relación emocional. A partir desta práctica sinxela e cotiá pero profundamente arraigada, Barbi extraeu do lugar —da súa xeografía— todo o repertorio de imaxes, obxectos e ideas que conforman o seu pensamento artístico.

Se ben a maior parte da súa obra está asociada a unha dimensión escultórica —dende a mera apropiación de obxectos atopados ata a manipulación máis elaborada—, non será ata finais dos anos noventa cando o seu traballo se materialice en diferentes series fotográficas que parten dunha observación minuciosa da natureza e as súas transformacións, e da súa atracción pola versatilidade formal que adoptan os seus variados accidentes.

Durante os últimos dez anos, o rexistro desas imaxes constitúe un extenso arquivo e á vez unha topografía ‘localizada’ de fenómenos temporais. Para a súa realización, o artista asumiu unha dobre función: a dun científico e a dun poeta, para un espazo e tempo determinados.

Para a súa exposición no marco de Vigo, o punto de partida constitúeno varias series de fotografías realizadas nos últimos anos, xunto cunha coidada selección de pezas anteriores, de modo que a partir deste conxunto se poidan establecer novas lecturas do seu traballo. Por outra banda, a noción de retrospectiva queda cuestionada non só en termos dunha suposta lóxica cuantitativa, senón sobre todo polo feito de prescindir dun esquema cronolóxico que tende a limitar as capacidades de evocación poética e sensitiva da obra.

O xeito de asociar diferentes traballos no espazo, a importancia do baleiro, a emanación dunha luz propia ou externa, as diferentes formalizacións en definitiva que estas imaxes poden adoptar... todo iso está presente nun xogo de tensións e equilibrios co fin de que o feito expositivo se converta nunha verdadeira experiencia sensorial para a audiencia.

Catro das series referidas correspóndense con diferentes accidentes naturais que o artista foi descubrindo nos seus paseos diarios. Na súa materialización a dimensión temporal xoga un papel decisivo. Así, en Charcas e Excrementos de gaviota, as rochas aloxan ocos e detrito sedimentados lenta e persistentemente; e do mesmo modo, nas series Espuma e Paisajes de arena, trázanse as formas caprichosas dun tempo fugaz e irrepetible. Por outra banda, Barbi prolonga a sorpresa do encontro ao desdobrar simetricamente estas imaxes co obxecto de extraer novas formas insospeitadas e inquietantes.

A serie Antes/Después recolle as transformacións producidas tanto na paisaxe coma no contorno cotián do artista. Non hai subxectividade ningunha nestas imaxes, tan só a aséptica constatación dos cambios que reflicten o paso do tempo.

Os elementos atopados que xeran estes traballos están representados nun esquemático mapa persoal en torno a unha liña de costa de 20 quilómetros, formando unha topografía circular e concentrada que podería definirse como un ‘arquivo de descubrimentos’, verdadeiro diario visual e poético do artista ao longo do tempo.

Este proxecto inclúe tamén unha selección de pezas de diversa natureza realizadas polo artista ao longo de toda a súa traxectoria. Máis que atender a unha vinculación temática coas series fotográficas antes expostas, favoreceuse a inclusión de obras que poidan establecer conexións transversais, de modo que o resultado se ahegue máis á idea dunha paisaxe emocional. Para iso, e entre outras pezas, inclúense Reconstrucción (1989), Little Bang (1993), ou Solutio Perfecta (1997)”.

Juan de Nieves

Comisario da exposición

Comisariado

Juan de Nieves

Juan de Nieves (A Coruña, 1964) é comisario independente. Licenciado en Historia da Arte Moderna e Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela. Conservador do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) entre 1994 e 1998, ocupou o cargo de técnico de exposicións no Consorcio de Museos da Comunitat Valenciana en 1998-99. A partir de entón incorpórase como xefe de exposicións no Espai d'Art Contemporani de Castelló, sendo director artístico da devandita institución dende finais de 2004 ata 2008. Foi comisario de diferentes exposicións, entre as que destacan Atención: algunas vueltas más para llegar… Un proyecto de Angel Vergara (EACC, Castelló, 2007); Cantos Cívicos. Un proyecto de NILC (MUAC, México, 2008/EACC, Castelló, 2007); Daniel Buren. Les Cabanyes de ceramica i espill (EACC, Castelló, 2006); Contemporane@ 05. Interferencias en la ciudad y sus paisajes asociados (EACC, Castelló, 2005); Laughing Allowed (Galería adhoc, Vigo, 2004); Contemporane@ 02. Plataforma de proyectos (EACC, Castelló, 2002); Isaac Pérez Vicente: a luz na sombra (CGAC, Santiago de Compostela, 1996); Incidentes (Casa da Parra, Santiago de Compostela, 1995); Sida. Pronunciamiento e acción (Palacio de Fonseca, Santiago de Compostela, 1994); O proceso abstracto. Artistas galegos, 1950-1979 (Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela, 1993). Ten realizado proxectos de arte pública, entre os que destacan Prototipo de espacio para gestionar las emociones en el hospital, con Josep María Martín (EACC/Hospital Provincial de Castelló, 2006-2008); Gaiata peregrina con Antoni Miralda (Castelló, 2007); e Prótesis Institucional con Santiago Cirugeda (EACC, Castelló, 2005).